APRAFOGA ADVIRTE DE QUE A AMALGAMA DE MEDIOS ESTABLECIDOS NO PLAN DE INCENDIOS CONDICIONA SERIAMENTE AS TAREFAS DE EXTINCIÓN

 A existencia de medios diferentes de diversas administracións e entidades públicas e privadas, xunto á falta de formación e experiencia dalgúns deles, eleva o risco de accidentes e impide atallar o lume

Só o 21% das 589 brigadas para a época de alto risco que comeza mañá pertencen á Xunta, mentres a maioría de brigadas dos Concellos presentan carencias de formación e experiencia

Os axentes forestais e medioambientais de Galicia lembran que nos seus 140 anos de existencia, ningún dos funcionarios do corpo foi detido ou imputado por un delito tan grave como o de incendio forestal

APRAFOGA pídelle á cidadanía que siga as recomendacións básicas para evitar os incendios forestais e preservar o patrimonio natural

30 de xuño de 2014.- A Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia (APRAFOGA) amosa a súa enorme preocupación pola organización dos medios humanos e forestais dos que se disporá para afrontar, a partir de mañá 1 de xullo, a época de perigo alto de incendios forestais en Galicia. A entidade considera que os recursos establecidos no Plan de Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) supoñen “unha amalgama de medios diferentes pertencentes a diferentes administracións e entidades públicas e privadas” que condiciona o resultado das tarefas de extinción.

O plan contempla un total de 589 brigadas no periodo de risco alto. Delas, só o 21% (145) pertencen á administración autonómica, que posúe as competencias en materia de incendios forestais. En termos de persoal, é case o 37% do total, aínda que entre o 10% e o 20% das prazas destas brigadas da Xunta están vacantes. Xa non foron cubertas o pasado verán e a miúdo teñen que acudir aos incendios só con dous ou tres compoñentes, polo que se perde operatividade e seguridade nos labores de control e extinción. Cómpre lembrar que as brigadas autonómicas son as que teñen maior formación e experiencia e coñecen á perfección o seu ámbito de actuación e todas as infraestruturas de defensa.

Polo contrario, as brigadas de Concellos representan aproximadamente o 50% do operativo previsto no PLADIGA e aínda que algunhas delas contan con moita experiencia, na maioría descoñécese se existe unha selección de persoal acorde ao traballo a desenvolver e se teñen formación abondo. Ademais, con frecuencia descoñecen o territorio e as infraestruturas de defensa, non saben aplicar as técnicas de extinción e en ocasións non dispoñen de equipos de protección idóneos e ignoran as medidas de seguridade.

“Entre a espada e a parede”

Con estas circunstancias, APRAFOGA expón que os axentes forestais e medioambientais, que teñen a alta responsabilidade de dirixir a extinción de incendios, vense obrigados “a traballar entre a espada e a parede, por un lado coa premura de atallar o lume o antes posible e por outra procurando que non haxa accidentes” coordinando persoal que en gran medida está pouco formado e experimentado.

Estas carencias nos operativos de extinción explican en parte que nos últimos anos Galicia se tivese que enfrontar a incendios forestais de maior tamaño, a pesar de que o número total de lumes se reducise considerablemente.

APRAFOGA está segura de que os axentes forestais e medioambientais van acometer a campaña coa mellor profesionalidade posible. Non obstante, terán que traballar cunha elevada preocupación polo perigo potencial e a eventual asunción de responsabilidades no caso de accidentes. Un lamentable exemplo foi o accidente acontecido en agosto de 2010 en Fornelos de Montes (Pontevedtra), no que faleceran dous brigadistas dunha empresa pública nas tarefas de extinción. O axente forestal, a pesar de terse feito cargo do incendio cando o accidente xa tiña acontecido e de tomar como primeira decisión a busca dos dous brigadistas desaparecidos, estivo imputado por dous delitos de homicidio imprudente ao longo de toda a instrucción.

As funcións dos axentes forestais e medioambientais nos incendios forestais

A asociación APRAFOGA quere precisar ademais o papel dos axentes forestais e medioambientais nas áreas prevención, detección, extinción e investigación de incendios forestais.

En materia de prevención, destacan a inspección e denuncia de situacións de risco e das redes de faixas de xestión de biomasa e o seguimento dos traballos preventivos efectuados pola administración ou con diñeiro público. En detección, controlan o traballo realizado desde os postos de vixilancia fixos e deseñan percorridos para os equipos de vixilancia móbil, ademais de distribuír os medios de detección polo territorio.

No que respecta á extinción, os axentes forestais e medioambientais teñen encomendada a instrución aos medios de combate propios da Xunta nas técnicas de extinción e autoprotección e son, no 90% dos casos, os responsables da dirección de extinción. Por lei, teñen a condición de axente de autoridade, poden mobilizar os medios públicos e privados e ao seu cargo está o persoal participante nas tarefas de extinción.

E no ámbito de investigación, os axentes forestais e medioambientais contan cunha alta formación para determinar as causas e os presuntos autores dos incendios. Na maioría dos casos as súas investigacións son as que detectan os incendiarios e permiten poñelos a disposición xudicial, aínda que a miúdo se atribúa unicamente esta laboura  ás forzas e corpos de seguridade do Estado. E todo a pesar da limitación de medios, xa que o PLADIGA prevé que haxa entre un e tres axentes forestais e medioambientais destinados a investigación en cada distrito, cando en realidade un concurso de traslados recente e varias prazas vacantes deixaron a numerosos distritos sen estas funcións asignadas e cubertas na actualidade.

Un corpo sen reforzos e confundido con outros colectivos

Neste sentido, APRAFOGA lamenta que os axentes forestais e medioambientais sexan o único colectivo do operativo de defensa contra incendios que non se ve reforzado na época de perigo alto e que ademais ve minguada a cantidade de postos por mor da amortización paulatina de prazas dende que se transferiron as competencias a Autonomía. Na actualidade, este corpo de funcionarios autonómicos está composto por 550 prazas, distribuídas en dous terzos na Consellería do Medio Rural e do Mar e o terzo restante na de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Ademais, a asociación critica que as importantes funcións que desempeñan os axentes non se lle dean a coñecer oportunamente á cidadanía e que mesmo se lles atribúan a outros colectivos cos que se os confunde a miúdo, como as forzas e corpos de seguridade do Estado, brigadistas, gardas ou vixilantes. E valora aínda máis negativamente que en ocasións se divulguen informacións nas que se atribúa un incendio forestal intencionado a axentes forestais ou gardas forestais, sen que os autores ostenten tal condición, danando gravemente a imaxe pública destes profesionais.

Por eso, APRAFOGA lembra que nos 140 anos de existencia do corpo de axentes forestais e medioambientais nunca ningún dos seus membros foi detido ou imputado por un delito tan grave como o de incendio forestal.

Recomendacións básicas contra o lume

Por último, APRAFOGA fai un chamamento á cidadanía para que contribúa a evitar os incendios forestais, cunha serie de recomendacións básicas como non facer uso do lume nas áreas forestais ou de influencia forestal, non fumar no monte nin tirar cabichas encendidas, non usar lume nas áreas recreativas para facer ou quentar comida, non utilizar fogos de artificio en zonas forestais ou de influencia forestal, ou evitar ir ao monte nos días moi secos ou quentes.

Así mesmo, nos traballos forestais débese utilizar maquinaria con dispositivos matachispas e evitar empregar desbrozadoras mecánicas ou manuais en días secos e quentes. E a fumigación e desinfección de panais de abellas débese evitar durante o verán, a non ser con fumigadores equipados con dispositivos de retención de chispas.

En casos de lume, os cidadáns deben comunicarllo ao 085 ou ao 112. Non deben participar nos labores de extinción directa se non teñen coñecementos e non dispoñen da indumentaria adecuada, pero si deben poñerse a disposición dos medios de extinción en cometidos tan útiles como indicar as infraestruturas da zona ou subministrarlles auga. Tamén se recomenda seguir sempre as instrucións dos medios de extinción no caso de desaloxo de vivendas e, en xeral, respectar o duro e arriscado traballo en beneficio de todos que efectúa todo o persoal de extinción.

nota_prensa_aprafoga01  nota_prensa_aprafoga02

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies