A Xunta desenvolve tarefas de silvicultura e prevención de incendios en 60.000 hectáreas de media ao ano
A Xunta realizou de media nos últimos catro anos tarefas de silvicultura e prevención de incendios en 59.533 hectáreas anuais, de acordo cos datos dados a coñecer este luns coincidindo coa visita do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao monte Pedroso para coñecer o labor dos brigadistas.
Núñez Feijóo asistiu, acompañado pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, a unha zona na que se realizan actualmente labores de roza, onde o presidente da Xunta felicitou á ducia de brigadistas que se atopaban traballando polo “excelente labor” desenvolvido este ano.
O xefe do Executivo galego defendeu que en materia de prevención de incendios a Xunta fixo “máis con menos” desde o comezo da lexislatura, xa que este ano aumentáronse as accións de control da biomasa e da vexetación até as 33.500 hectáreas, fronte ás 27.000 de 2008.
Esta “mellora na xestión” permitiu aumentar o esforzo noutro tipo de accións preventivas, como en mellora e apertura de pistas, construción e mellora de puntos de auga e vixilancia e adecuación de bases aéreas.
Así mesmo, destacou que desde o comezo da lexislatura está a “optimizarse a xestión dos fondos destinados a particulares” en materia de silvicultura e prevención de incendios. En 2009, cun orzamento executado de 2,7 millóns de euros houbo 300 beneficiarios e as accións abarcaron 5.295 hectáreas; mentres que en 2011 reserváronse 2,4 millóns para 322 beneficiarios e 6.688 hectáreas.
{vsig}pedroso{/vsig}
{xtypo_feed}A Folla Parroquial{/xtypo_feed}