CCOO augura unha campaña contra incendios forestais caótica

CCOO cualifica de irresponsable a falta de política preventiva, e de temerario o retraso no desplegamento do dispositivo da época de máximo risco

A Sección Sindical de Axentes Forestais de CCOO de Galicia prevé que a extinción de incendios deste verán será caótica debido ao nefasto sistema de xestión dos medios que está levando a cabo a Consellería do Medio Rural e advirte que non se fixeron tarefas preventivas de rozas nos puntos de grande conflitividade de lumes. Manifestan que, como non se fixo apenas ningunha prevención, nin planificación, “teremos que encomendarnos á Virxe da Cova e esperar que chova ao longo deste verán, xa que será a única maneira de que non se produza unha catástrofe incendiaria semellante á tristemente acontecida no ano 2006”.

CCOO advirte que a política de abandono das tarefas preventivas pon de manifesto que a Consellería considera prioritaria unicamente a extinción de incendios de cara a opinión pública, pero non ten en conta as necesidades básicas dos montes, xa que non se cobren as baixas nin as vacantes do persoal dedicado a esas tarefas.

A Sección Sindical dos Axentes Forestais de CCOO de Galicia cualifica de lamentable a planificación dos medios a levada a cabo, “ao non existir nin actualización da formación, nin dotación de medios e equipos”, critican “o retraso inxustificado e temerario no comezo da incorporación do persoal de reforzo do verán, houbo diminución dos grupos de investigación de incendios formados por Axentes Medioambientais, prodúcense imposicións de condicións de traballo que lindan coa ilegalidade” e advirten que, neste verán, “se non acompaña a climatoloxía, probablemente teñamos un dos peores resultados dos últimos anos na loita contra os incendios forestais”.

Os profesionais da extinción manifestan especialmente a súa preocupación cando lembran graves situacións anteriores que ocasionaron accidentes laborais mortais, “agardamos que este panorama non se complete con mais perdas de vidas humanas como xa pasou o ano pasado, pois cabe sinalar que a desorganización chega ó límite de que non haxa case que ningunha brigada que traballe coa totalidade dos integrantes (7), pois a maioría só teñen tres integrantes por quenda, co conseguinte risco que isto supón para a integridade física dos traballadores a máis de facer que a súa laboura non sexa eficiente”.

CCOO denuncia que a Consellería do Medio Rural, en vez de prepararse para esta dura campaña de lumes, dedicou o inverno e a precampaña a facer propaganda en vez de solucionar a problemática que tiña encima da mesa, optando por dar roldas de prensa para dicir despropósitos e ir ocultando as verdadeiras cifras dos lumes que xa padecemos e estamos a padecer logo dunha primaveira que en Galicia foi a máis cálida e máis seca dos derradeiros 50 anos.

 

{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies