Axentes forestais din que o monte do Barbanza é unha bomba
“É unha auténtica bomba”. Con estas palabras referíanse esta semana uns axentes forestais do Barbanza ao estado do monte na comarca. E unhas frases similares saían de boca doutros traballadores do mesmo ámbito na zona de Muros e Noia. Estas persoas, que patean cada día os espazos verdes da comarca, indican que a seca deste inverno deixou o terreo completamente desamparado ante o lume. E que a mostra do perigo que corre a natureza está no sucedido no último trimestre, cando só os tres lumes máis importantes calcinaron na zona unhas 75 hectáreas, tanto de monte raso como de arbolado.
Unha vez diagnosticado o estado comatoso do monte, a pregunta está clara: Que se pode facer para que aquel pesadelo negro de 2006 non volva repetirse?. Os profesionais indican que hai que continuar cos labores de prevención. E que esa é a única arma que hai agora mesmo, unha vez que as choivas seguen sen facer aparición. Ao parecer, niso están as brigadas que ten despregadas a Xunta por toda a comarca, que se dedican a limpar cortalumes e a rozar ao redor das pistas. O problema é que cada dous por tres ven alterado o seu traballo porque se produce un incendio e, loxicamente, a prioridade absoluta é extinguir as chamas.
Os mesmos axentes forestais lembran algo que xa dixo a consellería: as queimas forestais e agrícolas están prohibidas, polo que non hai ningunha razón para prender lume na natureza. Contan, pola súa experiencia, que cada vez os medios policiais son máis eficaces contra os pirómanos ou as persoas que, por un descoido, prenden lume nun lugar, polo que recomendan que se extremen as precaucións.
Máis medios
Tamén desde o Grumir falan nos mesmos termos. Na comarca, actualmente, hai dous equipos municipais operativos ao 100% para actuar en caso de incendio. Están en Ribeira e Boiro. Moitas veces, cando se produce un lume, ademais das persoas que están de garda, actúan tamén os voluntarios. Na zona hai un terceiro Grumir, o de Noia, pero está desarticulado en gran parte por falta de subvencións para contratar ao persoal. Prevese que se restableza en breve. Agora mesmo ten tres operarios, que antonte estiveron a traballar no lume de Outes.
Precisamente, onte, desde Medio Rural daban a coñecer que nese incendio rexistrado en Outes, que se iniciou nun aeroxerador do parque eólico e acabou contaxiándose ao monte, arderon nada menos que 62 hectáreas. A cifra é alarmante, sobre todo, porque aínda está recentemente estreada a primavera.
{xtypo_feed}El nuevo Alcázar{/xtypo_feed}