A ampliación da Rede Natura fixará 200 novos humidais

A Xunta apraza a rexeneración dos contaminados, algo que figura no convenio internacional de Ramsar, do que o martes se cumprirán 40 anos

Complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada

Hai 50 anos o goberno de entón secou a lagoa ourensá de Antela, a maior da península. Dez anos máis tarde, na cidade iraniana de Ramsar aprobouse unha convención internacional que España subscribiu e que obriga a dar un uso racional aos diferentes espazos cualificados como humidais, ademáis de recuperar os xa degradados. En Galicia aínda non se concretaron estas medidas en ningún dos 1.131 inventariados e os responsables da Consellería de Medio Rural aseguran que as actuacións se realizarán despois da ampliación da Rede Natura. Alegan que aínda se está facendo un reconto, que unha vez que se concrete incrementará en douscentos o número destes hábitats que inclúen lagos, lagoas, rías, bosques inundados e de ribeira. En calquera caso, o vindeiro martes volverá celebrarse o Día Internacional dos Humidais sen plans concretos de recuperación para estas contornas, que xogan un importante papel na prevención de inundacións, catástrofes naturais e a conservación de especies en perigo de extinción.

Os portavoces da Xunta din que usarán o Plan Director dá Rede Natura 2000 como “instrumento de planificación e xestión dunha boa parte dos humidais de Galicia, en calquera caso, dos máis importantes, entre os que se inclúen os cinco humidais declarados como sitio Ramsar” e que son o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada, punta Carreirón e a lagoa Bodeira; as rías de Ortigueira e Ladrido; as lagoas e as dunas de Corrubedo e Valdoviño e a ría do Eo.

Valdoviño acusa moito a presión urbanística e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) leva máis dun ano denunciando que a Xunta permite actuacións que debería perseguir, entre elas o baleirado de auga sen control: “Hai aperturas da canle, segundo ou entender da persoa que naquel momento manexa unha pá”, algo que o presidente da entidade, Serafín González, tacha de “malgasto de recursos públicos” e “inaceptable”. Os recheos ilegais, ás veces con materiais de cascallo, son o azoute do complexo intermareal Umia-O Grove e da ría de Ortigueira, de interese nacional porque ambas son áreas principais de hibernación de aves acuáticas.

O que queda da lagoa de Antela e o río Limia acumula pneumáticos, restos de obra e plásticos. Mentres que na lagoa de Cospeito, das poucas que contan cun pequeno miradoiro de aves, hai contaminación por arrastres de terra. Aos responsables da SGHN preocúpalles, en especial, a calidade das augas da Limia, xa que unha análise recente descubriu que o nivel de fósforo superaba 90 veces o recomendado.

As rías da Coruña, Ferrol, Vigo e, en ocasións Arousa, sofren tantas verteduras de augas fecais que mesmo está prohibida a actividade marisqueira. Estes espazos están considerados humidais, pero nin sequera a nova lei de augas contempla a súa rexeneración. “Confórmase con que non empeore a situación, non hai nin un só artigo que se refira á súa restauración”, resolve o presidente da SGHN. A invasión de especies foráneas, como o cangrexo americano, a herba da pampa ou os visóns escapados de granxas xa é outro dos seus grandes problemas e pode converterse, segundo os naturalistas, no peor.

{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies