Axentes forestais acusan á Xunta de “ter á policía na casa”
Lamentan que o conselleiro esixa máis detencións e vixilancia no monte mentres desmantela as Brigadas de Investigación de Incendios
Un axente forestal dispón de rango de policía administrativa, e nel recae a coordinación de todo o operativo de medios que atacan un lume, por terra e polo aire. Os forestais, segundo efectivos que conversaron coa Opinión tras unha semana de crise incendiaria que superou toda previsión, reivindícanse con críticas fronte á xestión da Xunta. Os axentes de Medio Rural resaltan a súa formación específica, o seu coñecemento do medio e a especialización dun colectivo que perdeu estrutura “polo desmantelamento”, denuncian, das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais, especializadas en determinar a orixe e a causa dun foco para facilitar a localización dos autores.
Hai distritos forestais cun só investigador “e algúns, con ningún”, aseguran. Ante a proliferación de focos en outubro, a Xunta centrou a súa mensaxe na impunidade dos incendiarios e a necesidade de máis vixilancia e máis detencións. As forzas de seguridade arrestaron no que vai de ano a unhas 150 persoas, a maioría por incendios neglixentes, pero o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, elevou o ton e pediu máis resultados. A actitude de Juárez tópase coa incomprensión destes dous axentes forestais para os que “a Xunta ten á policía na casa, realmente preparada e que podería axudarlle a deter a máis autores de incendios por neglixencia. Pero desprézaa”, conclúen.
Xunta e Goberno prometeron redobrar esforzos e dar caza aos incendiarios. Pero os axentes cren “neglixente” a actuación de Medio Rural: “Juárez pide máis vixilancia cando a ten en casa. Por qué non potencian o que hai se somos o colectivo máis competente?”.
En canto ao balance de incendios do día, onte á noite tan só quedaba un lume activo en Chandrexa de Queixa que afectara, polo momento, a unhas 20 hectáreas. A preocupación, con todo, centrábase onte máis na choiva prevista para hoxe que aínda que axudará a atallar os incendios que arrasan Ourense, ameaza tamén con arrastrar as cinzas a ríos e encoros como xa ocorreu tras a vaga de incendios de agosto de 2006. A boa noticia do día foi que os medios de extinción deron por fin por extinguido o gran incendio de Manzaneda, que segundo o balance provisional arrasou 1.800 hectáreas.
Centos de persoas convocadas pola Plataforma Cidadá en Defensa do Monte Galego manifestáronse onte en Ourense en contra dos incendios forestais e en solidariedade coas zonas afectadas e os traballadores dos servizos de extinción. Ante unha situación “anacrónica”, na que denuncian “deixamento por parte dos gobernantes, de falta de reacción, de ocultación manifesta da realidade mediante mentiras e enganos por parte do actual Goberno, por dignidade e como reacción ante a destrución dunha boa parte do patrimonio natural”, os manifestantes percorreron Ourense baixo o lema “lumes nunca máis” nun acto que culminou coa lectura dun manifesto. Nel advertiron de que as “perdas económicas, ecolóxicas e sociais” que os lumes producen nos montes é o que provoca a súa “indignación”, que ao seu xuízo, debe derivar na “reacción”.
{xtypo_feed}A Opinión{/xtypo_feed}