Conde Roa levou os técnicos da Davis ao Gaiás nun helicóptero contraincendios

O Concello compostelá asegura que a aeronave pertencía “a unha empresa privada” e “para nada dependía” do servizo de loita contra o lume

O alcalde de Santiago, o popular Gerardo Conde Roa, trasladou os técnicos da Copa Davis á Cidade da Cultura nun helicóptero dedicado a reforzar o dispositivo contra incendios o 1 de agosto, en plena época de máximo risco. O rexedor levou a comitiva á Cidade da Cultura, que optaba a ser sede da semifinal do torneo de tenis entre Francia e España, nun aparello da base do servizo de extinción de Castromaior, xestionada pola empresa pública Servizos Agrarios galegos (Seaga), unha das 12 bases que a Xunta pechou, para reducir custos, durante esta precampaña de loita contra os lumes.

Fontes do Concello compostelá, que fixo a contratación do helicóptero, aseguran que o mesmo “pertencía a unha empresa privada” e “para nada dependía do servizo de incendios”. Non obstante, Xornal constatou que o traslado da aeronave, que se intentou levar en segredo, xerou un gran rebumbio entre o persoal de Seaga, que incluso protestou ante esta situación. En todo caso, é certo que estes aparellos para a loita contra o lume son contratados por varios anos a unha empresa privada e non son medios propios da Xunta de Galicia.

Segundo puido saber Xornal, o helicóptero tivo que partir cara un incendio despois de deixar no Gaiás os pasaxeiros, que tiveron que regresar a Santiago por outros medios. E é que esa xornada foron mobilizados diversos dispositivos para extinguir un incendio forestal que calcinou 78 hectáreas de monte no municipio pontevedrés de Silleda.

Diversas fontes consultadas engadiron que o helicóptero procedente de Castromaior realizou o voo á Cidade da Cultura sen a bolsa para portar auga da que habitualmente dispón. Esta visita ao Gaiás non foi difundida polo Concello de Santiago, que dous días despois recibiu a noticia de que finalmente Córdoba era a cidade elixida para acoller as semifinais da Copa Davis de tenis entre Francia e España.

 

{xtypo_feed}Xornal de Galicia{/xtypo_feed}

Comparte isto!:

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies