A Xunta encargará a unha empresa a estratexia da loita contra incendios

 

Centro de coordinación contra incendios en Santiago. Tucho ValdésO Goberno galego pagará 900.000 euros para contratar a un equipo de enxeñeiros e analistas durante as próximas campañas.

A estratexia e planificación da loita contra incendios en Galicia quedará a partir deste verán en mans dunha empresa privada. A Consellería de Medio Rural abriu o proceso para contratar a unha firma que se encargará de deseñar os plans de extinción así como coordinar os medios terrestres e aéreos para sacarlles o máximo partido. Estas tarefas víñaas realizando até agora Seaga, a empresa pública creada na anterior lexislatura polo Goberno bipartito. A actual Xunta decidiu recortar as competencias deste organismo e externalizar a planificación da loita contra incendios a unha empresa que deberá achegar unha vintena de enxeñeiros forestais e asesores que se converterán no cerebro do operativo de extinción, aínda que traballarán sempre baixo as ordes do director xeral de Montes.

 

O contrato custará ao Goberno galego máis de 900.000 euros e prolongarase durante esta campaña e a de 2011. Segundo explicou a Consellería de Medio Rural, a razón pola que se decidiu contratar a unha empresa para deseñar os plans e protocolos de loita contra o lume é “chegar aí onde non alcanza o persoal” do gabinete que dirixe Samuel Juárez.

Cometidos

A creación de Seaga xa foi criticada no seu momento polos sindicatos que viron neste organismo un intento de privatización encuberto do servizo de extinción. Tralo cambio de goberno, producíronse despedimentos no seo desta empresa pública que volveron sacar aos traballadores á rúa. Agora Medio Rural segue restando peso a esta entidade encargando a unha empresa privada as tarefas de planificación da loita contra incendios.

A tarefa da empresa que se contrate consistirá en “optimizar a prevención e os incendios mediante a planificación operativa e a coordinación de medios tanto terrestres como aéreos”.

Son tres os labores que se externalizan. Por unha banda, os enxeñeiros forestais e asesores contratados encargaranse de plasmar documentalmente a organización, protocolos e distribución dos recursos do plan de incendios autonómico. Tamén elaborarán os informes técnicos sobre prevención, investigación e extinción de incendios. A segunda tarefa que se encomendará a esta empresa será o estudo da evolución de determinados incendios, desde o seu inicio até a súa finalización total, para detectar posibles erros cometidos e evitar que se repitan no futuro. A Xunta argumenta que “dada a magnitude económica” que implica a posta en marcha do dispositivo de prevención e defensa contra o lume é preciso que os enxeñeiros contratados “optimicen” ao máximo os recursos. Ademais un grupo de analistas técnicos participarán na elaboración dos plans de extinción dos incendios forestais e integraranse nos postos de mando avanzado da Dirección Xeral de Montes.

A terceira función que se externaliza é a da “vixilancia preventiva e coordinación dos medios aéreos”. Medio Rural argumenta, no prego de condicións aberto para a contratación, que existe unha elevada porcentaxe de lumes en Galicia nos que intervén máis dun medio aéreo. Por esa razón, é “imprescindible”, segundo a Xunta, que o grupo de enxeñeiros contratados establezan os “procedementos e protocolos” que servirán de guía para mobilizar os avións e helicópteros do operativo antiincendios. Será tamén esta empresa a que determine as zonas que serán de actuación prioritaria nas que se centrarán os labores de vixilancia preventiva. O traballo desta empresa prolongarase durante un período de 12 meses repartido ao longo de 2010 e 2011.

 

{xtypo_feed}Fonte: Laopinióncoruña.es{/xtypo_feed}

{jcomments on}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies