Logo dunha reunión entre as directivas de AEAFMA e APRAFOGA, piden o apoio das administracións para evitar as desconsideracións, ameazas e agresións aos axentes forestais e medioambientais.

 

 10 de novembro de 2014.- O presidente da Asociación Española de Axentes Forestais e Medioambientais (AEAFMA), Luis Díaz, interesouse polos problemas cotiás que afectan a este colectivo profesional en Galicia, nunha reunión en Redondela (Pontevedra) co presidente da Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA), Xosé Bieito Rodríguez, ao que tamén asistiron integrantes das directivas das dúas entidades.

APRAFOGA obtivo o apoio de AEAFMA ante as cada vez máis frecuentes agresións, ameazas e desobediencias que están padecendo os axentes forestais e medioambientais polo exercicio das súas funcións. Tal como constataron, estanse seguindo causas por este tipo de feitos nos xulgados de Lugo, Lalín e A Estrada e un dos casos máis recentes é a agresión sufrida por un axente facultativo medioambiental o pasado 30 de outubro en Tui. O suceso xa foi denunciado nos xulgados desta localidade pontevedresa.

As dúas asociacións estudan a posibilidade de personarse como acusación popular en todas as causas graves por este tipo de feitos, se os seus asociados así o solicitan. Non obstante, tamén emprazan a todas as administracións públicas unha loita decidida contra esta problemática. Reclámanlles que lles ofrezan aos profesionais formación en defensa persoal, facilitar o uso de arma curta aos axentes que voluntariamente o soliciten para prestar determinados servizos, a realización dos servizos en parellas e dotarse de medios suficientes para desempeñar a profesión.

 

Medios e adaptación legal

Neste sentido, Xosé Bieito Rodríguez e Luis Díaz abordaron unha serie de carencias ás que os axentes forestais e medioambientais se enfrontan no seu día a día en Galicia. Ademais de non contar cunha Orde de uniformidade e estar pendente desde 2000 o regulamento da escala de axentes facultativos medioambientais, non se repoñen prendas do uniforme desde 2007, moitos dos vehículos que utilizan son antigos ou están deteriorados, non dispoñen de formación continua nin protocolos de actuación e están limitados por unha estrutura arcaica e pouco funcional, dependente de dúas consellerías, para prestar o servizo público de xestión, protección e defensa do medio natural.

Do mesmo xeito, o representante de AEAFMA tomou nota de que os axentes forestais e medioambientais galegos confían en que a Xunta de Galicia efectúe as modificacións pertinentes no anteproxecto da Lei de Emprego Público de Galicia, co obxectivo de que o texto que o goberno autonómico remita ao Parlamento se adapte plenamente ás necesidades de valoración e capacitación deste colectivo profesional, integrado por uns 550 funcionarios.

 

Visita a unha empresa de uniformes en Redondela

Un dos propósitos de AEAFMA é que o colectivo teña unha denominación común e un mesmo uniforme en todos os territorios do Estado, sen prexuízo dos sinais de identidade de cada Comunidade ou Administración. Aproveitando a viaxe de Luis Díaz a Galicia, os responsables das dúas asociacións visitaron a empresa ‘Partenón’ en Redondela. Trátase dunha compañía punteira en toda Europa no deseño, fabricación e xestión de uniformes para policías, bombeiros e axentes forestais. ‘Partenón’ xa ten deseñado un uniforme para os axentes forestais e medioambientais de España atendendo ás conclusións sobre imaxe corporativa deste colectivo que se acadaron no último congreso español de axentes forestais e medioambientais.

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies