AXENTES FORESTAIS E MEDIOAMBIENTAIS DESMANTELAN UNHA BANDA FURTIVA NO RÍO XALLAS

As vixilancias dos profesionais interceptaron tres individuos pescando de noite en época de veda, o que constitúe unha infracción grave

APRAFOGA destaca a colaboración dos troiteiros contra o furtivismo e anima a unha maior concienciación social sobre estas prácticas

18 de setembro de 2014.- Axentes medioambientais especializados na vixilancia dos recursos naturais e axentes forestais do Distrito Forestal V, da área de Fisterra, desmantelaron unha banda que se dedicaba ao furtivismo nocturno no río Xallas. Os axentes, valéndose da súa profesionalidade, experiencia e discreción, conseguiron interceptar os furtivos nos seus servizos nocturnos, que efectúan durante todo o ano e que intensifican especialmente no tramo final de verán.

Nesta época do ano, os embalses da zona teñen un nivel de auga menor, o que fai que as troitas de maior tamaño suban aos ríos. Esta circunstancia é aproveitada polos furtivos, que neste caso utilizaban canas e non outros métodos aínda máis daniños, que se teñen atopado noutras operacións.

Axentes medioambientais que participaron neste seguimento, que se prolongou durante varias noites, explicaron que en présas como a de Outeiro, en Santa Comba, rexistran anualmente entre 300 e 400 troitas de grandes dimensións (de tres ou catro quilos e incluso máis) capturadas de maneira legal, na tempada de pesca e en horario diurno. De non ser polo labor dos axentes profesionais, exemplos de riqueza fluvial como este serían esquilmados polos furtivos.

Os actos denunciados supoñen unha infracción tipificada como grave, por pescar en época de veda e en horario nocturno, o que comporta unha sanción de entre 3.000 e 6.000 euros. Ademais das capturas, foron decomisadas as ferramentas utilizadas polo grupo. Os axentes traballan no seguimento de máis casos deste tipo, que con frecuencia destinan as troitas ao mercado clandestino.

A Asociación de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) destaca a colaboración das asociacións de troiteiros na loita contra o furtivismo, tanto na zona onde se acaba de desmantelar esta banda como nas demais comarcas de Galicia. De feito, constata ademais un aumento paulatino dos pescadores que optan pola modalidade ‘sen morte’. Este traballo conxunto, que debe ir acompañado dunha maior concienciación social, contribuirá a erradicar prácticas delictivas que prexudican gravemente os ecosistemas fluviais, patrimonio de todos.

 

decomiso