A Xunta achega carbonato cálcico ao Eume tras a morte masiva de peixes
Medio Ambiente constata un aumento paulatino da acidez da canle desde xaneiro do 2005
A Consellería de Medio Ambiente iniciou onte un plan de tratamento químico para restablecer os parámetros normais de acidez do río Eume. Consiste en diluír carbonato de calcio no encoro da Capela para evitar a estratificación de masas de auga contaminada.
A mediados de xuño, membros da sociedade de pescadores das Fragas do Eume detectaron a aparición de salmónidos mortos no curso baixo do río. Foi o primeiro paso para destapar un desastre ecolóxico que acabaría co remonte de miles de peixes, segundo os afeccionados; aínda que a Administración mantén que os exemplares afectados apenas superan a vintena.
O brusco aumento da acidez do río (que alcanzou un pH mil veces por baixo do habitual) debuxou un ecosistema mortal para a fauna acuícola. Un mes logo da primeira alarma e de sucesivas analíticas, a Xunta atribuíu a crise ecolóxica do Eume aos desmontes da obra da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64). O terreo levantado polo trazado ten un alto contido en piritas, un mineral extremadamente acedo. Parte dese terreo mesturouse, pola acción das choivas desta primavera, coas augas do río Chamoselo, afluente do Eume.
Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente destacou onte que xa o 22 de abril abriu un expediente á empresa adxudicataria da autovía, aínda que non recoñeceu ata agosto que era esa obra a principal causante do desastre ocorrido en pleno parque natural das Fragas do Eume.
Entre as actuacións de choque planificadas con carácter de urxencia atopábase a canalización das augas de choiva procedentes da AG-64 cara a unhas balsas de decantación, antes de reverter no río; e tamén se planificou o tratamento químico do encoro da Capela para evitar que se cren substratos de auga contaminada ao elevarse a temperatura do río no verán.
No entanto, a Xunta defende aínda que o río é acedo polas súas características xeolóxicas. A Consellería de Medio Ambiente apoiou esta versión cun informe histórico da evolución do pH do Eume desde xaneiro do 2005. Desde entón, constátase un paulatino aumento da acidez ata que, o 21 de abril deste mesmo ano, técnicos de Endesa (empresa que explota a central hidroeléctrica da Capela) alertaron á Xunta dos baixos niveis de pH do río, inferiores aos cinco puntos, cando en todo o 2007 rexistráronse valores entre 5,71 e 6,76 na escala de acidez da auga. Agora, a empresa Sogarisa ten a tarefa de reverter esa situación.