A lei que obriga a limpar o monte preto de casas non se cumpre en miles de núcleos

 

Municipios rurais teñen problemas para identificar aos propietarios dos terreos forestais

Os concellos alegan falta de medios e de fondos para rozar as leiras

A vaga de incendios que arrasou Galicia no verán de 2006 e que foi bautizada como o Prestige do monte galego trouxo consigo un novo marco legal -aprobado polo bipartito no 2007- que obrigaba aos propietarios forestais a manter libre de maleza e masa forestal unha franxa de cen metros ao redor de calquera núcleo habitado. Case catro anos logo daquela catástrofe, na que o lume se achegou ás vivendas e a crise pasou ao ámbito da protección civil, miles de fincas forestais próximas a casas seguen en estado de abandono.

Os concellos recoñecen que se avanzou nos traballos para minimizar os riscos, pero alegan falta de medios e de fondos para a aplicación plena dunha lei que delega unha gran responsabilidade nos municipios. Os gobernos locais son os encargados de requirir a roza ao particular. Con todo, en moitos casos vense obrigados a asumir a execución de forma subsidiaria. Os primeiros en dar a voz de alarma foron os alcaldes da Costa da Morte. E o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández, móstrase rotundo: «Trátase dun marco legal que colle unha competencia de ámbito autonómico e a carga sobre os municipios; nós somos os que damos a cara cos veciños nun asunto moi impopular e moito máis complexo do que parece». Municipios consultados advirten de que a limpeza de montes próximos a vivendas constitúe un problema porque ás veces descoñécese quen é o propietario. Tamén hai dificultades de lindes, de herdanzas e de recursos económicos dos particulares.

A lei de prevención de incendios aprobada no 2007 logo da catastrófica vaga de lumes do verán anterior inclúe outros preceptos que se incumpren en moitos puntos de Galicia. Por exemplo, a 50 metros da propiedade non pode haber determinadas especies arbóreas nas zonas de risco forestal, como piñeiros ou eucaliptos. Jacobo Feijoo, responsable de asuntos forestais en Unións Agrarias, advirte de que basta con darse unha volta para ver que «o marco legal non se respecta en moitos puntos de Galicia», pero cre que hai que diferenciar. «Non é o mesmo un concello como Santiago, con moitos máis recursos para efectuar requirimentos, que un rural; aí a aplicación é máis complexa».

Problemas para aplicar a lei

Medio Rural recoñece os graves problemas para aplicar a lei de prevención de incendios que aprobou o bipartito, tal e como denuncian os concellos e axentes do propio sector, pero recorda que se trata do marco normativo vixente e que establece que é o dono da parcela o que ten a obrigación de rozala. Para minimizar os riscos en montes próximos a vivendas e ante a existencia dun problema de exceso de maleza nesas áreas, a Administración financiará -cun millón de euros- unha parte dos traballos de limpeza en zonas que cualificou como de alto risco. Estas tarefas, cuxo inicio está previsto para maio, desenvolveranse en puntos de cen concellos que os propios gobernos locais catalogaron como posibles focos de incendios.

O departamento que lidera Samuel Juárez quere axudar así aos municipios con menos recursos, que son os que teñen unha maior dificultade para aplicar os preceptos da lei que xurdiu tras a catástrofe forestal do verán de 2006. O presidente da Fegamp considera que o orzamento para colaborar cos concellos é moi pequeno, e recorda que hai casos nos que o municipio recibe unha axuda de 5.000 ou 6.000 euros cando se ten que gastar en limpeza de montes 200.000 ou 300.000 euros.

 

{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}

 

Entrevista ó Director Xeral de Montes

“Comparto a filosofía da norma, pero aplicala é moi difícil e non descartamos darlle unha volta de rosca”

Enxeñeiro forestal, o actual responsable da política antiincendios é un profundo coñecedor do monte galego. Tomás Fernández-Couto Juanas xa exerceu como director xeral no último Goberno de Fraga.

-Que opina das queixas dos concellos sobre a lei aprobada polo bipartito?

-Comprendo algunhas críticas. A Lei 3/2007 traza uns obxectivos que compartimos, pero o asunto da limpeza da propiedade é moi complexo: os títulos de propiedade son moi antigos, hai herdanzas non reflectidas rexistralmente, distintos membros de familias. En Galicia hai miles de donos de parcelas forestais, algunhas próximas a vivendas e outras non. Aínda que compartimos a filosofía da norma, é moi difícil de aplicar e un tanto inxusta. Non descartamos darlle unha volta de rosca.

-E que pensan facer?

-O noso obxectivo é minimizar os riscos, pero queremos unha fórmula razoable, na que non todo o peso recaia sobre o propietario. Quizais temos que buscar instrumentos que sexan máis efectivos. Temos abertas respecto diso varias liñas de traballo.

-Ou sexa que o monte non está limpo e constitúe un risco…

-Co da limpeza do monte debemos matizar algunhas cousas. O monte ten unha biomasa natural e uns crecementos rápidos. E iso non significa nada malo. Así está en moitos sitios.

-Están a producirse atrasos nos traballos de limpeza?

-En Galicia, os plans de actuación forestal e preventivos propios están en marcha, en gran medida, segundo o previsto, e as accións preventivas máis aparentes para a poboación como son as rozas de pistas en convenio cos concellos, as accións subvencionadas aos montes veciñais, e a nova liña de defensa de núcleos prevese que estea en execución con intensidade nos meses de xuño e xullo para que afecten ao crecemento primaveral, polo que en ningún caso pódese falar de atrasos, senón máis ben de todo o contrario.

 

{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies