A xuíza imputa aos xefes dos dous brigadistas mortos en Fornelos
Aberta unha causa por presunto delicto contra os dereitos dos traballadores
A titular do xulgado número 2 de Redondela decidiu abrir dúas causas distintas polo incendio de Fornelos de Montes a noite do pasado 12 de agosto, no que morreron dous brigadistas. Segue en liberdade provisional o presunto causante do lume, un home de 62 anos veciño de Rial, a mesma parroquia onde se iniciaron as chamas. A xuíza decidiu abrir un proceso separado por outro presunto delicto, este contra os dereitos dos traballadores, polo que de momento están imputados os dous máximos responsables da operación sobre o terreo.
Os imputados son os responsables das dúas brigadas da Xunta que aquela noite loitaron contra as chamas. Un deles é capataz do grupo pertencente á empresa pública Seaga, participada pola Administración autonómica, que foi o primeiro en chegar ao incendio, e o outro, o director técnico da extinción, da brigada da Consellería de Medio Rural, que se incorporou máis tarde. Ambos declararon onte durante varias horas ante o xuíz que instrúe o caso. Nos próximos días chamarase a novas testemuñas. Os testemuños de onte estiveron presididos polo rexeitamento de calquera responsabilidade na suposta desorganización e falta de preparación dos brigadistas que investiga o xulgado.
Na causa están persoadas as familias dos dous brigadistas que faleceron nos labores de extinción -Julio Martínez Dasilva, de 27 anos, e Rodrigo Amo González, de 35-, que reclaman responsabilidades polas presuntas neglixencias na organización do dispositivo. No caso de Rodrigo Amo, a súa nai denunciou nos últimos días que a brigada na que participaba o seu fillo levaba case oito horas de quenda cando foi requirida para incorporarse ao dispositivo de Fornelos, a pesar de que había outras cuadrillas que acababan de comezar o seu.
Nunha carta ao presidente dunha asociación que quixo conceder un premio aos brigadistas mortos, rexeitado pola familia para non compartilo coa Xunta, a nai avanzaba os argumentos que agora emprega ante o xulgado. Así, denuncia á Consellería de Medio Rural pola contratación de parados “cunha formación inexistente, cuns horarios demenciais e cuns equipos de gardarroupa de teatro”, aos que se mandou “a unha morte certa”.
O día do falecemento de Rodrigo Amo, asegura a súa nai, este “chegara pasadas as catro da mañá, cunha prolongación de horario de catro horas, o que apenas sí lle deixou tempo para durmir, ducharse, comer algo e volver ao tallo de novo, para perder a súa vida”. Esas ampliacións de horario, denuncia, “eran práctica habitual na campaña”. O traballo do brigadista falecido, continúa, “consistía teoricamente en axudar nos labores de prevención e extinción, pero non en intervir en incendios da magnitude do que llo levou”, xa que non tiña “preparación nin medios”. Así, asegura que as dúas vítimas de Fornelos levaban “unhas máscaras de papel” das que se usan nos hospitais, e ían “practicamente espidos co seu batelumes”.
A investigación xudicial trata de esclarecer a organización nas horas críticas do incendio, que van dende a notificación do lume, ás 22:24 horas do 12 de agosto, até a aparición dos cadáveres, dez minutos despois da medianoite. A investigación que realizou a Garda Civil apunta a unha presunta falta de coordinación entre as dúas brigadas que actuaron, a de Vigo e a de Gondomar, que se presentaron sen ningún contacto previo nin información sobre as condicións do terreo.
{xtypo_feed}El País{/xtypo_feed}