OS AXENTES FORESTAIS E MEDIOAMBIENTAIS
ADVIRTEN DA NECESIDADE DUNHA MAIOR
CONCIENCIACIÓN SOCIAL NO RESPECTO Á NATUREZA
Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, APRAFOGA denuncia as numerosas agresións cotiás ao medio que condicionan a saúde, o benestar e tamén a economía.
Os axentes forestais participan ao longo do ano en múltiples obradoiros e programas de divulgación ambiental para escolares e poboación rural, co propósito de previr infraccións lesivas co patrimonio natural
4 de xuño de 2014.- A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) advirte da necesidade dunha maior concienciación social sobre o respecto á natureza. Con motivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, este xoves 5 de xuño, esta entidade denuncia a gran cantidade de agresións ao ambiente que atopan no seu traballo diario os profesionais encargados da defensa e conservación do medio natural.
Entre as ameazas máis habituais do medio natural galego, APRAFOGA destaca os verquidos incontrolados, o furtivismo, a presenza de construcións ilegais en espazos naturais, a invasión de especies exóticas, o uso indiscriminado de velenos, as talas non autorizadas, as queimas incontroladas e os incendios forestais. Enjoy gclub
Este colectivo de profesionais, os que maior experiencia atesouran no coidado e protección dos nosos bosques, considera que o Día Mundial do Medio Ambiente debe servir para recordar que “da calidade do medio natural depende a nosa saúde, o noso benestar e tamén a nosa economía”, en palabras de Xosé Bieito Rodríguez, presidente de APRAFOGA. Por eso, anima a poboación a “utilizar os recursos naturais baixo criterios de sustentabilidade para asegurar o seu disfrute polas xeracións futuras”.
Información e concienciación todo o ano
Os axentes forestais e medioambientais fundamentan a súa defensa do medio, na que acumulan 137 anos de experiencia profesional, na denuncia das agresións que achan ante as autoridades competentes e sobre todo na información e concienciación para evitar que os danos se produzan. “Sabemos de boa fe que tras a agresión ao medio é moi difícil a súa recuperación”, asegura o presidente APRAFOGA.
Por eso, coa convicción de que a concienciación social é a mellor arma preventiva, os 19 Distritos Ambientais nos que están organizados os 550 axentes forestais e medioambientais de Galicia desenvolven ao longo do ano obradoiros e programas de divulgación ambiental.
Son iniciativas dirixidas principalmente á poboación rural e aos escolares, que se desenvolven tanto coa presenza dos axentes en locais sociais ou centros educativos como coa visita dos participantes na actividade a enclaves naturais, aulas da natureza, centros de interpretación ou bases de defensa contra incendios forestais.
As ideas básicas sobre concienciación ambiental presentes nestas actividades, sobre as que APRAFOGA quere insistir neste Día Mundial do Medio Ambiente, parten de que o ser humano forma parte da natureza e que coa súa capacidade de razoar pode anticiparse aos feitos e traballar na súa conservación. Manéxase tamén a premisa de que cada individuo ten unhas obrigas cos demais, polo que estamos obrigados a respectar o medio nas actividades que realicemos.
Denuncia ante sospeitas e infraccións
APRAFOGA incide ademais en que calquera sospeita ou infracción ao medio natural da que se teña coñecemento pode e debe denunciarse en calquera momento ante calquera axente forestal ou medioambiental, ben directamente ou ben a través das oficinas dos dezanove Distritos Ambientais de toda Galicia.
O Día Mundial do Medio Ambiente.
O 5 de xuño foi establecido en 1972 como Día Mundial do Medio Ambiente pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Foi coa resolución 2994 (XXVII) do 15 de decembro de 1972, coa que se iniciou a Conferencia celebrada en Estocolmo sobre o medio ambiente humano. Esta Conferencia tivo o valor de ser a primeira referencia na Historia sobre a necesidade da educación ambiental.
Sobre APRAFOGA e os axentes forestais e medioambientais
A Asociación Profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia está federada na Asociación Nacional de Axentes Forestais (AEAFMA), que á súa vez é integrante da International Ranger Federation (IRF). A entidade galega ten como obxectivos defender os intereses xerais deste colectivo profesional, que no conxunto da autonomía está conformado por uns 550 funcionarios dedicados á xestión, protección e defensa da natureza. No conxunto do Estado son uns 6.000.
Entre as actuacións destacables deste colectivo profesional, con 137 anos de historia no noso país, figuran as relativas ás materias de caza, pesca fluvial e espazos protexidos, así como a xestión forestal e a loita contra os incendios forestais. O traballo efectuado polos axentes forestais e medioambientais ao longo da súa dilatada existencia permite que agora e no futuro a sociedade pioda disfrutar dun patrimonio natural de valor incalculable.