A conselleira de Medio Rural augura un ano “complicado” cos incendios
Desde hai uns días, Medio Rural mantén activado o seu dispositivo aéreo contraincendios. Deste xeito, xa están operativos en toda Galicia sete helicópteros e catro avións, uns medios que se incrementarán a partir do 1 de marzo cun avión e o helicóptero “máis grande” do Estado.
Así o puxo onte de manifesto Rosa Quintana, conselleira de Medio Rural. Durante unha visita á base pontevedresa de O Campiño, asumiu que o que queda de ano será complicado desde a perspectiva dos lumes forestais: “Xa non é que este ano sexa complicado, é que vimos dun ano pasado moi complicado. Estamos a necesitar auga, pero xa non só polo tema dos incendios, senón polos pastizais ou polo mar, que necesitan auga doce. A ver se a meteoroloxía axuda un pouco”.
Ao longo dos próximos meses, a intención da Administración autonómica é incidir naquelas zonas que se consideran que poden levar un maior risco de incendio. Neste punto, Rosa Quintana apuntou que, “ano tras ano, hai parroquias onde a intensidade incendiaria é moi forte, e nesas imos traballar en especial”.
A titular de Medio Rural lamentou que a pesar de que se conta con grandes profesionais e a que se destinan 30 millóns de euros anuais á loita contra as chamas, Galicia segue “soando como esa comunidade autónoma onde os lumes asasinan os nosos montes”. É por iso que defendeu a necesidade de que toda a sociedade denoste e persiga aos incendiarios, así como destacou a importancia de fomentar o respecto ao medio ambiente entre os máis pequenos desde os centros educativos.
Detido en Agolada
Fontes da Consellería de Presidencia comunicaron tamén onte a detención dun veciño de Agolada como presunto autor dun incendio forestal que tivo lugar nese municipio pontevedrés o pasado día 4. Segundo declarou o sospeitoso á Policía Autonómica, a súa intención era queimar unha matogueira nunha leira da súa propiedade, pero os sete focos que prendeu, sen a pertinente autorización para iso, queimaron unha superficie de ao redor de dez mil metros cadrados de monte raso.
{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}