Os axentes forestais e medioambientais de Galicia consideran que a lei aprobada onte polo Parlamento de Galicia vulnera os seus dereitos á carreira profesional e á promoción profesional
29 de abril de 2015.- A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) lamenta que a Lei de Emprego Público de Galicia se aprobase “sen un mínimo de consenso coas organizacións sindicais, co único amparo do grupo do Partido Popular e coa oposición dos demais grupos parlamentarios”.
A xuízo da asociación, que onte enviou unha representación ao Parlamento de Galicia para seguir o debate no pleno, a nova lei presenta vicios de inconstitucionalidade e vulnera os dereitos á carreira profesional e á promoción profesional dos axentes forestais e medioambientais. Por iso, estudará cos seus asesores xurídicos as accións que mellor procedan.
APRAFOGA considera que as emendas introducidas polo Partido Popular no texto palían só en parte a auténtica degradación e a indignidade á que se sometía o colectivo dos axentes facultativos medioambientais no proxecto de lei, pois seguirase esixindo no futuro a mesma titulación actual de ‘técnico superior’. Non obstante, non se resolveron os vicios de inconstitucionalidade nos que incorría o proxecto de lei sobre a integración na escala de funcionarios dos axentes facultativos medioambientais.
Insconstitucional
De feito, tal como revelan as conclusións dos ditames xurídicos elaborados por especialistas para APRAFOGA, o texto remitido á Cámara autonómica atenta contra os dereitos deste colectivo profesional en diversos aspectos. En primeiro lugar, o feito de que non clasificase os funcionarios da escala de axentes facultativos medioambientais no grupo B supón incumprir o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), polo que queda determinada a inconstitucionalidade da lei ao vulnerar lexislación básica do Estado.
Neste sentido, os ditames deixan de manifesto que os funcionarios da escala de axentes facultativos medioambientais que ingresaron no subgrupo C1 co título de técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos “han de ser necesariamente clasificados no grupo B”. Tamén quen accederon á escala sen a titulación de técnico superior ou equivalente poden ser clasificados no grupo B, dada a equiparación que obtiveron con quen ostentan a titulación, sen que iso supoña un quebranto dos principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso á función pública.
Outra circunstancia que determina a inconstitucionalidade da lei, segundo os expertos xurídicos de APRAFOGA, é que non se contempla de maneira expresa unha previsión do réxime de integración dos funcionarios da actual escala de axentes facultativos medioambientais nos corpos e escalas definidos xa desde o anteproxecto de lei. A Constitución obriga a tal reserva da lei, e tal carencia non pode suplirse mediante un regulamento posterior.
Dereitos vulnerados
A vulneración de dereitos prodúcese en dúas liñas. Por unha parte, a lei afecta os dereitos xa adquiridos dos funcionarios da escala de axentes facultativos medioambientais por encadrar a escala no grupo C. Por outra parte, vulnéranse os dereitos á carreira profesional e á promoción profesional dos axentes, ao ser un texto legal contrario aos dereitos individuais dos funcionarios expresados no Estatuto Básico do Empregado Público.