Acta xuntanza administración e sindicatos (24-04-08)
 
 
 

ASISTENTES:

Pola administración:

  • Alberte Souto Souto: Secretario Xeral
  • Alberte Blanco Casal: Director Xeral de Montes e Industrias Forestais
  • José Antonio Portos Mouriño: Subdirector Xeral Defensa contra Incendios Forestais
  • Eleutino Álvarez Álvarez: Subdirector Xeral de Persoal e Informática

 

Polas Organizacións Sindicais:

  • Xosé Anxo Moreno Mariño – CIG
  • Marco Antonio Reboredo Blanco – CIG
  • Zeltia Burgos Tortosa – CIG
  • Roberto González Ortega – CSI-CSIF
  • Ramón Díaz Martínez – CSI-CSIF
  • Juan Rubén Pardo Cid – CSI-CSIF
  • José Luís Espiñeira Lage – UGT
  • Antonio Pimentel González – UGT
  • Francisco Javier Sánchez Juíz – CC.OO
  • Alejandro Rodríguez Pazos – CC.OO

 

 

En Santiago de Compostela, sendo as 17,00 horas do día 24 de abril de 2008 reúnense as persoas que á marxe se relacionan co obxecto tratar diversos aspectos referentes ás condicións de traballo dos funcionarios das escalas de Axentes Forestais e Axentes Facultativos Medioambientais.

 

Abre a sesión o Secretario Xeral e expón que na última sesión se pediron propostas para iniciar unha negociación sobre as condicións de traballo dos funcionarios da Escala de Axentes Forestais e Axentes Facultativos Medioambientais, chegaron dúas propostas, unha conxunta dos sindicatos UGT, CC.OO e CSI-CSIF e outra do Sindicato CIG, nestas dúas propostas hai unha cuestión común e é que non se propón unha revisión puntual do Acordo senón que se entra en cuestións estructurais que nos levarían a revisar o cometido da escala. Con independencia dos matices dunha ou doutra proposta proponse cambios substanciais na prestación de servizos e nos niveis retributivos. A este respecto cómpre que se teña presente que calquera cambio nestes apartados ten que ir acompañado dunha mellora nos resultados que se acaden tanto en materia forestal como en materia de incendios que sexa percibida pola cidadanía. Ademais cómpre ter presente que nas negociacións e nos acordos que se acadaron con outros colectivos fixáronse criterios que a Consellaría entendía que eran sindicais, sen embargo agora parece que se cambian eses criterios especialmente o que se refire ao aspecto retributivo.

Por outro lado, cómpre non perder de vista que ao existir distintos grupos de funcionarios, as retribucións complementarias dun grupo inferior non poden superar ás dun grupo superior.

 

En resume, non se discute a lexitimidade das Centrais Sindicais para formular as reivindicacións que consideren, pero nas propostas que chegaron pídese un aumento moi substancial das retribucións sen que haxa, ou polo menos sen que se perciba, que esas melloras veñan acompañadas dunha mellora no Servizo. Seguidamente o Director Xeral de Montes e Industrias Forestais manifesta que nas propostas que se fixeron chegar figura un incremento notable das retribucións que só na recalificación dos niveis supera a cantidade de 1.200.000 € sen que se ofreza ningunha contrapartida, antes ben proponse diminuír a xornada de traballo, ademais aínda está moi recente o acordo anterior e a súa concreción, entre outras melloras, no pase do grupo D ao grupo C, por elo tal como está a proposta non é aceptable para a D.X. de Montes e Industrias Forestais nin para a Consellaría. O mellor, dende o punto de vista metodolóxico, é aclarar qué tipo de gardería queremos que se plasme no Regulamento e unha vez que se fixe o modelo negociaríase o Acordo, no que se podería entrar a considerar certas melloras laborais.

