A praga que seca ameneiros afecta a bosques de ribeira de toda Galicia

 

Miles de alisos mortos deberán ser cortados e queimados, pero búscase un control biolóxico con outros fungos

Ameneiros secos na beira do MiñoA agresiva praga de fungos que está a secar miles de ameneiros agrávase non só pola perda de sombras que rebaixan a temperatura estival da auga dos ríos, vital para os peixes; tamén porque ao cortalos ou arrincar os bancais espidos das ribeiras poden derrubarse, e polo perigo de expandir máis a Phytophthora alni. Axentes forestais tomaron mostras en 187 puntos e, en colaboración coa Estación Fitopatolóxica do Areiro, o fungo detectouse en 40 zonas fluviais das catro provincias.

A infestación é moi visible agora que os ameneiros sans, empezan a recuperar a folla, nas ribeiras enfermas da conca Miño-Sil, dende a Terra Chá ata Ourense, en encoros como Cecebre ou nas fragas do Eume. Con todo, o director do Areiro cre que non pode achacarse toda a seca a un único fungo. «Aparecen Armillaria mellea e outras especies de phytophthora, pero poden influír alteracións como a oscilación no caudal dos ríos, con áreas que permanecen moito tempo encharcadas ou, pola contra, co nivel freático moi baixo, ademáis de causas bióticas como a contaminación. Todo o que hai non é Phytophthora alni», di Pedro Mansilla.

Recomendou algúns tratamentos químicos que poden axudar, e en mes e medio poderían definir que outros fungos antagonistas servirían para combatelo, pero pide un estudo científico interdisciplinar que aclare o enfraquecemento que favorece o avance dun mal xa coñecido noutras concas de España, Portugal e o resto de Europa. Hai dúbidas sobre cómo chegou e as medidas adecuadas para salvar as árbores.

Na súa resposta parlamentaria do pasado marzo ao deputado Daniel Varela-Suanzes, a Consellería de Medio Rural di que, tras recoñecerse oficialmente os primeiros casos no Avia (Ourense), elaborou un plan de choque coa mencionada toma de mostras e o marcado das árbores con decaemento. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria tamén toma mostras en viveiros para ver unha posible relación do fungo con plantóns de ameneiro. Entre as medidas que puxeron en marcha está a paralización provisional das cortas e podas ata verificar o grao de extensión da praga. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil tampouco dá permisos de corta. O saneamento de árbores afectadas farase no período de parada vexetativa, adoptando as prevencións adecuadas para non diseminar máis esporas.

 

As obras prexudícanos

Agora toman mostras e márcanse árbores con síntomas para recoñecelos cando se produza a caída da folla. O fungo invade os vasos polos que circula a savia, amarillean as ramas e aparecen podremias no tronco. As árbores acaban secando e esborrallándose sobre a canle. Nun principio non se lle prestou demasiada atención, porque os ameneiros non se consideran unha especie forestal explotada, e agora, a pesar da urxencia, falta consenso sobre cómo atallar a mortaldade. Dado que o fungo está no chan, unha opinión apunta a que invade a árbore pola raíz e convén arrincalo e queimalo para cortar a infección. Outros, baseándose en experiencias europeas, cren que basta con cortar o tronco danado e esperar a que rebrote san. Este último diagnóstico apunta a que as esporas viaxan pola auga, amplificándose os efectos polas crecidas invernais, que deixaron feridos os ameneiros. E sospéitase do papel negativo de obras para construír paseos artificiais e áreas fluviais, coa remoción de terras, rozas agresivas ou a eliminación de vexetación autóctona. Ata se sospeita da plantación de ameneiros foráneos infestados.

 

A degradación dos sistemas riparios e o clima extremo déixanos sen defensa

O alcance da praga está por determinar. Técnicos da Xunta e a Confederación Hidrográfica seguen revisando casos sospeitosos dende que no verán pasado declarouse oficialmente, ao ser identificado o fungo nas ribeiras do Avia, onde a organización ecoloxista Coto do Frade alertou do decaemiento en varios quilómetros de ameneirais. En febreiro ultimo elaborou un informe e denunciou ante a Unión Europea o proceso de degradación do sistema ripario e o lamentable estado ecolóxico das augas continentais.

A Galicia chegou meses atrás o experto mundial en Phytophthora, Thomas Jung, alemán que recolleu mostras nos arredores de Lugo, pois o parque Miño, ribeiras do Rato e bosques protexidos como Reserva da Biosfera atópanse afectados en moitos quilómetros. Jung sinala nas súas investigacións que patóxenos invasores como a Phytophthora alni vense favorecidos polo aumento de factores climáticos extremos, e avanzan a través do chan. Especies autóctonas, como os ameneiros, son moi sensibles ao fungo oriental que puido chegar dende Centroeuropa, Gran Bretaña ou Estados Unidos. É necesario ver cales son resistentes. En Alemaña apenas acharon mellor solución que tallar bosques cada 15 ou 20 anos para rexeneralos.

Está o dramático referente doutra Phytophthora, a que dende o século XVIII provocou a tinta do castiñeiro e máis recentemente o chancro, matando todos os soutos do litoral. Ou as secas de aciñeiras no sur peninsular.

 

 

{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies