As zonas con máis lumes apenas rexistran detidos

Foto: Carlos Folgoso

De 23 persoas ás que se lles imputan delitos este ano, a maioría por queimas neglixentes, só tres son de Ourense.

O final do inverno estivo marcado, como outros anos, por un repunte da actividade incendiaria. Zonas do sur de Ourense concentraron até un centenar de lumes, a maioría intencionados, e que se vinculan a un intento de lograr maior extensión de terreo para pastos. Na Gudiña, Muíños, A Mezquita ou Lobios, entre outros, desencadeáronse lumes de considerables proporcións. A estas alturas do ano pasado, a Xunta apenas contabilizaba tres detidos, fronte ás 23 persoas ás que se lle imputan delitos neste 2011. Con todo, a maioría das detencións non se produciron nas zonas con maior actividade incendiaria. Os datos difundidos por Presidencia mostran que A Coruña, con 11, lidera o ranking, seguida de Pontevedra, con sete. Na provincia de Ourense, a máis castigada polo lume no que vai de ano, apenas se contabilizan tres detidos, só un máis que en Lugo.

Dificultades

Esta desproporción evidencia, un ano máis, as dificultades para identificar aos cidadáns que prenden o monte. Das 23 persoas ás que se lle atribúen delitos, 22 están relacionadas con queimas que se descontrolaron. Nuns casos o autor carece da preceptiva autorización de Medio Rural e noutros non cumpriu as medidas de seguridade que se esixen nesta actividade. Todos están expostos a unha multa e a correr cos gastos da extinción do lume, pero a ningún pode atribuírselle premeditación. A Xunta só informou dun detido ao que sorprenderon in fraganti. Foi na Mezquita, a comezos do pasado mes. Axentes da Policía Nacional detectaron unha actitude sospeitosa nun veciño, ao que seguiron mentres se dirixía a un monte próximo. Alí sorprendérono prendendo lume cun chisqueiro.

O lume que se lle imputa afectou a unha extensión de mil metros cadrados. Dáse a circunstancia de que a única vivenda nos arredores da zona na que se declarou o incendio era a súa. Hai poucos días, o Comité de Coordinación Policial Antiincendios, integrado polas Administracións e as forzas de seguridade, acordou nunha reunión en Santiago intensificar a vixilancia nas zonas máis castigadas polos incendios. Trátase de parroquias perfectamente identificadas, que veñen rexistrando unha actividade delituosa recorrente nos últimos anos, e nas que arden hectáreas próximas a montes coa intención de que se poidan aproveitar para pastos.

Medio Rural tamén está a ultimar un paquete de medidas para reducir o número de incendios nestas zonas, declaradas de alto risco.

 

{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies