CCOO segue responsabilizando á cúpula da Consellería de Medio Rural e ó Xerente de Seaga do accidente laboral de Fornelos de Montes
CCOO rexeita a imputación xudicial ós “xefes directos” dos brigadistas mortos
Diante das informacións aparecidas nos distintos medios de comunicación desde o día 27 de novembro de 2010, na que se publica que a Xuíz do Xulgado nº 2 de Redondela imputa “supostamente” ao xefe da brigada dos falecidos e a un axente forestal que exercía labores de director técnico, por un delito contra a seguridade dos traballadores, no incendio forestal acaecido o día 12 de agosto en Fornelos de Montes (Pontevedra), no que morreron dous compoñentes dunha brigada de extinción de incendios forestais, pertencentes a empresa SEAGA, desde CCOO facemos as seguintes consideracións:
1.- Que a máxima responsabilidade, das mortes dos brigadistas do incendio de Fornelos de Montes, é da cúpula da Consellería de Medio Rural e do Xerente de SEAGA.
2.- Que esa responsabilidade debe ser esixible exclusivamente aos máximos responsables da Consellería de Medio Rural e de SEAGA (Conselleiro, Secretario Xeral, Director Xeral de Montes, Subdirector Xeral de Incendios, Xerente de SEAGA, Xefa de Persoal de SEAGA), por un suposto delito contra a seguridade dos traballadores/as, en virtude do recollido no artigo 24 da LPRL, e desenrolado polo RD 171/2004 que fala da necesaria coordinación de actividades empresariais, aplicable, neste caso, á coordinación da Consellería de Medio Rural (como empresa principal) en materia de seguridade coa empresa SEAGA, así como pola obriga da empresa de velar pola integridade física dos seus traballadores/as. No caso fatídico do incendio de Fornelos, constatouse que o operativo de extinción de incendios forestais de Galicia, careceu da necesaria coordinación coa empresa SEAGA en materia de protocolos de actuación, protocolos de seguridade, coa agravante de incendio de alto risco e circunstancia de nocturnidade, nunha palabra aos responsables da Consellería de Medio Rural e de SEAGA, importoulles un bledo a seguridade e saúde dos seus propios traballadores.
3.- Que esta falta de seguridade xa fora denunciada por CCOO en diversas ocasións ante á Inspección de Traballo, sendo práctica habitual dos responsables da Consellería e de SEAGA, aquelo que dicía Ortega e Gasset: “siempre es mas fácil dejar de hacer que hacer”.
4.- Que tamén está constatado que os traballadores/as de SEAGA, carecían (e carecen) dos medios materiais e da formación necesaria en materia de extinción de incendios e prevención de riscos laborais, tendo en conta a actividade tan perigosa na que desenvolven o seu traballo.
5.- Que está constatado que os traballadores/as da loita contra o lume, que ano tras ano se xogan a vida na extinción dos incendios forestais que asolan a nosa Comunidade Autónoma, non reciben a formación axeitada, e son abandonados tódolos anos a súa sorte na loita contra os incendios forestais nos montes galegos. Lamentablemente cando se produce un desgraciado accidente como o que aconteceu o 12 de agosto en Fornelos de Montes os responsables da Consellería de Medio Rural, sempre apelan a que os traballadores/as mortos tiñan moitos anos de experiencia, en concreto no caso de Julio e Rodrigo chegaron a dicir que tiñan 7 campañas de experiencia na loita contra os incendios forestais (logo constatouse que tamén era mentira), pois esa experiencia, no caso dos dous brigadistas falecidos era:
– Rodrigo Amo: no ano 2006 traballou 3 meses no Pladiga; no ano 2008 traballou 3 meses no Concello de Baiona; no ano 2009 traballou outros 3 meses en SEAGA; en total unha experiencia de 9 meses de traballo, e formación cero.
– Julio Martínez: no ano 2003 e 2005 traballou 3 meses no Concello Tomiño; no ano 2007, 08 e 09: traballou 3 meses cada ano en SEAGA; en total 15 meses de experiencia, e formación cero.
6.- Que diante dun traballo de máximo risco, sen experiencia suficiente e con nula formación. ¿Como se pode imputar aos “Xefes directos” dos falecidos, e deixar fora a cúpula de Medio Rural e de SEAGA? Acaso na extinción de incendios forestais non hai que ter en conta outros factores operativos estresantes, aos que están expostos os traballadores/as tales como: utilizan ferramentas que son transportadas por terreos accidentados, conducen vehículos pesados, traballan a quendas cambiantes e con gardas, sendo frecuente que haxa prolongacións excesivas da xornada co conseguinte esgotamento acumulativo, o comportamento dos lumes é moi imprevisible, o que xera unha gran incerteza, traballan en condicións extremas de temperatura, están expostos a fumes e gases, partículas en suspensión e compostos orgánicos, algúns deles canceríxenos e mutaxénicos.
7.- Que para abundar na irresponsabilidade dos xestores de Medio Rural e de SEAGA, Operativo de Extinción de Incendios Forestais da Xunta de Galicia, sigue sen contar dentro das equipas de protección individual (EPIs), con equipos de respiración autónomos portatil, que evitarían os riscos de inhalación dos gases presentes nos incendios forestais, cecais con este simple equipamento hoxe non estaríamos lamentando as mortes de Julio Martínez e Rodrigo Amo.
CCOO está valorando, a posibilidade de personarse na causa xudicial para evitar que as responsabilidades da cúpula dirixente da Consellería de Medio Rural e de SEAGA, que a noso xuízo son os verdadeiros responsables do gravísimo accidente laboral que ocasionou as mortes no incendio de Fornelos de Montes, se desvíen cara os traballadores e cara as propias vítimas.
CCOO empraza, mentres tanto, aos actuais “responsables” da Consellería de Medio Rural, a que adopten tódalas medidas de seguridade, para preservar a seguridade dos traballadores/as na loita contra os incendios forestais, empezando por: cumprir os protocolos de actuación, respetar os descansos ordinarios do persoal; impedir a prolongación permanente e excesiva das xornadas de traballo; facer cumprir os protocolos de prevención de riscos laborais vixentes; formar axeitadamente o persoal do SPDCIF, facer as contratacións da campaña de máximo risco do ano 2011 polas listas do PLADIGA, que son as que garanten que os traballadores/as contratados, teñen unha maior experiencia e mellor coñecemento do terreo.
<A MEMORIA de RODRIGO e de JULIO merece TÓDOLOS nosos ESFORZOS>
{xtypo_feed}Orixinal{/xtypo_feed}