RESUMO XUNTANZA APLICACIÓN REPARTO 10% FONDOS ADICIONAIS 2008 (28-11-2008)

(ACORDO FUNCIONARIOS-LABORAIS 2006-2009)

 
FUNCIÓN PÚBLICA PRETENDE IMPOÑER UN REPARTO DISCRIMINATORIO E ALEGAL
 
Si fose o 28 de decembro, pensaríamos que a proposta presentada polo representante de Función Pública era unha inocentada. Pero non. Era o día 28 de novembro e a proposta de reparto do 10% dos fondos adicionais para o ano 2008 converteuse nunha nova provocación de Función Pública, polo incumprimento, discriminación e imposición que son os únicos termos cos que se pode cualificar e definir a proposta de reparto presentada pola administración.

 
  • INCUMPRIMENTO DO ACORDO XERAL FUNCIONARIOS/LABORAIS 2006-2009: detrae fondos para resolver reivindicacións pendentes dalgún colectivo, que deberan tratarse en mesas de negociación específicas das consellerías afectadas aportando nese escenario a dotación orzamentaria específica que fose precisa.
  • DISCRIMINACIÓN DUNS COLECTIVOS FRONTE A OUTROS: cos mesmos argumentos e con circunstancias laborais semellantes, a uns resólvenselle as súas reivindicacións e a outros nin se lle recoñecen.
  • IMPOSICIÓN UNILATERAL DOS CRITERIOS DE REPARTO: os fondos adicionais 2006/2009 proceden dun acordo que acadou o consenso de tódalas organizacións sindicais e, agora, pola contra, Función Pública coa súa proposta de aplicación, fai saltar o consenso polos aires.
CC.OO., fronte ós criterios de Función Pública, reiterou a proposta que xa lle fixeramos á administración nas xuntanzas de 18 de febreiro e 5 de novembro, consistente nas seguintes opcións de reparto, expostas por orde de preferencia da súa aplicación:
 
PROPOSTA CCOO – Opción A:

  • Persoal Funcionario: establecer un complemento de antigüidade que permita chegar progresivamente ó trienio único, tomando como referencia a alcanzar o do Grupo A.
  • Persoal Laboral: incrementar o valor do actual trienio único (leva desde o ano 94 sen mellorar mais aló da suba anual do IPC real)

PROPOSTA CCOO – Opción B:

  • Reparto lineal xeneralizado para todo o persoal funcionario e laboral: cada traballador/a tocaríamos a 42€/ano, como parte da recuperación da perda de poder adquisitivo de anos anteriores (aínda que a cantidade individual total non é grande, favorecería a todos nestes tempos de crise, especialmente ós economicamente máis débiles).

PROPOSTA CCOO – Opción C:

  • Persoal Funcionario: mellora do complemento específico mediante a fixación previa de criterios obxectivos que recollan as circunstancias especiais da totalidade daqueles postos de traballo que impliquen condución, atención o público, horarios especiais, etc.
  • Persoal Laboral: incremento do valor do actual complemento de singularidade de especial adicación (traballo a quendas, xornada partida e xornadas irregulares).
Cando menos resulta sorprendente que a prioridade da Administración na aplicación deste reparto sexa detraer fondos dun acordo común e de necesaria aplicación xeral para resolver cuestións particulares e específicas de determinados colectivos: no caso do persoal funcionario, pagar melloras puntuais por cuestións horarias a aplicar no complemento específico de postos de xefaturas de servicio, secretarías de subdireccións xerais, delegacións provinciais e habilitacións e, no caso do persoal  laboral para paliar unha discriminación imposta unilateralmente pola propia Administración a un colectivo ó que ven castigando innecesariamente desde o ano 2004.
 
CCOO non está en contra de que se arranxen reivindicacións concretas e lexítimas pero non pode estar de acordo en que se faga a conta destes fondos que teñen un caracter xeral e que pertencen á totalidade dos empregados públicos da Xunta e non só a uns poucos.
 
CCOO considera que a “negociación dun acordo de horarios” na xunta, debe facerse e resolverse contando con fondos específicos; o pago do “plus de funcións” para o “persoal laboral a extinguir” debe resolverse facendo unha extensión positiva das sentencias favorables que teñan xa moitos dos afectados á totalidade dese colectivo, abonándolle o que lles corresponde con cargo ós orzamentos ordinarios das consellerías ás que pertencen.
 
CCOO considera que si Función Pública, na aplicación deste reparto de fondos, que son froito dun acordo previo consensuado por ámbalas partes, opta finalmente pola imposición discrecional e “alegal” e por copiar e facer seguidismo do modelo de negociación colectiva, intransixente, prepotente e incompetente practicado habitualmente por Medio Rural, constituiría a demostración palmaria do inconcebible nivel de desvarío no que decidiron instalarse tamén os representantes de Presidencia á hora de abordar a negociación colectiva na Xunta de Galicia.
 
CCOO, primeiro sindicato no ámbito da función pública, non vai asumir este reparto discriminatorio para o conxunto do persoal funcionario e laboral a través da utilización de fondos dun acordo xeral para resolver problemas de puntuais de colectivos que teñen que resolverse pola vía da negociación colectiva específica que corresponda e cunha dotación orzamentaria propia. CCOO non se vai quedar de brazos cruzados si finalmente non se da marcha atrás neste despropósito e, de selo caso, empregará tódolos medios ó seu alcance para que a aplicación non se faga pola vía da imposición e da discriminación, nin contravindo gravemente o recollido no texto do acordo.
 
En CCOO agardamos especialmente que, nesta ocasión, non volva a suceder como xa ocorreu en negociacións e acordos anteriores, como o Convenio Colectivo Único, Acordo Veterinarios, etc., nos que, lamentablemente, algúns sindicatos, escolleron antepoñer e defender os “intereses da Empresa” en detrimento dos xus
tos e lexítimos intereses xerais do persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia.
 
Novembro, 2008{jcomments off}
 
 
 
Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies