A Xunta ten 14 das 19 brigadas de investigación forestal cun só Axente

Entidades do sector critican o “fracaso policial manifesto” ante os cen detidos o ano pasado polos case 4.000 incendios rexistrados en Galicia

Aínda que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste ano, presentado recentemente, encadra as Brigadas de Investigación Forestal (BIIF) “dentro do dispositivo de vixilancia” e reflicte que están “dotadas convenientemente dos medios materiais necesarios para realizar a súa misión”, o certo é que “están practicamente desmanteladas xa que a Xunta apostou por un modelo policial urbano que non ten nada que ver coa realidade do monte e abandonou a esas brigadas”, segundo asegura Xosé Santos, Axente forestal e vogal do departamento ambiental do Consello Forestal, que leva criticando xunto a outras entidades esta situación desde 1998, o que provocou que “se creara” en Galicia esta figura.

“Parece que á Xunta non lle interesan as causas dos incendios”

Desmantela que malo será

Segundo o Pladiga 2011, as investigacións das BIIF basearanse “na análise das evidencias físicas, das actividades humanas e a recollida e análise de información de testemuñas”. Así mesmo, o plan asegura que “traballarán coordinadas cos Corpos e Forzas de Seguridade” para obter “un único informe de investigación, que sexa o que se traslade ao Ministerio Fiscal no caso de existir sospeitosos”. O plan tamén lle outorga “máxima prioridade ao traballo de investigación á hora de integrar aos Axentes BIIF nas quendas dos distritos”.

A Xunta determinou en 2005 que debería haber un mínimo de dous Axentes forestais –un instrutor e un secretario– nos 19 distritos en que se divide Galicia, pero na maioría deles (14) hai un só e nalgúns “a situación é un totum revolutum”, explica Santos, que critica que este sistema “está deixado”, o que fai que “haxa un gran descontrol das BIIF coas forzas policiais”. Máis cando na maioría das autonomías, como Valencia, o número mínimo de Axentes por brigada é de tres.

Así, aínda que unha das funcións das BIIF é recibir comunicación do Centro de Coordinación do Distrito sobre “a conveniencia de iniciar a investigación do lume”, tal e como indica o Pladiga, o certo é que “a estrutura actual das brigadas non fai isto operativo, xa que debería de haber tres por distrito”, engade Santos. “Os lumes investíganse un día sí e ao seguinte non, xa que os Axentes teñen esa quenda de traballo e Medio Rural non aposta por cambiar o seu funcionamento”, di.

Iso fai “imposible” que cando se cometa un delito forestal os Axentes poidan chegar ao lugar dos feitos en poucos minutos. “Non hai persoal suficiente e carecen dun protocolo axeitado”, explica o representante do Consello Forestal, que considera que moitos deses Axentes “foron nomeados a dedo”. Na súa opinión, sería necesario habilitar unha brigada máis ampla “que cubra cada provincia” para evitar a perda dos montes e “facer máis doada a investigación do delito cometido, para cubrir a vixilancia todos os días”. Ao seu xuízo, a Xunta impulsou as BIIF “só porque estaban funcionando moi ben noutras comunidades” pero os Axentes forestais galegos “só actúan como unha policía xudicial xenérica a nivel medioambiental”, a pesar de que “segundo a Lei de Axuizamento Criminal son funcionarios e teñen a consideración de axentes de policía xudicial”, matiza. Na práctica, Medio Rural e a Fiscalía “non están botando man deses Axentes, que son os que mellor coñecen o monte, as súas particularidades e as causas de moitos lumes”, engade Xosé Santos.

As eivas das brigadas de investigación póñense “aínda máis de manifesto”, na súa opinión, ante o último informe da Fiscalía Superior de Galicia sobre o perfil do incendiario, feito público en agosto do ano pasado, que indica que case o 69% dos incendios que se producen na comunidade son intencionados, cifra que Medio Rural elevou ao 76%. “Unha mínima parte das persoas que son detidas son xulgadas e non se tipifican a maioría deses delitos”, asevera o Axente forestal.

Isto, unido ao feito de que “só houbo uns cen arrestados” polos 4.000 lumes rexistrados o ano pasado representa “un fracaso policial manifesto, xa que, onde están os outros autores dos 3.900 incendios?”, argumenta Xosé Santos, que engade que “Galicia padece o 50% dos lumes que se producen en todo o Estado”. Na súa opinión, a investigación de incendios debería de ser o punto de partida para desenvolver unha política forestal “adecuada”. Segundo datos do Centro Superior de Investigacións Científicas, o 99% dos lumes que se producen en Galicia “son causados pola man do home, polo que poderían evitarse se se traballase correctamente”, unha evidencia que demostra que “o actual sistema de investigación falla”, asevera.

Un problema motivado polo grande investimento dedicado á extinción, en contraposición a que “non se inviste en investigar co persoal axeitado, a pesar de que existen profesionais que desenvolven á perfección o seu traballo”, matiza Santos. “Non se poden prever os incendios se non coñecemos as súas causas”, revela.

Unha opinión similar mantén Caludio Quintillán, responsable de comunicación social da Organización Galega de Comunidade de Montes, entidade que representa a máis de 200 propietarios de montes veciñais, que considera que “a Xunta non apostou polas BIIF”, a pesar de que nelas “traballan grandes profesionais que fan moi ben o seu labor”.

“Serían necesarios máis Axentes, porque en Lugo e Ourense a situación é caótica xa que hai distritos nos que non hai ningún”, advirte. “A Xunta non recoñece a función deses Axentes facultativos, que traballan de forma voluntaria nas BIIF e non teñen recoñecida a súa categoría laboral, xa que manteñen a anterior a pesar de que asumiron novas competencias”, asevera.

De feito, a Xunta “non creou esas prazas e non existen os seus contratos”, engade. Iso explica que as BIIF “carezan de regulamento propio” e que “investiguen sen horario”, engade. “Tería que haber 38 Axentes en Galicia e non é así. En Pontevedra só hai oito e na Coruña a metade”, asevera. “En Ourense só hai un Axente por distrito e en Lugo hai catro en vez dos dez que debería haber”, engade outro destes Axentes.

 

“Parece que á Xunta non lle interesan as causas dos incendios”

Estes profesionais aseguran que “unha ampla maioría dos lumes quedan sen investigar”

Malia que Galicia sofre o 50% dos incendios que se rexistran cada ano no Estado, e de que a práctica totalidade deses lumes están causados pola acción humana, os axentes das Brigadas de Investigación Forestal (BIIF), dedicados a investigalos, “sempre funcionaron máis por vontade e vocación dos seus compoñentes que pola aposta realizada desde a Administración galega”, asegura o Axente forestal Xosé Santos. “Parece que á Xunta non lle interesa investigar as causas dos incendios”, engade, xa que o “deixamento é manifesto” cara estas unidades ás que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste ano outorga gran importancia.

Este abandono das BIIF provoca “un
aumento dos incendios” e da súa gravidade en zonas onde se rexistra “unha gran intencionalidade”, explica Santos. “Se non investigamos as causas dos lumes, como se pode realizar unha prevención axeitada?”, indica outro dos profesionais que traballa nun distrito forestal do interior de Galicia, que opina que a maioría dos lumes “so previsibles e evitables” xa que están causados pola man do home. As lapas que se xeran tras a caída dun lóstrego son unha das orixes naturais do lume no monte galego, aínda que “teñen pouca incidencia”, matiza.

Outro dos Axentes forestais considera que “se nunca se determinan as causas nin se esixen responsabilidades” os incendiarios “seguirán actuando con total impunidade” e critica que a Consellería do Medio Rural, malia contar con funcionarios con “formación, coñecementos técnicos e vocación”, non fai un uso axeitado destes profesionais”. E é que “non hai hai protocolos axeitados de colaboración entre as forzas da orde pública e os servizos forestais” e existen “intereses” que fan que os lumes forestais “sigan sendo un saco sen fondo do gasto de diñeiro público”. Ao seu xuízo, a aposta orzamentaria da Xunta pola extinción significa que “a política de prevención segue a deseñarse ao chou”.

Situación de “abandono”

Por outra banda, estes profesionais critican que a Consellería do Medio Rural “coñece perfectamente” a situación de “abandono” das BIIF” e “non fai nada para evitalo”. Por iso, resulta “particularmente penoso” que os cinco distritos da provincia de Ourense conten só cun Axente forestal en cada un deles, o que fai “imposible” calquera tipo de investigación sobre as causas dos incendios forestais. Sobre todo tendo en conta que esta provincia “concentra unha gran porcentaxe dos lumes que se producen en toda Galicia”.

Segundo estes profesionais, “a Policía e a Garda Civil non teñen como prioridade os lumes forestais” e tampouco se poden coordinar correctamente cos “escasos” efectivos das BIIF, polo que “unha ampla maioría dos incendios que se producen nos montes galegos quedan ao final sen investigar”. Así mesmo, censuran que “tampouco se realizan as tarefas de inspección para prever incendios forestais por defectos en infraestruturas”.

O primeiro curso especifico de investigación de causas de incendios forestais en Galicia realizouse aló polo ano 1998. Portugal foi un dos primeiros países europeos que creou as BIIF, adaptando o modelo norteamericano ás súas características propias. Os profesionais lusos implantaron “a semente das BIIF”, e foi Cataluña o territorio onde a investigación de causas “supuxo un cambio na maneira de proceder”, tal e como indican os brigadistas galegos.

Hoxe, os Agents Rurals cataláns “son os que marcan a pauta na investigación de causas de incendios e os que imparten a maioría dos cursos que se desenvolven a nivel estatal e incluso noutros Estados”, engaden as mesmas fontes.

 

Desmantela que malo será

Suma e segue. A Consellería do Medio Rural non está a deixar títere con cabeza no dispositivo de extinción de incendios nestas semanas previas ao inicio da campaña de máis risco do ano. Primeiro foi un anuncio de proba nun medio de comunicación, no que o departamento de Juárez anunciaba unha próxima reestruturación das brigadas de extinción que pasarían de ter sete operarios a cinco.

Posteriormente aprobouse un Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais que se anunciou antes aos medios que ao Consello forestal, non fora ser que a xente lles parara os pés cuns recortes que afectarán ao orzamento, ao persoal e ao material –cuxo mal estado xa denunciaran o pasado verán despois da morte de dous compañeiros en Fornelos de Montes–. O seguinte paso dado por Juárez foi pechar as bases dos helicópteros antes de que comece a gran tempada de lumes, que podería adiantarse algo pola seca. O último capítulo: Medio Rural desmantela as brigadas de investigación forestal que investigan os incendios e poden dar pistas para loitas contra eles. De seguro haberá segunda parte desta austeridade mal entendida: Desmantela que malo será.

 

{xtypo_feed}Xornal{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies