Axentes da Xunta comisan seis reos na Estrada a un pescadeiro de Fisterra
A multa por vender salmónidos salvaxes oscila entre os 3.000 e os 30.000 euros
Silvia Pampín – A Estrada – Faro de Vigo
Axentes facultativos ambientais pertencentes ao Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia comisaron na mañá do mércores 6 reos na Praza de Abastos da Estrada a un pescadeiro ambulante procedente da zona de Fisterra.
A incautación deste peixe ilegal produciuse no transcurso dunha intervención rutineira dos efectivos do Servizo de Conservación da Natureza, de acordo co contido da Lei 7/1992 de Pesca Fluvial de Galicia, que no seu artigo 35.15 prohibe expresamente a comercialización de salmónidos salvaxes en calquera época do ano. O incumprimento deste aspecto da lei, orientada a protexer a especie, está considerada como unha infracción grave. Por tanto, pode ser sancionada cunha multa que oscila entre os 3.000 e os 30.000 euros.
Segundo puido saber esta Redacción, os axentes ambientais mencionados estaban a realizar unha inspección rutineira na zona de postos ambulantes de pescadería que se habilita na Praza de Abastos da Estrada as mañás dos mércores, día de feira, cando puideron comprobar que había 6 reos expostos ao público para a súa venda.
Expectación na praza
De inmediato, estes efectivos do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia procederon á incautación dos 6 exemplares de reo. En total, os peixes comisados sumaban un peso de 2,100 quilogramos. O operativo chamou poderosamente a atención do numeroso público que estaba presente na Praza de Abastos da Estrada no momento da incautación dos peixes. Fontes consultadas por esta Redacción indicaron que este tipo de peixe ilegal procede habitualmente da pesca extractiva furtiva marítima e, por tanto,non pasou por unha lonxa.
De acordo coa lexislación vixente, tras a súa incautación, os reos comisados foron entregados polos axentes facultativos ambientais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que realizaran a intervención á Residencia da Terceira Idade da Estrada. Deste xeito, os efectivos ambientais daban cumprimento ao estipulado no artigo 107.3 do Regulamento de Pesca, o Decreto 130/1997. Este establece que cando as pezas comisadas están mortas ou non teñen posibilidades de sobrevivir entregaranse a un centro benéfico.
{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}