Balance provisional 2008, campaña de máximo risco
Medio Rural considera satisfactorio o balance da campaña de alto risco de incendios 2008 ao reducirse a superficie afectada en máis do 95%.
A superficie queimada durante os meses de verán sitúase en 1.131 hectáreas e o número de lumes en 1.011, reducíndose este último dato nun 83,57% con respecto ás campañas dos pasados anos.
{wmvremote}http://www.agalega.info/videos/enlace/tvg120081006134044.asx{/wmvremote}
Estes datos sitúan o verán do 2008 como o mellor da historia desde que existen estatísticas de incendios, ao que contribuiron variables como a climatoloxía, as novidades introducidas no dispositivo de extinción e a colaboración e concienciación cidadá
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2008.- O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, presentou esta mañá o balance provisional da campaña de alto risco de incendios do presente exercicio, no que se observa unha redución do 95,40% en canto a superficie queimada e do 83,57% en canto a número de lumes, en relación cos datos dos pasados anos. Concretamente, a superficie afectada por incendios nos tres meses de verán situase en 1.131,34 hectáreas e o número de lumes en 1.011.
Entre os datos analizados durante a súa comparecencia, Suárez Canal tamén presentou unha comparativa de superficie queimada respecto aos tres anos anteriores con máis pluviometría, datos que arroxaron un descenso dun 88,54%. En canto á climatoloxía, o ano 2008 presentou un volume de precipitacións superior á media dos últimos dez anos durante a primavera, sendo inferior durante os meses de verán, aínda sendo relevante. O conselleiro tamén apuntou como variables a ter en conta, os expedientes sancionadores tramitados ao abeiro da Lei de Prevención de Incendios de Galicia, como un factor a ter en conta no eido da prevención xa que na maioría dos casos conducen á limpeza das fincas denunciadas rematando tan só o 13,76% deles en sanción; e á colaboración e participación social na prevención a través de distintos colectivos e agrupacións, que implicaron a 5.000 persoas neste tipo de tarefas.
Á vista dos datos, o conselleiro do Medio Rural calificou este verán como o mellor da historia desde que existen estatísticas de incendios, baseándose fundamentalmente na importante redución da superficie queimada. Apuntou que, ademais da climatoloxía, outras variables a valorar favorablemente foron os cambios e novidades introducidas no dispositivo de incendios, así como a importante colaboración e concienciación cidadá sobre as prácticas de risco no verán e na persecución dos delincuentes incendiarios. Neste punto, destacou como un dato positivo a eficacia policial en canto á persecución de delitos relacionados co lume, contabilizando no que vai de ano 135 detidos en relación con este tipo de delitos. Finalmente, Suárez Canal fixo un recoñecemento ao traballo de todos os que participaron no dispositivo e á colaboración das distintas asociacións e institucións, ao tempo que matizou que os bos resultados desta campaña indican que se está a traballar no camiño adecuado pero que, ao mesmo tempo, non se pode baixar a garda no relativo a atallar o problema dos incendios forestais en Galicia.