 

 En canto aos horarios a proposta (sindical) implica moitos cambios que incluso afectarían á composición e número do cadro de persoal. A prestación de servizos que se acordou no 2004 non pode variar, salvo algún matiz, xa que nesta lexislatura non está previsto incrementar a plantilla. En canto ás bandas horarias propostas pódense considerar. Tampouco se pode considerar o incremento do período de disfrute das vacacións sobre todo si se pide un incremento retributivo e non se acompaña de ningunha contrapartida que redunde na mellora do servizo. A contrapartida sería a modificación da gardería que conlevaría outros aspectos coincidentes cunhas novas condicións laborais. Polo tanto, propón negociar primeiro un novo modelo de gardería e, tras este, un novo acordo das condicións laborais.

 

O representante da CIG di que entón o mellor é que se presente un modelo e a partir de aí discutir, tamén di que as “contrapartidas” as debe presentar a administración xa que ata o de agora todas as propostas as realizaron os sindicatos.

 

O Director Xeral de Montes e Industrias Forestais contesta que sí que se vai presentar rapidamente unha proposta de modelo para logo pasar a negociar o Acordo.

 

O representante de UGT di que se quedou en mandar un modelo por parte da Consellaría e que aínda non o recibiron. Na anterior reunión falouse de que ao ter que negociar un novo Regulamento se negociaría un Acordo aínda que sexa transitorio.

 

O Secretario Xeral intervén para dicir que o representante de UGT empregou a palabra clave “transitorio” polo que a Consellaría entendía que se ía tratar de cuestións que precisen de algún axuste como poden ser as quendas, e posteriormente entraríase no que é o regulamento, pero si se vai a un incremento das retribucións e a un aumento do tempo de vixencia do Acordo que en algún caso se propón que sexa de 4 anos, entón xa se está a entrar nunha modificación substancial do Acordo polo que nese caso o adecuado é abordar antes o modelo de gardería que se quere tanto por parte da Administración como por parte do colectivo.

 

O pase ao grupo C xa supón un esforzo económico que hai que valorar. Tamén existe un incremento das pagas extras. Tamén se pode falar de operatividade, funcionalidade, etc., e insiste na redistribución da carga de traballo do colectivo de axentes que pode implicar que algunhas tarefas sexan asumidas por outros colectivos.

 

Non se opón a unha convocatoria adicional para o pase ao grupo C asumindo que o que se pretende é que pase ao C o 100% do colectivo.

 

A continuación intervén a CIG pedindo que o curso habilitante sexa presencial e non no modelo de formación a distancia ou por teleformación.

 

O Director Xeral de Montes di que a investigación de incendios sería unha especialidade co seu cadrante horario aparte e determinado. Repite a proposta de facer primeiro o debuxo ou esquema do modelo de gardería e despois sacar adiante o novo acordo. Posteriormente abordaríase o regulamento.

 

O representante de UGT reincide en aspectos do traballo diarios e as súas repercusións na compatibilidade da vida familiar.

 

O representante de CSI-CSIF di que eles xa presentaron o seu modelo de gardería na proposta. Tamén di que dende que se asinou o Acordo anterior se teñen producido moitos cambios que provocan unha maior carga de traballo ao non se dispor de máis persoal. Tamén considera que ten que haber cambios no nivel de complemento de destino e pregunta si o novo modelo de gardería sería para as dúas consellarías ou se sería un modelo distinto para cada unha, e de ser así si se asinarían dous acordos.

 

O representante de UGT di que si por ambas partes se ven con ánimo de avanzar se debe seguir por ese camiño, e que o Director Xeral ten ideas sobre o modelo de gardería que lle parecen moi acertadas polo que habería que entrar xa a analizar a proposta para non perder tempo, pero tendo sempre en conta que non se poden perder dereitos que xa están conseguidos.

 

O Director Xeral di que a proposta que fai a Consellaría non é inamovible senón que a somete a consideración da Mesa para negociar, e o que debe quedar claro é que a Consellaría non ten ningunha estratexia dilatoria senón vontade clara de chegar a un acordo.

 

O representante de CC.OO di que a proposta que presentaron pode ser ambiciosa pero é para falar e discutila. Si se vai a un modelo transitorio interesa ver cal é o modelo transitorio que propón a Consellaría.

 

O representante de CSI-CSIF di que como consecuencia dos cambios lexislativos (Lei de incendios e próxima entrada en vigor da Lei de Montes) están a experimentar un incremento da carga de traballo e, sen querer entrar en polémica con outros colectivos, hai que ter presente que o traballo dos axentes ten un contido determinado e diferenciado do de outros colectivos.

 

A representante da CIG di que se utilice a linguaxe adecuadamente que se utilice a palabra axentes forestais e non gardería e seguidamente manifesta que presentaron unha proposta de acordo, aínda que chegou tarde, polo que si se quere se pode entrar a analizar aínda que tal vez non sexa necesario, pois o mellor é coñecer o modelo da Consellaría.

 

 Seguidamente, o outro representante da CIG di que o persoal da escala de Axentes Forestais son uns funcionarios atípicos porque fan traballos pola mañá, pola tarde, noite, domingos, festivos, etc. Considera que agora a escala ten un problema xa que se está a solapar o Acordo e o Regulamento, e unha cousa é o Acordo que sería máis sinxelo, e outra o Regulamento que ten que ser máis complexo por mor da integración no grupo C, polo que deberían ter unha proposta da Consellaría.

 

O representante de CC.OO pide que se lle faga chegar aos restantes sindicatos a proposta da CIG e a CIG que se lle dea a proposta conxunta dos outros tres sindicatos.

 

O Secretario Xeral di que si os representantes sindicais están de acordo a Consellaría repartirá a documentación que ten, seguidamente di que é convinte non entrar en comparacións co persoal doutras escalas ou grupos xa que cada grupo/escala de funcionarios ou categoría de persoal laboral ten as súas peculiaridades e matices, e por outro lado cando se fala de carga de traballo hai que se cuidadoso porque para falar con rigor ao mellor teríanse que estudar as cargas de traballo cientificamente. É certo que variaron as competencias pero tamén cambiou a organización, e con máis medios e cunha organización do traballo diferente pódese aminorar a carga de traballo. Considera que o que se pode sacar como conclusión da xuntanza de hoxe é a metodoloxía a seguir que
pasaría por acadar un acordo transitorio e deixar as cuestións máis de fondo para unha negociación doutro tipo xa que se están a plantexar cuestións de grande complexidade. En todo caso é preciso non perder de vista que xa ten habido melloras, unha moi importante é o paso ao grupo C co conseguinte incremento retributivo.

 

O representante da CIG di que a Consellaría debe presentar canto antes o seu modelo para aproveitar mellor o tempo.

 

O Director Xeral de Montes e Industrias Forestais contesta que a Consellaría pode expor o modelo pero entón xa se vai a unha negociación de fondo e non a un acordo provisional, de tódolos xeitos a estructura do modelo que ten a Consellaría é simple e pódese substanciar en unha ou en dúas reunións.

 

O representante de UGT di que non lle parece mal a proposta que acaba de facer o Director Xeral e si hai vontade poderíase chegar a un acordo.

 

O representante de CSI-CSIF di que o importante é o modelo de gardería.

 

O Director Xeral manifesta que a Consellaría está disposta a abordar unha reformulación orgánica no ámbito forestal e non debería haber problema para que haxa unha confluencia coa Consellaría de Medio Ambiente.

 

O representante da CIG di que como sindicato ten unha proposta de cara ao novo modelo de gardería, cuxos aspectos máis salientables son os seguintes:

  • Adecuar horarios á lei de prevención de riscos laborais.
  • Facer cadros horarios máis acordes os traballos de cotío en montes e medioambiente e non tan dependentes da estructura de incendios sobre todo nos períodos de baixa perigosidade do lume.
  • Configurar as quendas de noites de maneira que causen menos trastorno no descanso, saúde e desenrolo da vida familiar.
  • Na organización do traballo debe desenrolarse en especialidades ou áreas de traballo para unha mellor profesionalidade e operatividade do mesmo, como exemplo expoñemos o que consideramos como punto de partida, sen prexuízo de outras a engadir ou por vir:
  1. Extensión forestal-medioambiental.
  2. Vixianza e inspección (2 persoas por quenda).
  3. Xestión técnica.
  4. Investigación de causas de incendios e de medioambiente (2 persoas por quenda).
  • As cantidades económicas a percibir por especialidade e quendas extraordinarias serán:
  1. Incremento de complemento específico: 250€
  2. Quendas extraordinarias noites en festivos e fin de semana: 100€ (inclúense venres noite, domingo noite e a noite escomenzada en día anterior a festivo, así como os días 24, 25, 31 de decembro e o 1 de xaneiro).
  3. Quendas extraordinarias noite pola semana: 70€
  4. Quendas extraordinarias diurnas en festivos: 70€ (inclúense sábados)
  5. Quendas extraordinarias diurnas semana: 50€
  • Cubrir as baixas, excedencias.
  • As melloras que se acaden son para os grupos C e D, e igualmente para os axentes forestais e facultativos da Consellaría de Medio Ambiente.
  • Poñer todos os medios para a inclusión de todo o colectivo de axentes forestais no grupo C.

 

O representante de CC.OO intervén para poñer de manifesto que a proposta da Consellaría parécelle ben si se materializa antes do verán senón vai ser complicado, en canto á reticencia a ampliar a plantilla sería bo que se analizasen as funcións que están a asumir actualmente os axentes forestais.

 

O representante de CSI-CSIF di que non está de acordo con algunhas das manifestacións que fixeron os seus compañeiros xa que considera que non se debe renunciar á ningunha das funcións que se están a asumir, pois os axentes non deben perder as competencias que teñen. En todo caso CSI-CSIF considera que o acordo debe incluír aos axentes da Consellaría de Medio Ambiente e para poder asinar ese acordo ten que constatar que antes foi aprobado polos axentes.

 

A representante da CIG propón que se fixe un calendario de reunións que debe incluír reunións semanais ou cada dez días.

O representante de UGT di que lle parece ben un calendario de reunión e que a proposta da Consellaría debe chegar antes da próxima reunión de tal maneira que o acordo debe de terse elaborado antes do verán.

 

O Secretario Xeral manifesta que o enfoque non é tanto que un Corpo ou Escala teña unhas determinadas funcións, xa que dende o punto de vista organizativo nun momento determinado é necesario potenciar unhas actuacións e noutro momento outras. O Director Xeral antes manifestou que se traería unha proposta e logo trasladarase ao Regulamento e ao Acordo, en canto á problemática derivada da distribución dos axentes en dúas Consellarías (cómpre ter presente que antes estaban nunha Consellaría pero en dúas Direccións Xerais) o importante é establecer un marco común básico e logo cada Consellaría fixará as súas peculiaridades, por iso a Consellaría do Medio Rural falará coa de Medio Ambiente e logo trasladaranos a proposta (o modelo) para fixar un calendario de reunións.

 

O Director Xeral de Montes e Industrias Forestais di que o modelo que presenta a Consellaría só vai incidir nas cuestións forestais propias da Dirección Xeral si ben admitiría matices no ámbito medioambiental, polo que entende que a Consellaría de Medio Ambiente non lle vai pór obxeccións. Dentro de 20 días, en torno ao 15 de maio, poderemos ter a próxima reunión e antes, cunha antelación mínima de 48 horas, enviaríase o modelo, no que se manterán as mesmas funcións pero, sen diminuír ningunha, priorizar unhas sobre outras, o que en definitiva se vai propor e potenciar unha función sobre as outras.

 

E non habendo máis asuntos que tratar levántase a sesión sendo as 20,00 horas do lugar e día arriba indicados.{jcomments off}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies