O Decreto 9/2014, do 23 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia determina unha serie de medidas para mellorar a súa poboación nas praias desta comunidade autónoma

Este decreto, co gallo de protexer esta especie, aumentando o seu éxito reprodutor, contempla a colocación dunhas parcelas de exclusión. Dende o ano 2010, no que se localizou unha posta na praia de Testal, no concello de Noia, levamos balizando as postas de ovos desta especie para protexelas de xeito preventivo  ante persoas e depredadores como os corvos, raposos e cans, e ó mesmo tempo intensificamos as vixilancias dos niños e a información ós usuarios dos areais.

Dende un principio contamos co asesoramento técnico da USC, encabezado por Suso Domínguez, o cal colocaba estas proteccións (neste distrito colaborabamos con eles). Tamén nos amosaron a localizar e identificar os adultos e as súas postas. O noso servizo subministrounos o material necesario para poder balizar nós mesmos as postas a partires do ano 2014. Mantemos tamén relacións con grupos e persoas interesadas por esta actividade, como outros membros da USC, ornitólogos, naturalistas, etc. Actualmente, (ou eles ou nos) localizamos as postas e, o máis axiña posible, colocamos as proteccións.

Estas proteccións consisten na colocación dunas estacas que suxeitan unha malla metálica cunha luz de 10X15 cm e que queda recuberta por un entramado de nylon, por outras estacas nas que se coloca un cordel de pita perimetral e na colocación de, alomenos, dous sinais informativos.

As píllaras, tras os primeiros minutos despois da colocación desta protección, volven a incubar pasando a través da malla. Quen non pode pasar a malla son os raposos e os cans. Pola parte superior impídese a entrada de aves depredadoras, sobre todo os corvos. Os proxenitores sempre acceden ó niño por terra, andando; nunca o fan voando. O cordel perimetral evita que se aproximen as persoas, alomenos ás que non teñen a intención de molestar á especie. Os carteis informativos advirten ós curiosos da presenza de aves incubando.

Hai que ter en conta que estas medidas están contempladas no artigo 12 do decreto de conservación e son de obrigado cumprimento. No Distrito IV case que a totalidade de praias son zonas prioritarias de conservación. As demais son áreas de presenza ou de distribución potencial.