Campión galego de carreiras populares

Campión galego de carreiras populares

Jose Antonio Recouso Caamaño, Axente facultativo medioambiental do distrito II de Coruña (Conservación da Natureza) proclamouse “campión galego de carreiras populares correr en Galicia”, tras desputar 45 carreiras pola nosa xeografía durante oito meses que durou a competición. Este compañeiro ademais é socio de Aprafoga.

Felicidades.

José Antonio Recouso Caamaño (Tintín) é o vixente campión do Circuíto Galego de Carreiras Populares Correr en Galicia non só a nivel individual, senón tamén por parellas co seu compañeiro Luís Alfonso Novo Veiga (Paulkoech) e por equipos xunto ao resto de compoñentes de Os Jastazocas (Santa, Ezeq, Krrkrrktpillo e o propio Paulkoech). Con centos de quilómetros disputados a tempada pasada e 45 carreiras nos 8 meses que durou a competición, agora cóntanos como foi esa experiencia e como empezou no mundo das carreiras populares.

A ficha de… Tintín.

Cando e por qué empezaches a correr?

En febreiro de 2008. Necesitaba seguir practicando un deporte e probei este, para poder conciliar mellor a miña vida familiar e deportiva.

Lembras a túa primeira carreira e como che foi?

Foi en Ordes en marzo de 2008, vivina con moita ilusión, pequei de inexperiencia ao saír como un tolo, pero ao acabar xa estaba a pensar en correr a seguinte.

Por qué segues correndo?

Porque aínda que o meu corpo poida sufrir as adversidades a miña mente necesita diso.

Practicas outros deportes?

Móstrome voluntarioso para todos pero normalmente practico máis a natación e algunha vez saio en bicicleta.

De qué proba gardas un recordo especial?

Da carreira que se celebrou en Ferrol en maio de 2009. Fixen unha boa marca, conseguín por primeira vez un terceiro posto, leveime un belisco, e emocioneime coa dedicación especial na entrega de premios.

Algún abandono ou mala experiencia?

Até a data 3 abandonos, dous por molestias e o último por caída e lesión. As miñas malas experiencias estiveron sempre marcadas polos problemas gástricos, exemplo diso foi o sufrido no maratón de Toral que botou por terra unha mellor marca.

En qué competición che gustaria participar?

Como xa corrín todo tipo de carreiras, gustaríame debutar nun tríatlon.

Tes ou segues algún plan de adestramento?

Sí. Algún que outro para mellorar marcas nun 10000 e unha media. Aínda que ultimamente o meu compañeiro de fatigas, Dragón, é o que me impón os entrenos.

Cantos días e kilómertos adestras por semana?

Seis días e sobre 90-100 qm.

Cómo sería unha semana de adestramento forte?

Pois depende pero un posible exemplo sería:
Luns: Farleq ou rodaxe. Ximnasio
Martes: Series longas.
Mércores: Rodaxe longa. Ximnasio
Xoves: Series curtas. Técnica
Venres: Rodaxe viva. Natación.
Sábado: Descanso ou outro deporte
Domingo: Interval, rodaxe forte ou competición.

Cales son os teus sitios favoritos para rodar?

O parque dos Patos, paseo dos ríos Mero e Miño.

Qué che motiva para saír os días de frío e choiva?

Non necesito motivarme para iso, ás veces mesmo vas mellor, hai menos xente, menos cans que esquivar e ao final tamén adestras a túa forza mental.

Éche fácil compatibilizar familia e traballo cos adestramentos?

Sí, xa que unha vantaxe que ten este deporte é a de poder organizar mellor o teu tempo.

O sitio máis afastado de Galicia onde rodaches.

En Forteventura.

És o vixente campión do Circuíto Correr en Galicia e o primeiro corredor en superar os 10.000 puntos. Foi difícil alzarse co triunfo?

Bastante, xa que a competencia foi moi dura e tiven que facer verdadeiras tolemias. O difícil non foi chegar senón manter o liderado.

Cóntanos algunha desas tolemias?

Dobramos e triplicamos competicións en moitos fins de semana pero para mín a máis soada foi correr un sábado ás oito da tarde un 10000 en Gondomar, o domingo ás 10 o media maratón de Betanzos e ás 12:30 a carreira popular da Silva. E porque non había unha pola tarde que senón… alí estariamos Moncho, Santa, Paulkoech, Chucho, os Irmandiños e outros máis que iamos a todos lados.

Tiveches bos rivais?

Sí, por calidade o triunfo tería que ser para Paulkoech porque xa llo merecía do ano anterior e ten moito mérito o engancharse dous anos consecutivos ao circuíto. Santa era a miña aposta inicial porque é un loitador nato. A miña sorpresa foi Monchopelegrino xa que loitou como un xabato até o final a pesar das súas lesións. Ao final xunto a Amador fixemos unha competición que dificilmente se volverá a repetir.

A nivel persoal e nunha competición sen premios en metálico, qué che motivou para converterte no mellor corredor popular galego?

Non tiven unha motivación especial. Empezamos coa filosofía dos Jastazocas, que era conseguir o liderado. A base de tanto competir chegas a ser o máis regular en individual pero máis pola constancia e o esforzo de non deixar de participar en todas as carreiras puntuables.

Cal foi a mellor experiencia da tempada?

O de compartir momentos intensos cos Jastazocas e o feito de superar as adversidades e acabar a miña primeira maratón.

Repetirías a competición coa mesma intensidade?

Non, xa manifestei no seu día que a experiencia estivo ben vivila pero tiña a súa caducidade. Tiven sorte por non lesionarme con tanta competición.

Coñeciches moita xente nas carreiras populares?

Pois sí. Ese é outro dos premios que te levas ao coincidir con moita xente coa que te identificas e que ao final se converten en verdadeiros amigos.

Algo máis que nos queiras contar…

Que o circuíto o facemos todos, que debemos seguir dándolle vida coas nosas achegas e apoios para que teña unha longa vida.

Unha recomendación para os que se inician nisto…

Que atoparán todo tipo de consellos e axudas nesta páxina de correr en Galicia. Eu sempre a terei como referencia por ser a que me axudou cando entrei neste mundo no que un entra pero dificilmente vaise.

Os seus favoritos

Unha cor: Azul
Unha froita: Plátano
Un atleta: Chema Martínez.

As súas marcas

Maratón: 2.48.57
Media maratón: 1.15.32
10.000: 34.44
5.000: 16.28

Datos

Nick: Tintín
Altura: 175 cm
Peso: 68 qg.
Club: Coruña Comarca

Noraboa “Zatopeck”

 

{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies