Carballo anano de Monte Pindo

 

Quercus lusitanicaSantiago, 28 de setembro de 2008.- O Observatorio da Biodiversidade acordou a inclusión do carballo anano (Quercus lusitánica) de Monte Pindo, en A Coruña, no Catálogo de Especies Ameazadas de Galicia, coa catalogación de especie vulnerable. Esta decisión foi adoptada pola unanimidade dos integrantes do Observatorio, na segunda reunión que mantén este organismo dende a súa constitución, no pasado mes de maio.
O Observatorio da Biodiversidade está presidido polo director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Xosé Benito Reza, e integrado por expertos, representantes das universidades galegas, asociacións ecoloxistas e técnicos da consellería. A súa creación desenvolve
un dos capítulos do Decreto do Catálogo de Especies Ameazadas de Galicia, creado tamén neste ano, no que se contempla a constitución dun organismo participativo, aberto ás suxestións de expertos na materia, para decidir a catalogación ou descatalogación de especies ameazadas.
Os membros do Observatorio acordaron por unanimidade a catalogación do carballo anano de Monte Pindo como especie vulnerable, ao entender que cumpre cos criterios establecidos e principalmente tendo en conta a singularidade desta especie, que habita nun territorio de un quilómetro cadrado de extensión, con indicación xeográfica no lugar de interese comunitario do Monte Pindo, incluído na Rede Natura 2000.
Outro dos puntos abordados na xuntanza do Observatorio foi precisamente a presentación dos criterios obxectivos a ter en conta para decidir a catalogación de especies ameazadas de Galicia. Estes criterios, elaborados pola Dirección Xeral da Natureza tendo en conta os que se seguen noutras rexións e países, foi debatida polos integrantes do Observatorio ata concluír uns requisitos fixos para a catalogación, descatalogación ou cambio de categoría das especies incluídas no catálogo galego.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza deu conta nesta xuntanza do estado no que se atopan os 28 plans de recuperación e conservación de especies ameazadas nos que está a traballar a consellería. Estes plans están destinados á conservación de 62 especie que están incluídas no catálogo galego. Así mesmo, propúxose aos integrantes do Observatorio que valoren estes plans e establezan a orde de prioridade para o desenvolvemento dos mesmos.
Coa elaboración destes 28 plans, que se atopan en diferentes fases, Galicia convértese na comunidade autónoma que conta co maior número de planificacións para a conservación e recuperación de especies en perigo de extinción.
Por outra parte, o Observatorio aprobou o regulamento interno do seu funcionamento e acordou manter unha nova reunión a comezos do vindeiro ano.

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies