CCOO denuncia a deixadez de funcións da Consellería do Medio Rural
Ante as manifestacións vertidas pola Consellería do Medio Rural a través da súa propia páxina institucional sobre a investigación dos incendios forestais, CCOO denuncia que se esta a dar unha clara deixadez de funcións por parte desta institución.
O expresado por Medio Rural é dunha enorme gravidade, e non deixa de ser unha constatación de actitudes e prácticas ata o de agora camufladas baixo formas pouco disimuladas, e que probablemente poidan ter responsabilidades de orde penal posto que estase a omitir a obriga da persecución dos delictos, neste caso concreto dos delictos de incendios forestais.
Nos últimos 8 anos, e estando de Director Xeral de Montes a mesma persoa que está agora mesmo, promoveuse a creación duns grupos de investigación de incendios forestais formados por dous Axentes Forestais por distrito, é dicir, 19 Brigadas de Investigación en toda Galicia. Asemade é de salientar que a totalidade do cadro de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia están facultados para realizar as investigacións relacionadas cos delictos medioambientais, contando por tanto a Administración galega con 550 axentes da autoridade e policías xudiciais propios para levar a cabo a persecución destes delictos.
A pesar do pouco impulso xeral dado a estas unidades dende a propia Consellería, os resultados daquelas que si puideron funcionar sen impedimentos serios deron pe á posta a disposición xudicial de centos de presuntos responsables de delictos relacionados cos incendios forestais, ben dentro da orde das imprudencias como dos casos dolosos.
A calidade do traballo desenvolvido por estas brigadas é salientada por tódolos órganos ós que chegan, agás pola propia Consellería, obtendo o recoñecemento dos Corpos e Forzas de Seguridade, do Goberno do Estado, dos órganos xudiciais, das fiscalías…, lográndose incluso ser premiados a distintos niveis (Batelume de Ouro e Cruz con distintivo Blanco ó mérito da Garda Civil en servizos especiais).
Para CCOO é improcedente e irresponsable as manifestacións da Consellería de Medio Rural sobre a inexistencia destas brigadas de Investigación de Incendios Forestais, posto que obvian e ningunean o excepcional traballo realizado por tódolos compoñentes destas unidades nun claro desprezo cara a todo o colectivo de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia, e o que é máis grave, incurrindo nunha presunta responsabilidade penal ó deixar de xeito intencionado a persecución duns delictos públicos, o que a todas luces debería ser investigado de oficio por parte da fiscalía competente.
{xtypo_feed}CCOO{/xtypo_feed}
{jcomments on}