CCOO pide o cese fulminante de Samuel Juárez
Íñigo Zubiaga é o cuarto piloto do operativo falecido nos últimos anos na provincia de Ourense na loita contra os incendios forestais.
CCOO pide o cese fulminante de Samuel Juárez e a destitución inmediata da cúpula da Dirección Xeral de Montes e da Subdirección de Incendios.
Ante o novo accidente laboral mortal acontencido onte na extinción dun incendio forestal na comarca de Verín (Ourense) e no que faleceu tráxicamente o piloto Íñigo Zubiaga Pagadigorría, CCOO ven de celebrar, hoxe luns, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ourense, unha concentración silenciosa en memoria do traballador falecido e en solidaridade coa súa familia. CCOO lembra que é o cuarto piloto do operativo de loita contra incendios forestais falecido en accidente laboral na provincia de Ourense nos derradeiros 7 anos: Diego Tomás Scodeller García (22-07-2004), José Manuel Maroto (07-07-2005) e Antonío Díaz Díaz (06-08-2005). Unha lembranza para todos eles e todo o afecto para as súas familias.
CCOO, ante este novo e tráxico accidente mortal acontecido no ámbito da extinción de incendios forestais, empraza a Nuñez Feijóo a que cese fulminantemente a Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural, e destitúa á cúpula da Dirección Xeral de Montes e da Subdirección de Incendios pola prepotencia, incompetencia, indignidade e irresponsabilidade que veñen amosando na xestión da loita contra incendios forestais. O conselleiro e o equipo da DX de Montes e Subdirección de incendios ainda non asumiron as súas responsabilidades políticas polos falecemento de Julio Martínez e Rodrigo Amo González, os dous brigadistas falecidos abrasados o ano pasado en Fornelos de Montes e, pola contra, fai tan só uns días, nun alarde de soberbia, autosificiencia e prepotencia, sacou peito polos, segundo el, excelentes resultados da tempada deste ano; nova tempada, misma propaganda, semellantes traxedias. CCOO lembra que a realidade é más dura, tozuda e tráxica do que o que Conselleiro pretende e pretendía facerlle ver á opinión pública dende a súa atalaia polo que, logo deste tráxico accidente laboral e da vaga de lumes que asola o oriente ourensano nos derradeiros días, nin un minuto máis, deben permanecer nos seus postos.
CCOO empraza ás autoridades laborais, corpos e forzas de seguridade do estado e autoridades xudiciais a que poñan tódolos seus esforzos, experiencia e profesionalidade en realizar unha investigación inmediata, áxil, rigorosa e profunda que esclareza as verdadeiras causas deste accidente laboral que tan fatal e tráxico resultado tivo.
CCOO lémbralle a Nuñez Feijóo a que o seu goberno deixe de instrumentalizar os incendios forestais como cuestión política e emplázao a que impulse un Pacto Social e Politico para evitar que a lacra dos incendios forestais se utilicen como arma arroxadiza politica ano tras ano.
Por último, CCOO, ante o abandono no que a Conselleria de Medio Rural ten aos traballadores do operativo, instaos a que extremen tódalas as precaucións e teñan o máximo coidado no desenrolo deste traballo de tanto risco. O primeiro é sempre a seguridade das persoas.
{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}