Brigadistas atribúen a Juárez a responsabilidade do lume de Bande
Traballadores de Seaga denuncian que a consellería xa decretou “formalmente” a tempada de alto risco pero “segue” sen chamarlles
Brigadistas da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) atribúen ao conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, “a responsabilidade directa” do incendio forestal que entre as 12.00 horas do venres e as 21.00 horas do sábado –cando a Xunta informou da súa extinción “total”– afectou –segundo cifras oficiais– a 410 hectáreas do municipio ourensán de Bande. Segundo aseguran, “non había medios” para os labores de control e extinción das chamas e, de feito, por este motivo “tiveron que chamar a medios de fóra”.
En declaracións aos xornalistas fronte ao edificio da Dirección Xeral de Montes en Santiago de Compostela, o secretario nacional da Federación de Servizos da CIG, Paulo Rubido, considerou que “chama a atención que agora se dean conta de que é necesario facer unha investigación para saber qué foi o que aconteceu en Bande”. Fíxoo ante unha pancarta que rezaba ‘Seaga. Minten. Faltan medios’ e acompañado por unha vintena dos 130 traballadores de Seaga que desde o 1 de marzo, e tras pasar o recoñecemento médico, “esperan a ser chamados” por Medio Rural.
Deste xeito, Rubido referiuse á decisión do departamento autonómico, que adoptou este sábado, cando o lume de Bande tan só atopábase “controlado” e queimara, “segundo as primeiras valoracións”, 20 hectáreas máis –430– das que finalmente estimou a consellería.
O obxectivo, segundo subliñou o departamento, é tratar de esclarecer as causas do incendio, “ante as informacións cruzadas sobre un escape de queima vinculada a unha posible neglixencia” do Servizo de Montes de Ourense. A investigación tamén se abriu no caso do servizo de montes de Lugo, en relación coas chamas que na xornada do xoves calcinaron 50 hectáreas no Concello de Outeiro de Rei.
“Eles mesmos recoñéceno“
“Eles mesmos recoñecen que foi unha queima realizada pola propia Xunta a que se escapou e orixinou o incendio máis grande deste fin de semana”, subliñou o responsable de Servizos da CIG. Segundo indicou, na queima controlada atopábanse un técnico e un capataz de Seaga, pero os brigadistas que realizaron o traballo de campo eran persoal propio da consellería.
Así, Paulo Rubido sinalou que “a resposta” que busca Medio Rural “é moi fácil” e considerou que a sabe a propia Xunta”. “Non había medios; simplemente, non había medios”, recalcou.
“Cando se deron conta, o lume escapouse e non tiñan medios suficientes para facerlle fronte. E tiveron que chamar a medios de fóra”, denunciou. Respecto diso, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño informou este fin de semana que dous avións interviñeran durante o día 8 nos incendios de Bande e Cualedro –tamén en Ourense–.
Así as cousas, o representante sindical concluíu que “a responsabilidade directa é do propio conselleiro” e avanzou que seguirán mobilizándose para “non permitir que esta macro ETT siga funcionando así”.
Ante unha situación que se seguirá dando no verán”, apuntou que “probablemente” os brigadistas “tamén” participen “nesta campaña electoral das municipais”, xa que “parece” que ao xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, “impórtanlle bastante máis” os comicios que o feito de que “ardan ou non ardan” os montes galegos. “Dixémolo antes de que acontecese o que aconteceu este fin de semana”, apostillou.
“A Xunta decretou a situación de alto risco“
Ademais, Rubido criticou que a Consellería de Medio Rural respondese a unha recente protesta dos brigadistas “dicindo que se contrataría a esta xente cando fose decretada a situación de alto risco”.
“A Xunta formalmente decretou a situación de alto risco”, dixo, afirmación que apoiou mediante a entrega da copia dun escrito, asinado polo director xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, e con data do pasado día 7 de marzo, no que se informa de que, vistas as previsións meteorolóxicas a curto e medio prazo (…) efectúase o preaviso para, nun prazo de sete días, este persoal poida pasar ao cuadrante de perigo alto”.
A parte de modificar o horario dos brigadistas do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), Rubido sinalou que Medio Rural suspendeu os permisos de queima –este luns “é o último día e mañá non se pode queimar”–. “Por tanto, a situación, como tal, é de alto risco, e seguen sen dicir nada”, aseverou.
Neste sentido, sentenciou que é “tremendo ter a 130 traballadores esperando a ser chamados e que a día de hoxe sigan sen saber se van ser chamados ou non”. “A isto ten que responder a consellería”, arengou.
Pola súa banda, o coordinador da Central Obreira Galega –con representación sindical en Seaga–, Mario Díaz, preguntouse “cal é o plan real da Xunta para a prevención” dos incendios forestais na comunidade. “Se o camiño é este, que vai ser o que nos espera para o verán?”, subliñou, para proclamar: “Deus nos colla confesados a todos”.
Ademais, Mario Díaz incidiu en que a súa central leva “tempo pedindo a profesionalización dos traballadores” e demandou coñecer “canto valen as 500 hectáreas” que arderon en Bande, fronte a “o que se aforran en persoal”.
“O monte está a arder e seguen sen chamarnos“
Un dos 20 brigadistas que responderon á convocatoria este luns de ambos os sindicatos coincidiu en denunciar que “o monte está a arder e seguen sen chamar”. “Este fin de semana ardeu moitísimo e seguimos sen ser chamados”, resaltou.
Así, constatou que o que queren os máis dun centenar de traballadores é que Medio Rural lles diga se van traballar “ou non”, porque algúns deles tiveron que rexeitar outros empregos e están “impacientes”. E a comunicación da tempada de alto risco “xa saíu”, remachou.
{xtypo_feed}Xornal.com{/xtypo_feed}