CC.OO esíxelle ós grupos parlamentarios que acaden o consenso político na loita contra incendios forestais
A Federación de Servicios á Cidadanía de CCOO de Galicia (FSC-CCOO) empraza publicamente ó PPdeG, PSdeG e BNG a que aparten definitiva e inmediatamente da súa confrontación dialéctica partidista e patética a lacra dos incendios forestais como arma arreboladiza política.
Segundo CCOO, a inmensa maioría dos cidadáns galegos e a totalidade dos traballadores do operativo da loita contra incendios forestais, precisan dese primeiro, básico e fundamental xesto político comprometido de consenso para que, entre todos (políticos, cidadáns e traballadores) podamos empezar a encontrar os puntos precisos que nos encamiñen a unha loita social eficaz que nos permita rematar con esta barbarie que, ano tras ano, ameaza sistematicamente os montes e a riqueza forestal e medioambiental galega.
A FSC-CCOO considera que non hai outro camiño posible para avanzar en positivo máis que o de comprometerse nun compromiso político e social de consenso que fomente o clima favorable necesario para que tódalas medidas políticas, administrativas, económicas e laborais que haxa que adoptar sexan finalmente útiles para os fins que a sociedade galega, os traballadores do operativo e o interese común precisamos.
A FSC-CCOO informa á opinión pública que, na liña apuntada anteriormente, xa adoptou accións inmediatas para impulsar e esixir ese consenso social e político e para elo tramitáronse as peticións de diálogo:
- Solicitude de xuntanza dirixida a cada un dos Grupos Parlamentarios (PPdG, PSdG e BNG) para expoñerlles a folla de ruta de CCOO que, como punto ineludible de partida, inclúe a esixencia dun acordo político que implique a retirada definitiva dos incendios forestais da loita partidista.
- Solicitude de xuntanza dirixida ó Conselleiro de Medio Rural para que, por responsabilidade, acceda a que a FSC-CCOO lle poda informar, trasladar e plantexar polo míudo as graves eivas detectadas no funcionamento do operativo dende que el é titular do departamento da loita contra incendios forestais, tanto no que se refire ós reiterados incumprimentos laborais como ás graves deficiencias organizativas detectadas, así como ás fallas existentes na prevención de riscos laborais e á total ausencia de diálogo coas organizacións sindicais do ámbito laboral da súa responsabilidade.
- Programación de xuntanzas inmediatas coas demais organizacións sindicais para impulsar sectorialmente en breve tódalas accións reivindicativas que procedan e se acorden unitariamente para esixirlle ó Goberno Autonómico a profesionalización integral do operativo de extinción, así como a adopción de tódalas medidas e protocolos legais que permitan garantir a seguridade laboral efectiva dos traballadores do operativo de extinción de incendios, o reforzamento do caracter público do Servizo de Defensa Contra Incendios, disolvendo SEAGA e revocando a externalización da dirección e xestión do operativo encomendada a NATUTECNIA, medidas que provocaron resultados nefastos coma os acontecidos ata o de agora.
CCOO empraza ó goberno autonómico a que abandone a súa inútil soberbia e recoñeza:
- As responsabilidades políticas da desorganización do operativo que derivou en feitos tan graves como o falecemento de dous traballadores no incendio de Fornelos de Montes ou a calcinación de centos e centos de hectáreas nun espazo protexido da Rede Natura como o Macizo Central.
- A errónea e fracasada organización, xestión e dirección do operativo por estar atomizado e disgregado en externalizacións e chiringuitos innecesarios como Natutecnia e/ou Seaga.
- As gravísimas carencias en seguridade laboral e Prevención de Riscos Laborais que ocasionaron o falecemento de dous traballadores e doutros accidentes laborais de distinta consideración.
- A ausencia total de diálogo cos representantes legais dos traballadores que supuxo que, en ano e medio de xestión, non foran recibidos nin unha soa vez os representantes lexítimos dos traballadores nin fora convocado ningunha vez o Comité de Prevención de Riscos Laborais.
Santiago, 4 de setembro de 2010
{jcomments on}