A Fiscalía denuncia a Endesa por deixar secos 3 quilómetros do río Eume

 

Pide que se calcule o beneficio obtido en xeración eléctrica por non manter o caudal ecolóxico na presa

Unha das fotos do fondo da presa do Eume que se presentaron na denuncia inicial AEMS - Ríos con vidaA Fiscalía abriu unha vía xudicial para buscar responsabilidades penais nun problema ecolóxico que se arrastra dende fai 50 anos: os case tres quilómetros e medio de canle practicamente seca do río Eume comprendidos entre o encoro que xestiona Endesa e a central hidroeléctrica que explota esta mesma compañía. O fiscal coordinador de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, denunciou nun xulgado de instrución de Ferrol ás persoas que se determinen dentro do organigrama de Endesa e Endesa Xeración, así como a dous directivos xa identificados, ao existir indicios dun delito contra os recursos naturais por non respectar o caudal ecolóxico nese tramo.

Logo da investigación realizada por medio do Seprona, o Ministerio Fiscal conclúe que, dende fai 50 anos, «un tramo do río Eume non recibe unha achega constante de auga para garantir a vida no seu seo». A perda do ecosistema «é un feito case notorio», aduce o fiscal, que se vería agravado polas soltas que se producen dende a parte superior da presa cando esta reborda en períodos chuviosos.

A Fiscalía solicitou no seu momento un informe a Augas de Galicia, que constatou a ausencia dunha achega permanente ao río dende a presa. E o que existe limítase a «unha fuga na válvula do propio desaugadoiro do fondo». Outro informe, reclamado neste caso á Consellería do Medio Rural, refería que non había constancia de que se soltou caudal ecolóxico dende a posta en funcionamento da presa do Eume en 1960 por Unión Fenosa, polo que a canle permaneceu seca dende entón salvo por achegas «dalgún regacho» e cando reborda o aliviadoiro. Este feito, segundo a consellería, «provocou a perda do ecosistema acuático», aínda que non consta que a Administración autonómica tomase algún tipo de medida para solucionar o problema.

A pesar de que Endesa aduce que na concesión non existe ningunha obrigación neste sentido, a Fiscalía basea a súa denuncia na Directiva Marco da auga da UE e na Lei de Pesca Fluvial de Galicia de 1992, que obriga aos aproveitamentos hidráulicos a respectar o caudal ecolóxico.

Ademáis de identificar aos directivos de Endesa relacionados con este asunto, o fiscal pide que se reclame un informe da Comisión Nacional da Enerxía para determinar o beneficio hidroeléctrico da empresa por non respectar a canle mínima de 1.661 litros por segundo marcado por Augas de Galicia. Estes hipotéticos ingresos, en liña coa multa que no seu momento pediuse para Ferroatlántica polo secado do encoro de Fervenza, calcularanse a partir do 2001, cando Endesa pasou a ser titular da presa. O eventual delito penal tamén se circunscribiría a estes nove anos, mentres que o resto dáse por prescrito.

 

{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies