Os axentes forestais e medioambientais de Galicia intensifican na primavera as charlas para os escolares e o conxunto da cidadanía na procura unha xestión sustentable dos recursos naturais

1 de abril de 2015.- A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) subliña a necesidade de investir en educación para a concienciación ambiental como unha das principais armas para loitar contra as agresións ao medio.

Este colectivo profesional, dependente da Comunidade Autónoma e con case 140 anos de historia na defensa do medio natural, conta con formación específica para saber trasladar a toda a poboación os valores dos bosques e o potencial do sector forestal galego, básico no conxunto da economía do país.

APRAFOGA considera que a xestión sustentable dos recursos é un reto da nosa sociedade para asegurar o seu disfrute por parte das xeracións futuras. E fai fincapé ademais en que cómpre aplicar o principio de ‘xestionar desde o eido local pensando nun mundo global’.

Charlas con escolares e poboación do rural

Con tal propósito, os axentes forestais e medioambientais intensifican na primavera as charlas educativas que desenvolven durante todo o ano. Os principais aspectos que abordan son os da loita contra os incendios forestais e contra a invasión de especies foráneas, ademais do fomento da xestión responsable dos recursos.

Os destinatarios máis habituais destas accións formativas son os escolares e a poboación afincada no eido rural. Aprovéitanse ocasións como o Día da Árbore, o Día da Auga, o Día Forestal Mundial ou o Día do Medio Ambiente, concentrando nestas xornadas a maior parte das actividades.

Xeralmente, os axentes forestais e medioambientais desprázanse ata os centros escolares e a lugares de encontro coa poboación rural. Co fin de facer máis eficaces as charlas, axúdanse de medios audiovisuais cos que se acada unha maior interpretación dos valores ambientais. Noutras ocasións, son os destinatarios das charlas os que acoden a centros de interpretación, aulas da natureza, centros de defensa forestal ou roteiros guiados polo medio natural, nos que se consegue unha relación máis directa co contido das charlas.

IMG-20150326-WA0005

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies