Alegacións ó borrador da Lei de Montes

D. MIGUEL GARCÍA FERNÁNDEZ, en calidade de Presidente e legal representante da Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia, (APRAFOGA), con domicilio a efectos de notificacións na rúa Laranxo 2 – 3º F 36002, Pontevedra, mediante o presente escrito comparece e DÍ:

Que no DOGA número 116 de data 17 de xuño de 2011, na páxina 15518 insértase anuncio da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, polo que se acorda someter a información pública o borrador do anteproxecto da Lei de Montes de Galicia e que a asociación que presido está legalmente constituída, tendo por tanto capacidade de obrar, sendo representante dos intereses profesionais dos seus asociados, todos eles comprendidos dentro da definición de Axente Forestal, Axente Facultativo Medioambiental establecida no artigo 6, apartado q), da Lei 43/2003, de 21 de decembro, de Montes, segundo nova redacción dada ó precepto pola Lei 10/2006, de 28 de abril, pola que se modifica a meritada Lei de 2003.

Polo anteriormente exposto, esta asociación ten interese lexítimo en que sexan incluídos no articulado da futura Lei de Montes de Galicia nos termos e definicións que lle corresponden a este sector funcionarial, polo que mediante o presente escrito  formúlanse as seguintes ALEGACIÓNS:

No art. 8 Definicións, debería incluírse a seguinte descrición, Axente forestal, Axente facultativo medioambiental: Funcionario que ostenta a condición de axente da autoridade pertencente á Xunta de Galicia que, de acordo coa súa propia normativa ten encomendadas, entre outras funcións, as de policía e custodia dos bens xurídicos de natureza forestal e a de policía xudicial en sentido xenérico tal e como establece o apartado 6º do artigo 283 da Lei de Enxuizamento Criminal.  

Título XII, Capítulo I (Infraccións), II (Sancións) e III (Procedemento Sancionador). Arts. 126 e seguintes.- Non parece moi correcto mesturar na lei as infraccións xa previstas na normativa estatal (lei 43/2003 coas que se prevén na norma autonómica. O lóxico sería omitir as referencias á primeira ou, en todo caso, facelas por incorporación e non por remisión (é dicir, transcribir integramente os preceptos estatais de interese na norma autonómica como parte do seu articulado, en vez de conter remisións directas.

Isto deberíase aplicar igualmente ó resto do articulado que contén remisións de relevancia á normativa estatal: art. 130, 131, 137, etc.: sería máis adecuado que a normativa autonómica non empregase remisións á estatal, sen perxuicio da súa incorporación mediante a súa transcrición como preceptos propios da Lei autonómica.

Tamén se suxire, para unha maior claridade, que á hora de establecer as infraccións á lei se siga o sistema tradicional de dividir xa na súa tipificación as infraccións como leves, graves e moi graves, en vez de colacionar todas as infraccións nun único precepto (art. 141) e deixar a súa graduación remitida a outro precepto (art. 142).

Art. 140.- Por coherencia co art. 138, no inciso inicial do parágrafo 1 “antes da iniciación do procedemento o órgano competente para iniciar o procedemento, ou, se é o caso, os axentes da autoridade pública…” debería sustituírse  a expresión “axentes da autoridade pública” por “axentes forestais, axentes facultativos medioambientais”.

 

Atentamente
O Presidente de APRAFOGA

Miguel García Fernández

Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais
Consellería do Medio Rural
Edificios Administrativos – San Caetano s/n
15704 – Santiago de Compostela

{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}

{xtypo_rounded1}O escrito foi enviado á Dirección Xeral de Montes{/xtypo_rounded1}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies