A UE estuda crear lugares no monte para abandonar restos orgánicos e alimentar ao lobo

Lobo ibérico

A medida busca evitar que o depredador baixe ás granxas e mate gando para comer.

 

A Comisión Europea estuda fixar lugares estratéxicos no monte nos que se poderían abandonar restos orgánicos de forma controlada para alimento do lobo. Segundo a información que manexa a Xunta, que admite que esta é unha práctica arriscada, a UE establecería uns requisitos exhaustivos de tal forma que só poderían deixarse cadáveres de animais probadamente sans, certificados por veterinarios: exemplares mortos por ataques de alimañas e depredadores ou por traumatismos, detalla Emilio Rosa, subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas.

Ademais de abaratar ao gandeiro os gastos de transporte e destrución dos restos -hoxe a cargo de empresas xestoras autorizadas-, búscase facilitar o alimento aos animais salvaxes. E en última instancia impedir que vaian en aumento os ataques ao gando por parte de lobos e cans asilvestrados, que non terían que abandonar o monte e roldar as granxas.

Rosa recorda que en Navarra tiveron un problema similar co voitre, que arremetía contra as cabanas de animais a falta de carroña, e que se crearon comedeiros. E que en Galicia se rexistraron casos illados de ataques con carroñeiros menores como o corvo e o raposo.

De feito, é unha reivindicación habitual dos agricultores, que reclaman regresar aos vellos usos de abandonar o animal morto no monte. Así o recordaba José Manuel Bernárdez, o gandeiro da localidade lucense de Taboada que achou as súas ovellas mortas o pasado 7 xuño. “Noutro tempo deixábanse as reses non monte Faro, e así os lobos tíñano máis fácil para comer sen necesidade de andar baixando ás aldeas”, explicaba aínda rodeado dos quince cadáveres diseminados pola leira.

Non baixa ás aldeas famento

Aínda que admite que antes o depredador “comía animais mortos, restos dos partos das vacas, fauna salvaxe”, e agora teno moi difícil, Pepe Salvadores, de Adega, tacha de “sensacionalismo que se diga que agora o lobo galego baixa ás aldeas famento. Non é certo que haxa un escenario dramático de fame”, terza para engadir que “calquera sitio é susceptible de que o lobo apareza, o que pasa é que a xente confia e deixa o gando fóra porque leva tempo sen velo”. Salvadores asegura que os danos que causa son asumibles pero que “teñen que pagarse entre todos, nunca cargarllos na conta aos gandeiros”.

“O lobo non anda famento de súpeto, sempre houbo ataques, e sempre andivo entre a xente. Hainos ata cerca das cidades, en Lugo, Santiago, Abegondo, co mato, co monte, con algo de abrigo, non necesitan moito espazo. Só ocorre que pasa desapercibido porque evita ao home. Hai unha correspondencia entrambos, de feito -eloxia Salvadores-, sen a tolerancia tradicional da xente do medio rural galego teríase extinguido, nunca se ensañou con él, coma sí ocorreu noutros lugares dos que desapareceu”.

O agricultor sabe tamén, explica este experto ecoloxista, que a presenza do lobo é unha garantía sanitaria no monte, “xa que fai unha función de selección ao comer o animal morto, enfermo ou vello, e impide que se transmitan enfermidades”. Pero tamén é certo, obxecta Salvadores, que a xente que convive co depredador “está en desvantaxe, polo que debe ser compensada áxil e convenientemente”.

A imaxe positiva

Adega pide que se dea un paso máis nas políticas de protección e se saque partido de forma intelixente ao lobo e ao seu hábitat, á súa imaxe positiva. En Portugal o fan, presumen da súa convivencia: non é o mesmo ter unha serra ou unha fraga con lobo que sen él. A figura salvaxe é un patrimonio natural, cultural e turístico. Véxase como o explotan en Estados Unidos, ou en Sanabria, onde están a montar un centro de interpretación do lobo. E non se trata de salvar “ao gran depredador que nos queda” criándoo en catividade, advirte Salvadores, “hai que conservar ou seu hábitat, con todo o que isto comporta”.

Adaptar prácticas ancestrais aos tempos modernos

“Nos comedeiros só temos que adaptar prácticas ancestrais aos tempos modernos, prácticas que, por certo, permitiron a convivencia co lobo desde sempre en Galicia”, defende Jacobo Feijoo, do sindicato Unións Agrarias. Un costume, recorda Rosa, que “Bruxelas deixou de considerar legal tras a crise das vacas tolas” e que quedou proscrita. Feijoo apela aos criterios científicos para restaurar con garantías os comedeiros controlados en áreas lobeiras: “A UE fala sobre todo do perigo do MER (material específico de risco), é dicir, das vísceras e da columna vertebral”, onde se concentran os prións, o quid do mal das vacas tolas. “Se hai comedeiros de voitres noutras zonas de España, por qué non de lobos?”. Rosa está de acordo coa importancia da súa posible posta en marcha, pero apela á responsabilidade e recorda que se sospeita que a propagación da hemorraxia vírica do coello tivo que ver con este tipo de prácticas mal entendidas.

 

{xtypo_feed}La Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies