Breve comentario sobre a “autoexclusión” da C.I.G. da Plataforma Sindical de Axentes Forestáis
Este tema merece como mínimo un breve comentario por parte da Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia.
Aprafoga sempre apostou por unha unidade de acción, por unha suma de esforzos e criterios que fixeran a forza suficiente para levantar a nosa denostada profesión.
Os argumentos da CIG para abandonar a Plataforma non convencen a ninguén, son totalmente contrarios ós intereses do colectivo de Axentes e réstanlle eficacia á Plataforma Sindical. Estes axiomas entendemos que son incuestionables.
Entendemos, dende a Asociación, que o feito obedece a motivos puramente “persoais” de algúns dos seus actuais dirixentes, podendo ir máis aló nas nosas deducións e concretar que detrás desta autoexclusión existe unha actitude “prepotente”, egocéntrica e incluso “megalómana”(referente a certos delirios de grandeza e/ou de poder), así como incuestionablemente “insolidaria”, e que incluso detrás desta actitude está agochada a clave da dilación ou reticencia da Consellería do Medio Rural a reunirse coa actual Plataforma Sindical e Asociación Profesional, agardando que non se chegue ó extremo de ter a Consellería, e de xeito intencioado, unha información sesgada, terxiversada, manipulada e incluso contraria ó noso colectivo.
Cabe subliñar que dende a Asociación entendemos como unha manipulación dos seus afiliados, por parte da C.I.G. (momento coincidente coa asunción do poder por parte do B.N.G.), o feito de tomar a repentina decisión de abandonar a Plataforma sen contar con eles, ou mellor dito: en contra da maioría deles. A tal efecto, convocaron unha reunión, á cal acudiron ó redor dunha ducia de afiliados, deducimos que cuidadosa e estratexicamente selecionados, pois a gran maioría dos afiliados á C.I.G. non se enteraron da misa nin a medias, porque simplemente non foron informados.
Agardemos que non dibuxen ó noso colectivo como un súmmum de despropósitos -deixémolo ahí-, porque toda xeralización depende de quen a dirixa, fomente ou programe, sexa ou non sexa por “obscuras manipulacións que obedecen a intereses personais”. Non esquezamos que de quen defina ó colectivo depende o que sexa visto dunha maneira ou doutra.