A reserva de caza dos Ancares rexistra o primeiro lume do ano

Os tres focos parecen intencionados e afectan o hábitat do oso pardo

Imaxe de parte da zona calcinada polo incendio rexistrado onte. Autora da imaxe: Fernanda Follana

Os primeiros incendios deste ano en Galicia producíronse nunha zona de especial valor ecolóxico e aínda en pleno inverno. Dous lumes ameazaron durante a madrugada de onte os bosques da reserva nacional de caza dos Ancares. O primeiro, en Robledo de Donís (Cervantes), reproduciuse por terceira vez no mesmo lugar en tan só tres días, pondo en perigo unha das zonas máis sensibles da reserva, Os Cabaniños, cun bosque de valor incalculable que é frecuentado polo oso pardo. Pero máis importante que estas en canto a dimensións foi outro lume que se produciu na vertente leonesa do pico Penarrubia, onde arderon máis dun centenar de hectáreas, tamén na madrugada de onte.

O forte vento que se levantou na zona case provoca que o lume estivese a piques de estenderse tamén pola reserva galega, aínda que en realidade só chegaron a queimarse uns dous mil metros cadrados dentro da zona galaica de Porcís (Cervantes). Afortunadamente, a rápida intervención dos efectivos da Xunta evitou finalmente unha maior propagación do lume por esta área.

En canto a dimensións calcinadas, no primeiro dos incendios, en Robledo de Donís, arderon unhas catro hectáreas de monte raso. Onte pola mañá unha brigada de incendios repasou a superficie queimada para culminar os labores de extinción, cando aínda saía fume dalgún punto do monte calcinado. Varios veciños de Robledo declararon na mañá de onte a este xornal que nin sequera se decataron dos lumes, a pesar da pouca distancia que media entre as zonas habitadas e o monte.

Veciños alleos

“Ardeu?. Non sabía nada, eu non saio da casa. Agora cos farois que temos xa non se ve o lume pola noite”, explicou Luz Méndez, que onte realizaba con toda normalidade os seus labores gandeiros. Outro veciño seu, Eduardo, expresouse nos mesmos termos. Ademais dos lumes nos Ancares, tamén na madrugada do sábado ao domingo ardeu unha hectárea en Lexo, no próximo municipio lucense de Baralla. Todos os lumes parecen intencionados.

 

{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies