A morte de ameneiros avanza en Lugo, a Terra Chá, Ourense e Cecebre

Ameneiros (Alnus glutinosa)

Os ameneiros secos seguen xunto a ríos e paseos peonís e poderían ocasionar accidentes no inverno.

Biólogos temen pola supervivencia da especie en Galicia e cren que a súa perda afectaría a toda a vida fluvial.

O inventario de danos forestais en España no 2009 fala “dun novo proceso dexenerativo de orixe aínda non claro que incrementou exponencialmente o seu nivel de dano sobre os ameneirais cantábricos”. Traducido a Galicia, significa a perda progresiva e exponencial dos ameneiros nas ribeiras dos ríos, que presentan xa un dramático aspecto no cinto verde de Lugo. Filas enteiras de árbores xunto ao Miño e o Rato, algúns moi antigos, morreron. Noutras concas fluviais ou encoros como Cecebre abundan os que apenas locen esqueleto.

“Están morrendo todos, por todas partes e o problema engadido é que, como moitos están en tramos fluviais de uso público, poden acabar caéndolles na cabeza a alguén”, indica Pablo Ramil, investigador do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural. Ramil teme un inverno complicado, debido á inseguridade destes tocóns e dubida do control de tallas imposto até agora para non diseminar o fungo Phytophthora alni, que arrasa selectivamente estas frondosas e deixa intactos bidueiros, arces ou salgueiros.

Unha cadea de danos

Pablo Ramil sinala importantes implicacións a medio prazo pola desaparición dos ameneiros, pois das súas follas aliméntanse insectos que comen os peixes. “Hai un tipo de fauna -explica-, toda unha cadea ecolóxica. Suprimila de súpeto é grave porque, por exemplo, a folla de carballo é máis dura e non a aproveitan as mesmas especies no río”. Ao parecer, hai iniciativas para crear un banco de xermoplasma onde se preserve a variabilidade xenética do ameneiro en Galicia, unha especie con masas antigas e ben conservadas até agora na Terra Chá, que poderían desaparecer.

O catedrático de Botánica da Universidade de Santiago Antonio Rigueiro sinala así mesmo que o ameneiro en Galicia é unha especie principal e o fungo -que talvez chegase de Centroeuropa- está a deixalo en estado lamentable. Cre que habería que tentar clonar os máis fortes, ou repoboar con outras especies.

O decaimento relaciónase con estrés hídrico e fungos

Tras debilitarse pola seca, os ameneiros quedan máis susceptibles ao ataque dos fungos e a contaminación, ou é a Phytophthora alni a que desencadea a síndrome mortal?. Desde que Coto do Frade enviase a Estación Fitopatolóxica de Pontevedra mostras de chan, auga e árbores do Avia, búscanse causas da mortandade en toda Galicia. O seu director, Pedro Mansilla, non descarta unha combinación de factores: seca, fungos ou cambios nas augas fluviais, contaminación.

As talas de ameneiros seguen prohibidas. Para non esparexer o fungo só serve queimar a árbore e limpar as ferramentas. Outros países non atoparon máis remedio que talalos deixando un tocón para que retoñaran. Pablo Ramil di que na Europa sen fronteiras e control aduaneiro, calquera patóxeno ten portas abertas. Unha partida de plantas contaminadas ou as botas e barcas dos pescadores poden trasladar organismos invasores a miles de quilómetros.

Esta deforestación é parecida á que secou árbores hai 20 anos e afecta a todo o norte da Península.

Unha enfermidade vascular, con morte súbita.

O problema dos amaneiros non é novo. O Servizo de Protección contra Axentes Nocivos, do Ministerio de Medio Ambiente, coñéceo desde hai anos. En 1990 xa houbo un fenómeno parecido e no 2009 foi grave en Asturias, máis nos seus ameneirais de monte que nas ribeiregas. Vicente Fernández, da organización ecoloxista Coto do Frade, no Ribeiro, di que está en todo o norte peninsular: “Estiven hai pouco no río Sella, e alí nótase moito. No Avia temos tódolos ameneiros mortos desde Leiro ata a desembocadura”.

Presentaron denuncia ante a UE, que a admitiu a trámite, algo pouco habitual. Os ecoloxistas sospeitaban do fungo e do secado do Avia: “Nalgúns sitios o nivel baixou 6 metros. Os ameneiros teñen raíces moi superficiais e nós sondamos ata 2,5 metros sen atopar humidade. En cinco meses a presa de Albarellos non soltou pinga”. O estrés hídrico afecta tamén á morte de centos de miles de sobreiras e aciñeiras no sur de España, liquidados pola Phytophthora cinnamomi.

Fungos en bosques galegos

No último ano recoñece un empeoramento xeral da saúde forestal, máis acusado nas frondosas que nas coníferas, nas que “os problemas do decaimento relacionados coa seca son máis patentes”. Ao parecer, a acción dos fungos, defoliadores ou dos que colapsan os vasos por onde circula a savia, xera cada vez máis danos.

Ao problema da Phytophthora alni únese en Galicia a aparición de rodais de pés mortos polo fungo Armillaria mellea en bosques de piñeiros do sur de Pontevedra. Outro fungo máis clásico, o oidio (Microsphaera alphitoides) segue atacando as masas de carballos, mentres que en bosques de eucaliptos, como os de Viveiro, detectáronse defoliacións causadas polo fungo Harknessia sp. A presenza de patóxeno deste tipo, Cytospora eucalypticola, é máis acusada en Pontevedra e A Coruña, sobre todo en masas costeiras de Noia, Montes dd Ruña (Muros), Serra do Barbanza (Boiro) e Vilagarcía.

 

{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies