Acta xuntanza administración e sindicatos (16-05-08)

 

ASISTENTES:

Pola administración:

  • Alberte Souto Souto: Secretario Xeral
  • Alberte Blanco Casal: Director Xeral de Montes e Industrias Forestais
  • Eleutino Álvarez Álvarez: Subdirector Xeral de Persoal e Informática

 

Polas Organizacións Sindicais:

  • Antonio Pimentel González – UGT
  • José Luís Espiñeira Lage – UGT
  • Alejandro Rodríguez Pazos – CC.OO
  • Francisco Javier Sánchez Juíz – CC.OO
  • José Barbazán Pazos – CIG
  • Xosé Anxo Moreno Mariño – CIG
  • Zeltia Burgos Tortosa – CIG
  • Ramón Díaz Martínez – CSI-CSIF
  • Juan Rubén Pardo Cid – CSI-CSIF
  • Roberto González Ortega – CSI-CSIF

 

En Santiago de Compostela, sendo as 10,15 horas do día 16 de maio de 2008 abre a sesión o Secretario Xeral e informa aos asistentes que xuntamente coa convocatoria se enviou a acta da sesión anterior e as tres propostas, a da plataforma conxunta, a da CIG e a da Consellaría, seguidamente pregunta aos asistentes si hai algunha observación que facer á acta. O representante de CC.OO di que quere que se recolla con máis amplitude o que manifestou na sesión anterior e que o fará chegar por escrito. Seguidamente o Secretario Xeral dálle a palabra ao Director Xeral de Montes e Industrias Forestais para que informe sobre o contido da proposta da Consellaría.

 

O Director Xeral de Montes e Industrias Forestais manifesta que a proposta contén os obxectivos que se queren acadar coa gardería forestal. Así dende o punto de vista organizativo cómpre ter presente que hai dous ámbitos, o forestal e o de conservación da natureza. A proposta refírese só ao ámbito forestal, é probable que a consellaría de Medio Ambiente queira facer algunha modificación no que se refire á conservación da natureza o que non interfire co presentado por Medio Rural.

 

 No ámbito forestal cómpre distinguir dúas especialidades: a de policía administrativa e xestión forestal e a de investigación forestal, esta última xa existe na práctica aínda que sen recoñecemento expreso. Ademais podíase pensar en algunha subespecialidade pero sen que haxa un excesivo número de categorías. Tódalas especialidades deben ter formación en prevención e extinción xa que tódolos axentes deben de ter os coñecementos precisos para actuar como directores de extinción, de tal xeito que ata os axentes medioambientais deberían ter este tipo de formación.

 

A especialidade de policía administrativa e xestión forestal adquírese ao entrar na escala e para acceder a especialidade de investigación forestal teríase en conta a experiencia e a formación adicional a través de cursos, e os que tivesen esta especialidade serían os que, de xeito habitual, actuasen como policía xudicial, sen perxuízo de que puntualmente o resto dos axentes puidesen realizar funcións de policía xudicial.

 

A consellaría entende que a escala deber ter unha identificación propia e un escalafón perfectamente definido, de tal xeito que esta escala, que debe ter certa autonomía debe estar integrada na estrutura xerárquica da consellaría. Neste senso dáse un paso histórico que é crear unha estrutura provincial, así en cada provincia habería un Inspector Provincial, en cada Distrito un Subinspector, eliminaríanse os axentes base e zonais e quedarían como axentes de Distrito.

 

O Inspector provincial depende do Delegado Provincial, directa ou indirectamente, e sería un posto a prover polo sistema de libre designación. Do Inspector Provincial dependen as BIF, si ben estarían no territorio no que se lle asignen as funcións, a estes efectos probablemente se terá que fortalecer máis algúns Distritos e relativizar outros, é dicir, iríase a unha redistribución pero cun número similar ao dos efectivos de que se dispón agora, simplemente se reaxustarían.

 

As funcións do I.P. serían basicamente de dous tipos, coordinación e de disciplina e réxime interno.

 

O Subinspector de Distrito depende do Xefe de Distrito e dos Técnicos de Distrito, de tal xeito que o seu superior xerárquico na escala e o Inspector Provincial e a nivel de Distrito o Xefe de Distrito e os Técnicos de Distrito para a xestión forestal.

 

O xefe de Distrito ou o técnico serán os que transmitan as ordes de servizo ao subinspector ou ao axente que o substitúa. En caso de extinción, a dirección de extinción depende exclusivamente do xefe de Distrito ou dos técnicos.

 

Seguidamente o Director Xeral informa que a consellaría mantivo unha reunión coa consellaría de Medio Ambiente para tratar de conquerir unha coordinación na negociación. Para ser operativos na negociación considerouse como máis axeitado que cada consellaría propoña as súas modificacións estructurais pero mantendo unha coordinación no que se refire ás cuestións retributivas, si hai acordo nas liñas básicas xa se podería ir a unha modificación da RPT para incorporar os cambios organizativos.

 

O representante de UGT pregunta acerca da opinión da consellaría de Medio Ambiente sobre este modelo xa que si se chega a un acordo sobre a proposta vai ter que reflexarse no Regulamento.

 

O Secretario Xeral contesta que cada consellaría organiza o funcionamento e coordinación da escala, de tal xeito que a consellaría do Medio Rural entende que a efectos de coordinación debe existir un Inspector Provincial, si a consellaría de Medio Ambiente decide que tamén ten que haber un Inspector Provincial os dous postos de Inspector deben ter o mesmo nivel retributivo, eso é a coordinación entre consellarías, o adecuado é que haxa coordinación nos aspectos retributivos e que as negociacións rematen ao mesmo tempo.

 

O Director Xeral de Montes e Industrias Forestais considera que para avanzar de maneira armónica o máis axeitado sería que os sindicatos propuxesen que na consellaría de Medio Ambiente se poñan en marcha reunións de traballo coma estas que estamos a ter, de tal xeito que as consellarías o que pactarían sería a coherencia da reforma organizativa e retributiva pero mantendo a salvo as peculiaridades de cada consellaría.

 

O representante de UGT prosegue a súa intervención dicindo que a proposta que presentou a consellaría é respectable, que, con algunha matización están de acordo con ela, xa que é a proposta que fixo a plataforma, e polo tanto hai un principio de acordo, o que lle van propoñer á consellaría de Medio Ambiente é que asuma o Acordo que se acade nesta mesa.

 

O representante da CIG entrega un escrito que se lle remitiu á Dirección Xeral da Función Pública para que coordinará ás dúas consellarías.

 

O Secretario Xeral di que este escrito chegou á consellaría dous ou tres días antes desta reunión polo que se preferiu seguir con esta mesa de traballo e cando estea máis avanzada a negociación plasmala nun acordo.

 

A representante da CIG formula as alegacións á proposta da consellaría, cuxo contido literal é o seguinte:

 

“Reiteramos a ausencia da Consellaría de Medio Ambiente nas negociacións e aínda que o Secretario Xeral de Medio Rural afirma que están en colaboración, vemos como marco válido e eficaz de negociación a comisión anunciada por Función Pública. Comisión para a conciliación entre consellerías e que foi solicitada por este sindicato e da que traemos resposta de Función Pública.

 

De tódolos xeitos presentamos no día de hoxe as alegacións sobre o texto de “proposta base para a gardería forestal” que nos enviou a Dirección Xeral de Montes e I.F. As alegacións vámolas a ir facendo sobre o texto e seguindo os puntos nos que se estructura:

  1. No “Novo marco de actuación da Gardaría Forestal” o texto ten intención basicamente productivista onde se entrevé a privatización da xestión forestal e nas aplicacións da novas políticas sectoriais onde se conta cos axentes unicamente como fiscalizadores e policías.
    O asesoramento aos propietarios, a xestión dos montes comunais, en espazos naturais protexidos e de actividades cinexéticas e piscícolas, educación ambiental, información das novas normativas aos usuarios non se contempla no texto. Polo que falta a aposta cos axentes forestais no modelo de desenvolvemento rural forestal que plantexa este Goberno.
    Así mesmo vemos interesante o reforzo das actuacións de policía forestal mediante instrucción de servizo pero non cremos viable nin efectivo adicar os axente unicamente a labores policiais. Para conquerir a aplicación das novas normas é preciso achegarnos aos cidadáns en primeiro lugar con asesoramento. Cremos que formamos parte dun todo e dirixir as escalas dos axentes forestais so cara a fiscalización e control non é axeitado. Non imos permitir a merma de competencias cara ao sector privado.
    As características de axentes da autoridade, policía administrativa especial e policía xudicial son atribuídas polas leis polo que no é a xustificación da nova estrutura.
    Bótase de menos que unha consellería como a do Medio Rural que traballa sobre o medio natural non incluíse no texto cuestións coma a protección do medio ambiente como parte fundamental para un aproveitamento sostible no que os axentes forestais teñen a competencia directa na súa protección.
  2. Obxectivos xerais, nas especialidades propón a de Investigación Ambiental parella no seu funcionamento e estructura a de Investigación de Incendios Forestais.
    Tamén solicitamos unha nova redacción que aclare no texto que os axentes da natureza só vaian a incendios nos espazos naturais protexidos e da rede natura e que se estableza un protocolo de reciprocidade entre consellerías para cuestións de emerxencia.
  3. Acceso, o acceso para os distintos postos dentro da escala queremos que se faga por concurso como ata o de agora, polo que non queremos discutir o acceso nesta mesa. Dende a CIG non admiten que o Axente Inspector de Distrito sexa de libre designación porque si creen que se pode dar unha utilización perversa deste cargo”.

 

Seguidamente o representante de UGT en nome da plataforma formula as seguintes alegacións á proposta da consellaría:

  • Entenden que as funcións de policía xudicial se refiren só ao traballo diario dunha determinada especialidade pero que non se lle retiran aos restantes axentes.
  • Os funcionarios que presten servizos en Medio Ambiente ten esa especialidade pero non son funcionarios propios da consellaría xa que forman un corpo único.
  • Na estrutura debe crearse a figura dun Inspector Xefe Autonómico.
  • Debe haber unha estrutura de apoio técnico e administrativo.
  • A nivel de dependencia consideran que nas funcións de policía administrativa e de xestión forestal non deben depender dos técnicos.
  • Deben dotarse ben as dependencias propias nos Distritos.
  • Debe considerarse unha reciprocidade dos funcionarios de Medio Rural con relación aos de Medio Ambiente, e xa que estes en situación de emerxencia poden ter que prestar servizo para Medio Rural debe considerarse que os de Medio Rural, en determinadas circunstancias, tamén poidan ter que prestar servizos en Medio Ambiente.
  • As BIF deben estar integradas por tres axentes en lugar de dous, xa que deste xeito garantiríase que sempre puidesen actuar dous axentes.

 

O outro representante de UGT manifesta que sería desexable que todos puidesen acceder aos cursos homologados.

 

O representante de CSI-CSIF di que se debería valorar a conveniencia de impartir formación sobre o uso e tenencia de armas.

 

O representante de CC.OO pregunta de que niveis se está a falar, polo demais considera que a función de policía xudicial é inherente á escala, non é atribuída, polo que calquera axente pode desenvolver esa función.

 

O representante de CSI-CSIF considera que se deben considerar tres especialidades en vez de dúas: Policía administrativa forestal, xestión forestal e investigación de incendios, pois entende que as funcións de xestión forestal e policía administrativa son incompatibles.

 

Tamén manifesta que no parágrafo 5º da proposta fálase de “apoio aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado” sería mellor falar de “colaboración”. O Director Xeral de Montes e Industrias Forestais acepta esta proposta.

 

O representante de CSI-CSIF segue a manifestar que non lle parece operativo que os axentes que realizan funcións de dirección de extinción dependan a estes efectos do técnico correspondente, deben depender do Subinspector, e o Subinspector debe coordinarse co Xefe de Distrito non cos Técnicos.

 

O Director Xeral de Montes e Industrias Forestais intervén para dicir que en liñas xerais hai unha coincidencia bastante grande coa proposta. O que plantexa a CIG é unha proposta xenérica, non entra en concrecións nin en matices, primeiro hai que estar de acordo nas liñas fundamentais. En canto a algunhas cuestións que plantexa hai que dicir que a extensión forestal é algo inherente á xestión forestal xa que o concepto de xestión forestal formúlase de xeito moi amplo. No que atinxe ás especialidades de Medio Ambiente é unha cuestión que hai que negociar coa consellaría de Medio Ambiente. Polo que se refire á reciprocidade hai que ter claro que se trata de funcións diferentes pero eso non quere dicir que nun momento puntual se poida actuar conxuntamente.

 

En canto ao sistema de acceso é evidente que se rexe pola normativa xeral e pode que sexa redundante o texto que figura na proposta, pero en todo caso non se vai incorporar ao acordo nada que sexa ilegal. Se algunha virtualidade ten esta proposta é que se lle pretende dar un maior protagonismo e prestixio as escalas de axentes forestais e medioambientais para ter unha gardería forestal que sexa respectada pola sociedade.

 

En canto ás matizacións á proposta da consellaría que fixo a plataforma cómpre que se teña presente que no que atinxe ás funcións de policía xudicial con esta proposta non se vai cambiar nada do que está recollido na lexislación básica. Non se contradí nada do previsto na lexislación básica, o que ocorre é que sendo potencialmente toda a gardería policía xudicial considérase por razóns organizativas e de eficiencia que as BIF sexan policía xudicial de referencia, o resto dos axentes que non integren as BIF, se descobren a comisión dun delito, ten que actuar como policía xudicial, de tal maneira que non hai ningunha contradicción, tódolos axentes son policía xudicial, pero non todos actúan como BIF.

 

En canto á distinción da xerarquía vertical da territorial, ten que estar moi clara, para evitar confundir unha con outra e que non se produza confusión entre a orde xerárquica e a orde funcional.

 

Non parece necesario de momento a figura do Comisario Central, en algún momento puidera considerarse, pero cómpre ter claro primeiro como vai funcionar o novo esquema a nivel provincial. A coordinación queda garantida a través dunha comisión de coordinación e das circulares que se emitan e que van obrigar aos catro inspectores provinciais.

 

En canto á estrutura de apoio é preciso avaliar o funcionamento da nova estrutura e se é necesario porase en marcha o correspondente plan dotacional.

 

Polo que se refire á dependencia dos axentes dos técnicos na súa función de policía administrativa cómpre ter presente que en ocasións os axentes ten que intervir en cuestións tales como obras que ten a súa correspondente dirección facultativa e un técnico responsable da mesma, ademais a función de policía administrativa hai que entendela dentro da xestión forestal.

 

En canto á creación dos postos das BIF créanse nos Distritos onde máis necesarios sexan, tendo presente que as BIF non forman parte da xerarquía vertical senón transversal, de tal maneira que o axente territorial ou zonal pode ter esa especialidade.

 

En canto á adaptación dos vehículos, unha vez que se poña en funcionamento a nova estrutura os inspectores farán as propostas que correspondan segundo a realidade e estudiaranse, o mesmo que a dotación de armamento que en principio non se considera pero poderíase estudar.

 

Polo que se refire á ampliación da plantilla non se considera nesta primeira fase, detraerase do ámbito territorial catro axentes que serán os Inspectores e o resto continuará no territorio, de tal maneira que non hai distracción de efectivos senón redistribución.

 

En canto á suxerencia de que as BIF estean integradas por tres membros considérase que dous son suficientes, o mesmo que se considera adecuado manter unidas as funcións de policía administrativa e de xestión forestal xa que separalas crearía problemas artificiais.

 

En canto á forma de provisión dos postos de Inspectores Provinciais hai un Acordo, pactado entre as organizacións sindicais e a consellería de Presidencia, sobre os criterios en función dos cales determinados postos inferiores ao N. 30 deben proverse polo sistema de libre designación, e no caso dos Inspectores Provinciais cumpren dous dos seis criterios previstos no Acordo, ademais un concurso puro e duro non garantiría que eses postos os cubrisen os funcionarios idóneos.

 

O Secretario Xeral manifesta que en xeral hai unha coincidencia bastante grande, polo que propón que si hai algún matiz na redacción se faga chegar á consellaría para que poida incorporarse á proposta.

 

En canto á afirmación da CIG que deixa entrever que aprecia unha vontade privatizadora hai que dicir que non se da, ademais a gardería ten atribuída unhas funcións concretas e ten que exercelas.

 

En canto á forma de provisión dos postos con carácter xeral vanse prover por concurso, se temos en conta os criterios pactados polas Organizacións Sindicais coa Dirección Xeral da Función Pública hai determinados postos que pola súa natureza e as función que ten atribuídas, con independencia no nivel que teñan, poden proveerse por libre designación, é o caso dos Inspectores que teñen atribuída unha función de control interno ademais daquelas outras de coordinación e mando que poden implicar que en algún momento poidan ter que tomar decisións que limiten os dereitos e liberdades dos cidadáns. Seguidamente xa para pechar a sesión propón unha última rolda de intervencións.

 

A representante da CIG di que en liñas xerais apoian o texto pero coas seguintes matizacións que se recollen literalmente:

 

“Como xa indicamos na asamblea anterior non estamos de acordo coa utilización do termo “gardaría forestal”, xa que é un termo arcaico que non se corresponde coa situación actual das escalas, reiteran a utilización do termo “axentes forestais” de forma xenérica ou “escalas de axentes forestais e facultativos medioambientais”.

 

O texto que presenta a administración precisa unha redacción máis precisa e ampliada en canto a niveis e funcións.

 

Entenden que si respectan a norma legal xeral non terían ningunha LD na escala e, aínda que saben que hai un acordo para a provisión de postos con LD asinado polas organizacións sindicais, a CIG non acepta o Axente Inspector Provincial como LD”.

 

Os representantes da plataforma unitaria nas súas intervencións manifestan que en xeral parécelle unha boa proposta, con algúns matices como a cuestión do aumento da plantilla, e que a pirámide da gardería debe ter o seu vértice nos Servizos Centrais (en Santiago), ou a posta en marcha de mecanismos de autocontrol para impulsar o bo funcionamento do servizo que deben ir acompañados de retribucións dignas. Manifesta que as propostas concretas as mandarán por escrito e piden que, a ser posible, para a próxima reunión se inclúan no documento os niveis que se van asignar.

 

O representante de UXT di que cómpre activar o segundo proceso de integración no grupo C. O Secretario Xeral contesta que na última reunión da Mesa Xeral de Negociación acordouse que aínda que a OPE xa se publicou, vai haber un Decreto de ampliación no que se vai contemplar o segundo proceso de integración.

 

O representante da CIG di que para mellorar o funcionamento do servizo sería moi útil organizar grupos de traballo que se reúnan periodicamente a nivel comarcal e de Distrito.

 

O Secretario Xeral, recapitulando, suxire novamente que se fagan chegar os matices que se consideren á proposta para incorporalos e ter unha nova reunión no prazo máis breve posible.

 

En canto a petición de que se entre a considerar os niveis, hai que sinalar que, sen querer adiantar nada, nas dúas propostas que se presentaron combínase un incremento de niveis cunha suba no complemento específico que supera o 10% da masa salarial, e sendo realistas, tendo en conta o último acordo de 2004 e as subidas que se contemplan nos acordos con outros colectivos, non é fácil que se poidan alcanzar esas porcentaxes.

 

O representante de UGT di que o acordo de 2004 apenas supuxo incremento retributivo con relaci

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies