Comisan nun restaurante de Cruces 35 troitas ilegais

A partida foi localizada nunha inspección rutineira

O operativo “Troitiña” deu este fin de semana un novo golpe ao furtivismo ao incautar unha partida de troitas ilegais nun restaurante do municipio de Vila de Cruces.

A operación foi levada a cabo por un equipo de cinco axentes facultativos ambientais pertencentes ao Servizo de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente. Os axentes -que realizaban unha inspección rutineira no local hostaleiro- localizaron dentro dun conxelador un recipiente que contiña no seu interior un total de 35 troitas conxeladas. Ademais de estar en época de veda -a tempada de pesca da troita terminou en Galicia o día 31 de xullo-, os peixes presentaban medidas moi inferiores ás esixidas polo regulamento. Segundo a normativa actual, as troitas han de ter un mínimo de 19 centímetros para poder ser pescadas en calquera río e 21 se se trata de especímenes dos ríos Ulla ou Deza.

No caso do restaurante cruceño, o peso total das 35 troitas comisadas era de 800 gramos e algúns exemplares apenas alcanzaban os 12 centímetros. Tras a denuncia correspondente, seguindo os trámites legais, as troitas foron comisadas polos axentes facultativos e entregadas para o seu consumo na residencia de maiores da Estrada.

Ademais de ser exemplares de tamaño ilegal, segundo a Lei de pesca fluvial 7/1992 de Galicia, os propietarios do restaurante cometeron unha infracción grave polo simple feito de estar en posesión para a súa comercialización de especies piscícolas da familia dos salmónidos, en neste caso troitas salvaxes. A comercialización destas especies está prohibida en calquera época do ano se non se dispón da identificación oficial dos peixes. As sancións poden oscilar entre os 3.000 e os 30.000 euros.

“A sanción por comercialización ilegal pode oscilar entre os 3.000 e os 30.000 euros”

 

{xtypo_feed}Rocío García – A Voz{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies