Alertan do estado de varios cabalos inmobilizados na veiga de Lestrobe
Dous morreron nunha leira mentres aos outros lles levan auga os veciños
Veciños de Lestrobe, no municipio de Dodro, alertaron onte da presenza dun cabalo morto nunha leira da veiga, nunha zona próxima ao río Sar no límite con Padrón. O animal foi retirado polo camión da Xunta preto das dúas da tarde, pouco despois de que unha patrulla do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil acudise ao lugar avisada por un particular.
Ademais do animal morto, nesa zona pacen outros tres cabalos, todos eles atados a unha estaca e que, segundo os veciños, non reciben os coidados que precisan por parte do suposto propietario, ao que onte non foi posible localizar.
Así, desde hai tempo polo menos unha das persoas do lugar preocúpase de levarlle auga aos animais, como así o fixo na tarde do martes, ademais de cambialos de sitio na leira de modo que teñan herba para pacer.
Nun caso, un dos equinos estaba estacado nunha leira na que xa había todo un círculo ao seu arredor sen unha mota de herba, de tanto pisala e comela. O martes, un veciño cambiouno de lugar e levoulle auga.
“Os cabalos están abandonados de todo”, di un aldeán. “Como moito, o dono ven unha vez á semana xunto deles”, engade outro. De feito, a estas persoas cónstalles que é a segunda vez que un animal falece na mesma leira na que onte había outro que, ao parecer, morreu a finais da semana pasada.
O cheiro a podremia era moi forte onte, case insoportable, sen contar os bichos. Este animal presentaba un aspecto visiblemente esquelético.
“Os pobres cabalos están todo ano aí, día e noite, coas xiadas do inverno e co sol do vran. Non teñen nin un pouco de sombra para resgardarse”, contan xentes do lugar que traballan terras próximas ou pasean por esa zona de Lestrobe, moi concorrida nos días de bo tempo.
En canto ao propietario dos cabalos, non foi posible contactar con el pero sí con dous dos seus familiares, que aseguran que en máis dunha ocasión dixéronlle que se non podía coidar aos animais que non os tivese.
Ao parecer, esta persoa ten varios cabalos máis, entre dez e doce, nunha leira da súa propiedade e varios veciños de Lestobre así llo dixeron onte ao Seprona, xa que se preguntan en qué condicións estarán eses equinos, á vista da atención que reciben os que están estacados en distintas leiras da veiga.
“Máis dunha vez lle dixemos que se quería ter un cabalo para el e outro para ou fillo, que os teña pero non tantos, que non os ten coidados”, asegura un familiar do propietario dos equinos.
En Lestrobe, varios veciños non podían ver o abandono dos cabalos, que levan meses estacados na veiga, en leiras distintas, polo que decidiron levarlles auga e cambialos de sitio para garantir a súa alimentación.
Non entanto, estas persoas cansáronse e máis aínda ao decatarse de que outro dos animais morrera polo que onte decidiron dar a voz de alarma ao Servizo de Protección da Natureza, que espera que actúe para evitar as necesidades que, na súa opinión, pasan os cabalos.
{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}