Ante a inmobilidade: ACCIÓN

Axente forestal agardando melloras laborais

Nin chaman ás Mesas de Negociación, nin cobren vacantes, nin rematan co pase ó grupo C, nin acaban de resolver asuntos “veteranos”, nin acaban de amañar os problemas de equipamento e identificación, nin responden ás peticións de reunión, nin…

Ante esta desidia e “pasotismo” sobre todo por parte da Consellería do Medio Rural, o pasado día 5 achegámonos algúns delegados Axentes Forestais/Medioambientais de CCOO ata Santiago a petar nas portas e pedir explicacións a todos estes asuntos e do que podemos explicarvos:

– Pase ó grupo C da derradeira integración: Tras manter unha reunión coa Subdirectora de Función Pública, díxosenos que están pendentes de “autorización” para publicar os nomeamentos no DOG dentro deste mes, pois a documentación remitida xa está revisada e so lle falta esta última e definitiva puntada. O que dende logo queda suficientemente claro é que de non ser así podémonos esquecer do tema ata despois do verán e so Deus sabería ata cando, pois parece que nunca se toman isto coa debida seriedade. CCOO presionará para que se remate neste mes de xullo con este proceso.

– Axentes Forestais que pasan a ser persoal laboral: Teñen previsto rematar con este calvario neste ano. Parece ser que querían amañar a todos casos dos corpos especiais ó mesmo tempo, pero existe algún corpo que a estas alturas aínda non tiveron máis que unha soa oposición dende o ano 1990, co que lles faltarían dúas oposicións máis para chegar ó estado de laboralización no que están unha decena de Axentes en toda Galicia, polo tanto este plantexamento non é viable e xa que logo débese solucionar esta situación canto antes, nomeando persoal laboral ós que estean nesta situación sen que conleve a unha redución dos postos de Axentes funcionarios.

– Cobertura de vacantes: En Función Pública non teñen ningunha solicitude de cobertura de postos feita dende a Consellería do Medio Rural a pesares de que as taxas de reposición para os Axentes Forestais é do 100% por estar incluídos en temas de emerxencias. A conclusión é que en Medio Rural lles importa ben pouco que teñamos menos recursos humanos para a loita contra o lume. De seguro que non teñen nin unha soa praza de asesor ou de altos cargos sen cubrir.

– Equipamento no Servizo de Conservación: Parece ser que as botas que se probaron en días pasados non son da calidade que entregarán finalmente. As súas características técnicas están colgadas no prego de condicións do concurso colgado na web da Consellería, e disque serán dunha calidade similar ás entregadas anteriormente. Con respecto á renovación do uniforme, o concurso quedou deserto, e deste xeito farán agora un concurso negociado que apuntaron como un proceso moito máis breve que o anterior. De todo isto xa veremos se é como din ou se ó final se rexeita o material por racanear tanto que a súa calidade sexa penosa.

– Renovación de credenciais e entrega por primeira vez ós Axentes incorporados nas dúas últimas oposicións: Parece que so falta que entreguen as fotos por parte dunha provincia (que debían estar a durmir…)

Seguimos á dilatada espera da reunión solicitada co Director Xeral de Conservación para falar do permanente problema do pase dos Axentes de Conservación a incendios, e coa Subdirectora de Persoal que prometeu reabrir a Mesa de Negociación.
En resumo, moito prometer e pouco…..e a paso de lagachema.

 

{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies