Medio Rural emprega nos seus entes a 60 persoas dun concello de Ourense
O delegado de Medio Rural en Ourense, o nacionalista Xosé Rodríguez Cid , é coñecido en boa parte da provincia como Pepe o de Cartelle, en alusión ao seu municipio natal, e á delegación da consellería tamén se lle chama popularmente na cidade das Burgas como «a delegación de Medio Cartelle». Ámbalas cousas teñen a súa explicación.
Cando o conselleiro Alfredo Suárez Canal chamou a Rodríguez Cid para porlle un coche oficial e convertelo no seu representante en Ourense, éste fixo o posible por rodearse de persoas afíns no exercicio do seu cargo, levándose á capital a algúns compañeiros do Bloque e contribuíndo a que máis de sesenta veciños de Cartelle -exactamente 72, segundo os datos solicitados polo PP ourensán- atopasen un traballo nos entes e organismos dependentes de Medio Rural.
Cartelle é un concello de 3.507 habitantes e 4.279 votantes, segundo o censo aplicado ás municipais do 2007. Nun concello destas características, onde a alcaldesa popular María del Carmen Leyte goberna con maioría absoluta desde fai dous decenios, non pasa desapercibido que a Consellería do Medio Rural converteuse, directa ou indirectamente, no maior empleador do pobo, disputándolle o posto á Deputación Provincial.
Xosé Rodríguez Cid, que foi cabeza de lista polo Bloque en Cartelle durante 12 anos, pertence politicamente á dirección do PNG-PG, un partido de vocación centrista integrado no BNG e no que Rodríguez Cid desempeña a secretaría executiva de «implantación». No 2005 abandonou o concello para irse a Medio Rural e o que sí acabou implantando é a algunhas persoas da súa terra natal nas estruturas da consellería que dirixe Suárez Canal.
Dous suplentes do BNG
É o caso, por exemplo, de Manuel Ferro Rodríguez, suplente número 8 da lista do BNG por Cartelle, que se converteu en secretario particular. Ou de Nuria Rodríguez, posto número 3 nas suplencias da candidatura, que tamén se incorporou á delegación.
Pero esta é tan só a punta do iceberg da chamada delegación de Medio Cartelle. En Servizos Agrarios Galegos (Seaga), sociedade instrumental de Medio Rural, nas brigadas de loita contra incendios, no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) ou no pazo de Fontefiz (Coles), dedicado á cría de gando autóctono, están colocados máis de sesenta veciños de Cartelle, que en moitos casos nin sequera teñen carné do BNG. «Son vontades compradas con postos de traballo -sinalan no PP ourensán- co único propósito de conquistar a alcaldía de Cartelle nas próximas eleccións».
E non todo queda nos empregos directos, senón tamén en pequenas empresas da localidade que se viron favorecidos co acceso do BNG ao Goberno da Xunta. Na contorna familiar de Manuel González Martínez, número 9 da lista nacionalista de Cartelle, hai unha delas, dedicada a labores de limpeza. Rexéntaa o seu irmán e nela tamén traballa unha irmá. Esta firma, por exemplo, logrou a concesión do servizo de limpeza no centro de Fontefiz.
Á marxe de Cartelle, en Seaga tamén atoparon traballo outros candidatos do BNG en Ourense. É o caso de Jaime Óscar Iglesias, cabeza de lista en Baños de Molgas; Francisco Javier Fernández Arias (candidato en Chandrexa de Queixa); de Teresa Matinez Sánchez e Lucía Martínez González, ambas as candidatas en Celanova; de Javier Rodríguez (A Pobra de Trives); Adrián Paz (suplente en Piñor); ou Luis Ojea Morales (número 7 en Cualedro), mentres Serafín Núñez, edil do Bloque de Barbadás, traballa en Fontefiz.
O líder do BNG, Anxo Quintana, pronunciouse onte sobre os supostos casos de enchufismo e a petición sindical para que se suspendan as probas de acceso ao Consorcio, aducindo que «por sorte» os traballadores do Consorcio «elixiron no seu día un comité de empresa do que forman parte todos os sindicatos. Ese comité de empresa negociou as probas de selección» e apoia o proceso, sentenciou.
Fonte: A Voz (07-02-09)