Comparecencia da Asociación na “Comisión de estudo sobre as causas e consecuencias dos incendios forestais” que se celebra no Parlamento de Galiza
O pasado día 2 de outubro a Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia foi formalmente convidada a participar na devandita Comisión. A continuación transcríbese integramente tanto a convidación coma o relato da comparecencia que tivo lugar o día 13 do corrente mes de outubro, formulado polo asinante do documento.
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2006
Estimado Sr./Sra
O Parlamento de Galicia, como vostede sabe, constituiu a Comisión de estudo sobre as causas e consecuencias dos incendios forestais.
A Comisión considera de grande interese a colaboración desa entidade nos traballos que está a levar a cabo, polo que, no seu nome agadeceríalle tivese a ben participar como comparecente neste importante labor.
A comparecencia estaría prevista para o día 13 de outubro de 2006, ás 11:30 horas, na sala de comisións deste Parlamento, Rúa do Hórreo, Santiago de Compostela e desenvolveríase consonte ás seguintes quendas: intervención do comparecente (20 minutos) intervención dos grupos parlamentarios (8 minutos) e contestación do convidado (5 minutos).
A temática da súa exposición versaría sobre os seguintes contidos:
Circunstancias concorrentes nos lumes producidos entre o 4 e 15 de agosto de 2006. Join สมัคร gclub ฟรี.
Medidas de actuación para o futuro.
Seranlle aboados ao comparecente, os gastos de desprazamento ocasionados pola súa presencia ante esta comisión, debidamente xustificados, e unha axuda de custo pola sua colaboración.
Agradezo de antemán todo escrito en soporte papel ou informático que teña a ben facilitar na súa intervención.
Reciba un cordial saúdo
Asdo: Dolores Villarino Santiago
Presidenta da Cámara
COMPARECENCIA DA ASOCIACION PROFESIONAL DE AXENTES FORESTAIS DE GALICIA ANTE A COMISION DE ESTUDO SOBRE AS CAUSAS DOS INCENDIOS FORESTAIS
Señoras e señores membros da Comisión de estudo sobre as causas e consecuencias dos incendios forestais,
En primeiro lugar agradecerlles a invitación a esta comparecencia, son Miguel García Fernández, Presidente da Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia, axentes forestais que desenvolven o seu traballo nas Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
Dende a Asociación parécenos adecuado que se preste a oportunidade de manifestar a opinión daqueles que sufrimos os incendios forestais nas nosas carnes, día a día, lume a lume, e polo tanto sendo coñecedores do que estamos a falar, pois en máis do 90% dos casos somos os Axentes Forestais os Directores de extinción dos lumes, os que asumimos a responsabilidade directa da extinción dos mesmos, os que cargamos coa responsabilidade de tódolos medios materiais e humanos aportados na extinción, os que realizamos unhas serias e contundentes investigacións dos mesmos por coñecemento do medio no que se desenvolven estas tarefas e por profesionalidade e amor propio. Agradecemos novamente, polo tanto, que se nos brinde a oportunidade de falar nesta Comisión.
A miña comparecencia vai versar sobre dous puntos fundamentais:
– Circunstancias concorrentes nos lumes producidos entre o 4 e 15 de agosto de 2006.
– Medidas de actuación para o futuro.
Circunstancias concorrentes nos lumes producidos entre o 4 e 15 de agosto de 2006
Para facer unha exposición máis clara e que podan seguir vostedes diferenciarei dous apartados neste punto, a saber:
– Circunstancias anteriores á vaga de lumes.
– Circunstancias concorrentes no momento dos lumes.
Circunstancias anteriores á vaga de lumes
Para coñecer os motivos que xeraron estes resultados non temos por menos que remontarnos a tempos anteriores nos que poidamos analizar qué factores influíron no comportamento do lume. O mundo forestal non muda dun ano a outro. Nin sequera dunha lexislatura a outra. O mundo forestal varía por moitos anos de manexo e de políticas de xestión nas que, entre outras medidas, se fomentou o monocultivo específico e os resultados aprécianse co paso do tempo. Así, en 1977 promulgouse unha Lei que fomentaba a produción forestal e que primou e favoreceu a introdución de especies exóticas e sobre todo pirófitas e que se ven favorecidas na súa expansión pola acción dos lumes. Estas políticas favorecedoras de especies coma o eucalipto aínda se palpan 30 anos máis tarde e xa que logo os lumes de agosto desenvolvéronse nunha franxa poboada en gran parte por esta especie. Nós, os Axentes Forestais, e todo o persoal de extinción de incendios sabemos perfectamente o difícil que é apagar os lumes en montes con eucalipto. Se a isto se lle suma un verán no que as condicións climáticas foron dunha seca acumulada acompañada de ventos desecantes do Nordés e xunto co abandono das prácticas silvícolas de limpezas e
desbroces temos tódolos factores para que a pira na que se converteu Galicia nos últimos anos ardese de xeito explosivo sen remedio e sen poder poñerlle freo por moitos medios dos que puidesemos dispor.
A modo de clasificación apuntaremos polo tanto varios tipos de circunstancias previas á vaga de lumes:
Circunstancias de tipo organizativo: No ano 2005 producíuse a división da anterior Consellería de Medio Ambiente en dúas Consellerías: Consellería de Medio Rural e Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, feito que redundaría de xeito importante na división do traballo dos membros da escala de axentes forestais, na súa coordinación e nos medios materiais asignados, así no aspecto operativo do corpo de Axentes Forestais esta decisión, que xa auguramos que era un erro, opoñéndonos frontalmente á mesma, demorou moito a súa efectividade de xeito que o aporte do persoal desta escala asignado á Consellaría de Medio Ambiente non se puido incorporar de modo efectivo e a tempo.
Dende a Asociación á que represento fíxose unha Proposta sobre a actuación dos Axentes de Medio Ambiente ante os incendios forestais a través da cal suxeríamos labores de vixiancia e control.
Circunstancias de tipo climatolóxico: O verán do 2006 estaba a ser un verán especialmente seco e con vento predominante do nordés, despois dun inverno de escasas precipitacións.
Circunstancias estruturais: O feito de que o monte levara décadas sin que existira unha política clara que apoiase o seu coidado, feito que se fai patente na abundancia de matorral, especies pirófitas, abandono de restos de cortas, infraestruturas en mal estado… que fixo un bó caldo de cultivo para que, xunto coas outras circunstancias indicadas, se producise o que facía anos viñamos apuntando.
Circunstancias sociais: A sociedade no seu conxunto non ve como ameaza o incendio, a sensibilización é escasa, os incendiarios dende o punto de vista punitivo non reciben a sanción proporcional ó dano causado, os veciños non ven nun incendiario un delincuente, senón que dun xeito ou outro xustifican a súa conduta, o costume de utilizar o lume como instrumento de traballo nas propiedade é algo cotián.
Circunstancias concorrentes no momento dos lumes
Primeiramente debemos apuntar que xa no comezo do primeiro semestre do ano apreciamos un incremento no número de incendios, chegándose a producir o 50% dos rexistrados ata o momento, este feito facíanos augurar que éste ano sería especialmente virulento no seu terceiro trimestre. Do 4 ó 15 de agosto producíronse unha serie de feitos que si ben de modo aillado non serían causa do acontecido, a fatalidade fixo que se xuntaran varias delas co que a consecuencia é a que hoxe padecemos e que é a que fai que se constitúa esta Comisión.
As altas temperaturas, vento forte e predominante do nordés, baixa humidade relativa, a gran cantidade de material pirófito fixo que xunto co gran número de alarmas, se xerasen incendios dunha magnitude inusual en Galicia, inusual pola súa extensión, virulencia e localización, incrementado este feito pola existencia de numerosos focos secundarios e reproducións.
É importante sinalar que estivemos ante o que denominamos “incendios escaparate”, isto é: incendios que son claramente visibles dende as poboacións, infraestruturas de comunicación, etc., e que afectaron ás vivendas de xeito moi importante. Estos feitos fixeron que as labores de extinción víranse relegadas a priorizar a conservación das casas fronte ó monte. Ante a oleada de lumes as cuadrillas acudían según lles indicaban dende os distintos Distritos Ambientais, véndose desbordadas en moitas ocasións tal e como lle sucedería a calquera corpo de emerxencia en circunstancias análogas.
Por outra banda apreciamos que dende algún dos concellos non se prestou a axuda debida e así debemos informar que se recibiron ameazas, e se impediu en algúns concellos o normal desenvolvemento do noso traballo.
Os medios materiais resultaron insuficientes e en malas condicións: o parque móbil, con motobombas con moitas horas de traballo, a dotación das cuadrillas que non conta con equipamento debido para a realización da extinción nas temperaturas nas que se desenvolve, os equipos de transmisión en estado apreciable de obsolescencia. A inexistencia de protocolos ante incendios forestais fixo que, ante a efectividade de varios focos importantes nun mesmo Distrito Ambiental, a situación se colapsase provocando a descoordinación, sen que existiran postos de mando avanzados.
Medidas de actuación para o futuro
Principalmente, e xa que debemos ter en conta que os medios humanos son fundamentais á hora de proceder á extinción do lume, reclamamos unha maior profesionalización do persoal encargado da extinción. As funcións que desempeñamos diariamente se incrementan, a sociedade reclámanos máis atención que tratamos de atender, a pesar delo, é certo que o persoal da escala de axentes forestais con que conta neste momento a administración, non amosa ser suficiente para desenvolver as nosas funcións.
Doutra banda, os peóns e cuadrillas que se contratan de xeito temporal deben ser seleccionados seguindo criterios técnicos e profesionais reais.
Neste intre debemos facer un inciso e recordar, pola repercusión que terá nas contratacións, o feito de que se dictaran dúas sentencias que marcarán un antes e un despois no servizo.
Por un lado, a sentenza da Sá do Social do Tribunal Supremo do 7 de febreiro de 1995, que obrigaba a Xunta de Galicia a pasar os traballadores do S.D.C.I.F. o réxime xeral; ata aquela cotizaban polo réxime especial agrario. Como consecuencia o executivo decide nutrir o servizo de persoal eventual procedente doutras administracións e reducir o persoal propio. Os resultados xa se viron na campaña de incendios dese ano na que se disparou o número de sinistros e, sobre todo, o aumento considerábel da superficie afectada con respecto a anos anteriores.
Outro feito importante é a sentenza de 1998 na que se obrigou á Xunta de Galicia a facer unha consolidación
de emprego por medio dun concurso-oposición, que trouxo como consecuencia maior diminución do persoal propio.
Estas circunstancias provocaron que gran capital humano, formado e experimentado do que dispuña o servizo, se fose ante tanta eventualidade e falla de expectativas.
Ante esta situación atrevémonos a pronunciarnos sobre unha serie de circunstancias que poden mellorar, ó noso entender, a situación actual.
Todo o persoal que se destine a incendios debia depender da Consellería do Medio Rural coas mesmas condicións de traballo e forma de acceso, cun modelo de xestión onde exista máis carreira profesional.
Eliminación da eventualidade da contratación. Os traballos de extinción de incendios, dado o perigo que entrañan, debe de ser para persoal experto. Debe de haber unha dotación mínima de persoal suficiente que poida reforzarse nos períodos de maior carga de traballo, pero sin que isto implique a creación de unidades novas de combate sin experiencia e descoñecemento das zonas.
Creación de centros de destino para mellor xestión dos medios materiais e capital humano.
Formación específica para cada posto de traballo. Para poder conseguir un persoal especialista no seu posto necesítase contar cun grupo de persoas profesionais dos lumes e forma-los para que o seu traballo sexa o máis eficaz posíbel. Para iso necesítanse programas serios de formación, no que cada persoa que traballe na extinción sexa un especialista no seu posto, e non teña que esperar ningunha orde para realizar o seu cometido. Presumibelmente sería mellor cambiar a denominación do posto de peóns das brigadas por denominacións como “brigadista forestal ou rural, bombeiro rural ou forestal,…..” cunha escala de mandos ben diferenciada e identificada.
Aínda que se parte dunha situación moi mellorabel, o noso capital humano, por desgraza, ten unha bagaxe na extinción de incendios forestais que non ten parangón en ningunha outra parte de Europa. Débese aproveitar esta circunstancia cunha maior formación e unha mellor organización.
Debido á constatada insuficiencia e deficiencia do material có que contamos, reclamamos unha mellor dotación de medios tanto no parque móbil como de equipamento básico, creendo de relevancia a incorporación de alomenos dúas nodrizas por Distrito.
Apuntamos tamén á necesidade da redacción dun protocolo de actuación ante os incendios, que sexa divulgado entre o persoal de todas as administracións que participan neste traballo.
Realización de cursos de coordinación de equipos humanos, traballo en situación de crise, manexo de medios aéreos e pesados, etc.
Os incendios apáganse en inverno, non en verán, polo tanto debemos reclamar unha maior inversión para a realización de traballos de prevención e conservación das infraestruturas.
Consideramos que os traballos de desbroce débense realizar na primavera mudando o costume de facer este traballo no outono-inverno, todo elo polo rápido crecemento das especies obxecto de desbroce. Do mesmo xeito solicitamos que se regule a utilización dos restos de corta obrigando no posible á trituración do mesmo, con elo conseguiríamos por un lado abono para o chan, aceleración na degradación dos restos e maior limpeza no monte.
Primar as actividades de abandono de queima de restos agrícolas, apoiando políticas que fomenten a elaboración de compost, con esta medida evitaríase unha das múltiples circunstancias provocadoras do lume ademáis de previr a contaminación.
Facer un seguimento efectivo dos terreos queimados tanto para no que atinxe a súa recuperación como no relativo o destino que se lle poidera dar a estas superficies.
Sensibilizar á sociedade da importancia de conservar o monte limpo, das consecuencias dos incendios, actuación que se podería realizar a través de charlas nos colexios, nas aulas de conservación da natureza…, implicando tamén á sociedade a través dos seus representantes, isto é: das organizacións políticas.
Finalmente, non debo rematar a miña intervención, sen sinalar que podemos constatar a inexistencia de tramas organizadas para provocar lumes, feito que corrobora as investigacións efectuadas polas brigadas de investigación de incendios forestais compostas por axentes forestais.
Por outra banda debemos condenar a inculpación de todo un colectivo de traballadores por apareceren dous, tres ou catro casos de sospeitosos ou culpables demostrados en prender lumes tendo algunha relación co operativo de extinción. Nós somos os que apagamos o lume, non somos os que llo poñemos. E sen embargo observamos non só cómo fomos incriminados incluso por unha ministra, senón que chegando moito máis aló, e sen desmerecer a intención colaboradora doutros colectivos que se achegaron a botarnos unha man, observamos que nos medios de comunicación so aparecían os bombeiros de calquera outra comunidade autónoma e nós coma se non existisemos, polo tanto, debemos e queremos reclamar unha maior dignificación e respecto polo noso traballo, pola nosa profesión.
O que sí comprobamos a través dos medios achegados doutras autonomías é que os medios de extinción están a anos luz dos que nos temos en Galicia. Pero tamén constatamos que os mellores profesionais da extinción de incendios forestais están aquí, en Galicia, e por elo non queremos finalizar esta comparecencia sen reclamarlles a inclusión no Estatuto de Autonomía de Galicia, como xa teñen feito outras autonomías, da figura do axente forestal ou medio ambiental como aquel que vela pola conservación, custodia, defensa, vixiancia… do medio natural galego.
Moitas grazas.