A CIG solicita a cobertura de baixas e vacantes de axentes forestais e facultativos medioambientais
A CIG-Autonómica vén de lle solicitar formalmente á Dirección Xeral da Función Pública a cobertura inmediata dos postos das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais (vacantes e non vacantes), e que non se condicionen as comisións de servizo pola vacante que resulte xa que non hai argumentación legal, nin xustificación económica, nin solución organizativa que o ampare.
Os/as axentes forestais e os/as axentes facultativos ambientais están adscritos aos distritos forestais e distritos ambientais da Consellería de Medio Rural. As súas funcións veñen recollidas no regulamento da escala de Axentes Forestais, regulamento que a efectos prácticos e de xeito subsidiario e provisional a día de hoxe esta administración esta a aplicar nos axentes facultativos ambientais mentres non elabora un regulamento propio da escala.
No artigo 19 do Regulamento da escala de Axentes Forestais (Decreto 293/1997, do 1 de outubro), estabelécese a obriga do persoal á prestación dos servizos necesarios até o cesamento da situación de emerxencia.
No artigo 2 do regulamento, descríbense as funcións que lle corresponden ao persoal da escala, especificamente no seu punto d) a “vixilancia e prevención de incendios forestais, participando nas tarefas de extinción, coordinando e dirixindo o persoal e medios o seu cargo”.
No artigo 6º, “…o persoal da escala poderá ser adscrito temporalmente con carácter funcional, durante as datas e períodos de cada ano que sinale a Consellería de Medio Rural, en función das necesidades existentes, a outra especialidade ou servizo, dentro do ámbito da actuación da escala, distinto daquel no que encadre o seu posto de traballo, por un período continuo máximo de 4 meses.”
O Acordo de condicións de traballo que regula a organización das escalas de axentes forestais e facultativos medioambientais (2004) é un acordo integrador que non fai diferenciacións entre funcións e servizos.
A estructura orgánica da Consellaría de Medio Rural integra a organización dos axentes forestais nos distritos (sen diferenciar forestais e ambientais).
Dende a sinatura do Acordo (ano 2004) estase a realizar unha asignación periódica na época de Perigo Alto de Incendios de axentes que fan funcións de conservación da natureza á realización de tarefas na extinción de incendios (dirección de extinción) integrándose completamente no plan de prevención e extinción de incendios (PLADIGA). Asimesmo esta asignación organizativa de efectivos se pode realizar de xeito inverso no caso de emerxencias ambientais.
A Lei de Emerxencias de Galicia contempla ao persoal do Servicio de Prevención e Defensa contra Incendios de Galicia como persoal de emerxencia e os axentes forestais e facultativos ambientais dos 19 distritos de Galicia teñen entre as súas funcións as de prevención e extinción de Incendios Forestais executando a dirección de extinción dos mesmos así como a vixilancia preventiva e control na xestión da prevención e restauración dos terreos afectados por incendios forestais entre outras. No ámbito da conservación da natureza estas funcións son diarias e permanentes tamén na rede de espacios naturais protexidos de Galicia (Parques Naturais e Nacionais, espazos da rede natura 2000, Reservas da Biosfera…).
Por outra banda, o 26 de febreiro de 2010 comunicouse por teléfono ós funcionarios e funcionarias das escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais adscritos tanto o servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais coma ao de Conservación da Natureza que teñen que estar “dispoñibles” durante a xornada do 27 de febreiro por mor da emerxencia meteorolóxica que supón chegada dunha cicloxénese á nosa xeografía. Esta dispoñibilidade afectou tamén ao persoal que esta de libranza.
Dende a Confederación Intersindical Galega expomos que tódolos axentes forestais están a realizar estas funcións de emerxencias a día de hoxe, aínda que con eivas organizativas e lexislativas que foron denunciadas por esta organización en reiteradas ocasións e das que xa solicitamos a súa mellor regulación.
A lei 14/2010, do 27 de decembro , de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, no seu artigo 29, en relación a cobertura de prazas por persoal funcionario interino, quedan exceptuados para cubrir necesidades urxentes e inaprazables: “d) Persoal adscrito ao servizo de defensa contar incendios forestais” e “f) Persoal adscrito ao sistema de emerxencias e protección civil”.
Dado que non se están a cubrir as vacantes, baixas por incapacidade temporal, vacacións, permisos de maternidade/paternidade, suspensións por risco no embarazo, liberacións sindicais, etc.; e por outro lado, que a non cobertura de vacantes e a non realización de substitucións están a afectar a concesión das comisións de servizo solicitadas, desde a CIG-Autonómica instamos á Dirección Xeral de Función Pública para que se cubran todas as baixas e vacantes coa maior brevidade.
{xtypo_feed}Cig{/xtypo_feed}