Concurso de traslados e toma de posesión definitiva de postos da última oposición

Na reunión mantida o 1-2-2010 coa Dirección Xeral de Función Pública tratouse de dar resolución ó tan retrasado concurso de traslados e a conseguinte toma de posesión definitiva de prazas dos 100 Axentes Forestais incorporados na última oposición. Ante a situación xerada pola propia Administración ó non existir suficientes prazas de nivel 14 a ofertar para a toma deposesión definitiva, Función Pública optou por propoñer unha segunda fase de resultas tal e como xa propuxera CCOO aló por outubro do ano pasado, e da que sairían 111 prazas a ofertar (109 de nivel 14 e 2 de nivel 12). Deste xeito resolveríase o enredo que levou a un retraso excesivo destes procesos.

A postura de CCOO foi a de non pronunciarse sobre a resolución deste caos provocado pola propia Administración, e, xa que logo, calquera postura podería resultar prexudicial para algún dos grupos de traballadores afectados. As datas de resolución destes procesos será anterior á segunda quincena de marzo. Esta postura foi coincidente coa dos outros sindicatos, salvo no caso da CSIF que aclarou que non quería que se lograse a consolidación de niveis dos compañeiros en destino provisional.

2º PROCESO DE INTEGRACIÓN NO GRUPO C

Aproveitamos para solicitar a conclusión deste proceso que tamén leva un retraso inxustificado e do que so dixeron que consultarían a dispoñibilidade de datas para realizar o exame. Dende CCOO pedimos que fose antes da campaña de verán, non máis tarde de abril ou maio.

IDENTIFICACIÓNS

Xa fai varios meses que CCOO fixo xestións para que, como o resto dos asuntos, se lle asigne o número, carné e placa de identificación profesional a tod@s @s que tras case que dous anos aínda non se lles facilitou. Temos constancia de que en varios distritos estiveron a recadar datos ós que non o teñen, pero tamén sabemos que nalgúns centros non o fixeron por…deixadez??, indiferencia??, pasotismo??, incompetencia??. Aconsellamos que os que estean nesa situación fagan a correspondente xestión ben preguntándolle ó seu responsable, ben facéndonos coñecedores da súa situación para seguir insistindo e haber se algún destes anos logramos que entendan a importancia que estes aspectos teñen para o colectivo de Axentes Forestais/Medioambientais.

MESA DE NEGOCIACIÓN DO NOVO ACORDO

Seguimos á espera de seren convocados tras ser remitido a nosa proposta xa hai 2 meses. Parece que a “folla de ruta” debe estar na primeira fase de expropiacións aínda. En reunión (3/2/2010) co Secretario Xeral expresou que habían de chamarnos para unha nova reunión a finais de febreiro, primeiros de marzo. Xa veremos si é así.

REGULAMENTO DO GRUPO C

Teremos que esperar ó próximo século???….Seguiremos informando.

OUTRAS

  • Renovación de uniformes: Somos coñecedores de que o Corte Inglés ten dende hai máis de catro meses listo para a entrega dun paquete de reposición con roupa de inverno que xa estaba pagada, pero dende a Consellería decidiran paralizar a entrega co fin de aforrarse un ano de renovación de roupa. O secretario Xeral (reunión do 3/2/2010) comprometeuse a darlle saída a este asunto, esperando que chegue a roupa de inverno antes dos calores propios do verán.
  • Teléfonos: Tamén se lle solicitou a apertura dos teléfonos ibercom para poder facer chamadas a teléfonos externos a esta rede, de xeito que ou ben podamos chamar a unha serie limitada de números, ou establecer un tope mensual de gasto en chamadas externas.

Santiago, 3 de febreiro de 2010

Acción Sindical
Sector Federal de Administración Autonómica de Galicia
FSC-CCOO Galicia

{jcomments on}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies