Comunicado da Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia (Aprafoga) con relación ás manifestacións vertidas por D. Miguel Piñeiro e D. Alberto Torres sobre a desaparición de salmóns no capturaderio de Ximonde.

Como é sabido, en datas recentes a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, puxo en marcha un programa de control e seguimento por radiofrecuencia de salmóns no río Ulla. Dentro deste programa, o pasado día 26 de outubro os compañeiros encargados deste seguimento detectaron unha sinal que os guiaba a un baixo utilizado por un restaurante como almacén e despensa. Os compañeiros, despois de localizar ao propietario, expoñerlle a situación e pedirlle que lles permitira comprobar o porqué da lectura do aparello de radioseguimento, puideron comprobar que nun conxelador había dous exemplares de salmón adultos, un marcado para o seu seguimento e outro máis. Ante este feito, o responsable do establecemento alegou na súa defensa que os salmóns dérallos o irmán dun dos Axentes Forestais actuantes e peón do Centro Ictioxénico de Ximonde. Os compañeiros fixeron o que debían facer: formular a correspondente denuncia e emitir un informe detallado, no que por suposto, non se ocultou a alusión ao irmán do Axente. Actualmente o asunto está en tramitación, sen que exista pronunciamento algún ó respecto.

Pese a que o dito ata aquí é un exemplo de cómo un Axente debe actuar no seu traballo, hai quen pretende difamar ao colectivo en xeral, e en concreto ao compañeiro que fixo o que debía en especial, sementando dúbidas sobre unha actuación que resulta exemplar á vez que digna de todo encomio. Trátase de D. Miguel Piñeiro e D. Alberto Torres, quen, dende a súa paxina web, realizaron unha serie de manifestacións pouco elegantes e faltas de clase, e que, ademáis, poden supoñer unha clara intromisión ilegal no honor das persoas citadas nela.

E é que os señores Piñeiro e Torres non só dan unha versión sesgada e tendenciosa dos feitos, que non é outra que a do denunciado L.M.L.S., senón que se permiten formular unha serie de preguntas que van directamente dirixidas a inducir ao lector pouco prevido a crer que existe unha rede na que están implicados membros da Gardería Forestal e do Servizo de Conservación da Natureza, chegando á ousadía e desfachatez de plantexar dúbidas sobre a actuación dos Axentes e suxerindo que tal vez estes Axentes intentaron coaccionar ao denunciado para que non fixese mención ao nome do peón afectado.   

Sobre estes extremos, dende APRAFOGA queremos facer constar o seguinte:

  • Reprobamos e rexeitamos as acusacións infundadas vertidas polos señores Piñeiro e Torres, tanto na súa forma como no fondo. APRAFOGA garda a súa valoración dos feitos ao momento no que exista resolución administrativa que considere os feitos constitutivos de infracción, si é que existe. Ata entón, a presunción de inocencia obriga a gardar un respectuoso silencio sobre a identidade da persoa supostamente involucrada para evitar a “pena de banquillo”. Sorpréndenos que o Sr. Piñeiro, por exemplo, non faga o propio e non eluda o utilizar o nome e apelidos das persoas ás que pretende involucrar de modo irregular nos feitos. Si APRAFOGA seguise a mesma política, algunhas persoas verían o seu nome en público máis veces do que sen dúbida desexarían.
  • As dúbidas dos Sres. Piñeiro e Torres non só son ofensivas, senón infundadas e pueriles. Sexamos lóxicos. Si o compañeiro quixera tapar a posible implicación do peón nos feitos, nada máis doado que non formular denuncia algunha. O propietario do restaurante denunciado estaría encantado de que así fose, posto que desta forma evitaría molestias e, tal vez, serios problemas si é encontrado culpable dos feitos que se lle imputan. Ninguén sabería nada, o salmón marcado desaparecería sen máis, como todos sabemos que pode ocorrer e nada desto houbera saído á luz. Así que sendo tan doada a cuestión, ¿quén estando no seu san xuízo, crése que os compañeiros iban a “intentar facer desaparecer o nome” do peón da denuncia, ou incluso, como pretende inducir a pensar, coaccionar ao denunciado para que modificase a súa declaración?.
  • Dende APRAFOGA desexamos mostrar o noso apoio aos catro compañeiros que denunciaron os feitos, e en especial ao Axente cuxa vinculación familiar co peón do Centro de Ximonde sacan a relucir con saña os señores Piñeiro e Torres. A actuación deste compañeiro, pese a quen lle pese, é exemplar, e aínda que dende a Asociación xamáis pediremos recoñecemento especial para quen cumpre co seu deber, xa que consideramos que esto é o normal, non queremos deixar pasar a ocasión de plantexar a dúbida de cantas persoas actuarían contra o seu irmán, polo mero feito de implicalo a persoa que presuntamente, cometeu a infracción.
  • O feito de que Don Miguel Piñeiro e Don Alberto Torres, así como o denunciado L.M.L.S., fagan publico de modo ostensible e notorio o nome e apelidos do compañeiro afectado é, ademáis dunha mostra de mal gusto e nula elegancia, un ataque directo e intencionado contra o honor e o bo nome do Axente en cuestión. Por iso, se puxeron os nosos servizos xurídicos a disposición do compañeiro agredido polas insidiosas insinuacións dos señores Torres e Piñeiro, coa colaboración de L.M.L.S., a fin de que avalíen e, si o interesado o considera oportuno, interpoñan as accións legais oportunas na defensa do bo nome e o bo facer do noso compañeiro, no convencemento de que poñer couto aos desmáns verbais e escritos de quen tan pouco respecto presentan polas persoas redundará no beneficio de todo o colectivo.

Pontevedra, 5 de novembro de 2009
O Presidente de APRAFOGA

Miguel García Fernández

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies