Consideracións dos Axentes forestáis da Xunta de Galiza, sobre o emprego de motos, quads e vehículos todoterreo no medio rural, natural, nos ecosistemas forestáis e algunhas medidas encamiñadas á regulación do seu uso
Este texto foi elaborado por un grupo de Axentes Forestáis das catro provincias en colaboración cos demáis compañeiros que aportaron a súa información. A coordinación, recompilación e elaboración realízase a través da Asociación Profesional de Axentes Forestáis de Galiza (APRAFOGA).
Os profesionais que realizamos estas aportacións coñecemos o medio natural galego, o medio rural e os ecosistemas forestáis moi polo miúdo en toda a Comunidade Autónoma de Galiza, somos testemuñas directas do emprego, dos seus efectos e da incidencia temporal e espacial desta nova modalidade de ocio.
Os danos e consecuencias que provocan estas máquinas libres sen control e a gusto dos seus usuarios, reflicten unha cultura urbana de falta de respeto ó medio natural e rural danando a natureza, causando molestias e perdas.
As motos e quads son verdadeiramente un problema actual que se incrementa cada ano, non temos máis que consultar o incremento de venta destes vehículos.
O dereito dos usuarios a disfrutar do tempo libre, implica a necesidade de reducir e minimizar este conflicto cunhas pautas de xestión axeitadas, sen poñer en perigo a cultura, recursos e valores naturais de Galiza.
Se analizamos a variedade de ecosistemas de Galiza e aplicamos un enfoque a medida, ben orientado ás necesidades da sociedade de hoxe e se trazan liñas ben encamiñadas son moitos os problemas que se poden evitar.
Consideramos vital poñer en marcha toda a ferramenta legal que sexa precisa para facer unha xestión axeitada e favorecer ó máximo un equilibrio no uso.
Estamos, polo tanto, ante un problema de ordenamento e xestión, para evitar efectos nocivos que poden incidir sobre o control dos incendios forestais, danar as nosas masas forestais, os nosos ecosistemas fluviais, dunas, lagoas, o turismo, sendas empedradas, castros, etc. ó provocar ruídos, contaminacións por verquidos de combustibles, aceites, latas, plásticos, sinalamentos, pinturas, afluencia masiva de vehículos, etc.
Os efectos son demoledores sobre as especies cinexéticas como as protexidas da flora e da fauna, destrúe os nosos espazos naturais e a paisaxe, e tamén, como non, asusta ó turismo e ós nosos propios cidadáns.
Aumenta o perigo de maneira considerable con bo tempo ó aumentar o tráfico polas pistas e camiños forestáis dos medios de prevención e extinción de incendios.
É imprescindible para a proteción do medio en xeral, para a sociedade actual e futura, elaborar unhas normas elementais de uso así como regular zonas de entrenamento, concentracións e probas ou competicións especialmente.
O problema está xeneralizado por toda a xeografía, aumentan día a día os grupos, clubes organizados, con medios materiais e económicos que con sensación de impunidade transitan libremente.
Imos a propoñer unha serie de medidas, implicando algunhas delas unha postura clara e decidida por parte da Administración ó conlevar medidas legais que poden non ser do agrado dunha parte dos administrados.
Algunhas medidas requiren unha implantación urxente, dando prioridade a aquelas zonas onde as consecuencias ambientais son máis nocivas.
DANOS QUE PROVOCAN AS MOTOS, QUADS E VEHÍCULOS TODOTERREO
O uso das motos, quads e vehículos todoterreo incontrolados, provocan os seguintes danos:
Sobre o medio rural:
– Asustan o gando ceive provocando abortos que afectan as economías fráxiles dos gandeiros das zonas de montaña.
– Destrozan peches de fincas e regos de auga traballados para a rega.
– Danan congostras empedradas dende tempos inmemoriais.
– Fan sentir mal os cidadáns que viven no rural.
– Erosionan fortes pendentes ó abrir sucos coas rodas e ó pasar sempre polo mesmo lugar.
– Provocan inseguridade ó transitar por zonas forestais a madeireiros, propietarios e a nós mesmos, como se deu algún caso de colisionar un quad e darse á fuga.
Sobre o medio natural:
– Invaden vales e montes facendo concentración de ata 90, entre motos, quads e a veces todoterreos.
– Suben por dunas e praias.
– Cruzan zonas protexidas como ás da Rede Natura 2000 e os seus cursos de auga, as fragas, etc.
– Invaden zonas enchoupadas tipo turbeiras como son os terreos planinundables.
– Deixan manchas de combustibles e aceites polas zonas polas que transitan, así como latas, bolsas, etc.
– Cruzan bosques naturais e forestais por fóra dos camiños e sendas provocando erosión e levantando o pasto e raíces das árbores.
– Utilizan zonas queimadas, despexadas de matogueiras para a práctica de trial, etc.
Sobre a fauna e a flora:
– Poñen en perigo especies de fauna que xa son escasas, asoballan áreas ocupadas por especies de flora tamén escasas.
– Asustan a caza maior e menor incrementando o dano especialmente na época
de cría.
Sobre o patrimonio histórico:
– Marcan sucos ó subir polas aurelas dos castros e por mámoas.
SINXELO ANÁLISE E MEDIDAS CORRECTORAS
Educación do usuario do vehículo (moto, quad ou todoterreo) mediante folletos ou charlas en concellos, federacións, clubes ou asociacións adicadas a tal fin, así como divulgación na prensa das prácticas axeitadas.
Debe existir un modelo de solicitude que atenda:
– Número máximo de vehículos obxecto de autorización para transitar por un monte
– Tipo de vías que pode utilizar, a recomendación dos Axentes Forestais para o caso dos quads debe ser o mesmo que para todoterreos, é dicir, unicamente pistas asfaltadas ou ben, pistas co piso de terra de 6 metros de ancho con cunetas como dimensión mínima.
– Establecer unha clasificación de espazos co rango de prohibición, dende a prohibición total a distintos niveis de restricións.
– Deseñar un protocolo completo para cando se solicite unha proba deportiva de importancia local, autonómica, nacional ou internacional, solicitando a debida información ó organizador e que aporte a documentación precisa como se é preciso estudo de impacto ambiental.
MEDIDAS LEGAIS POR ENCAMIÑAR
O período entre os anos 2004 a 2006, caracterízanse polo incremento desta nova afición o que xustifica novas ferramentas legais obxectivas que poden ser de utilidade. É preciso experimentar a súa aplicación e facer valoracións obxectivas cos resultados para marcar as liñas a seguir.
Segundo a opinión do colectivo, posiblemente na precisa, axeitada, ben delimitada e evolucionada norma facilite unha eficiente aplicación, repercutindo en resultados positivos de cara a reducir o número de transgresións.
– Elaborar un plan de ordenación básico para Galiza que tivese en conta as áreas aptas para o uso destes vehículos en todo o territorio galego facendo especial fincapé nas zonas de uso intensivo como circuitos xa adaptados etc.
– Colocación de sinais, letreiros disuasorios e de prohibición.
– Aplicación de fortes sancións a aqueles que ó non cumplir as recomendacións e/ou superen as limitacións que se consideren axeitadas como deixar restos, invadir espazos protexidos, saírse das pistas referenciadas.
– Prohibir totalmente transitar por sendas, camiños e monte a través ou bosques.
– Prohibir totalmente o tránsito polos montes durante a época de máximo perigo de incendios e na época de reprodución das especies animais.
– Prohibir totalmente o tránsito por áreas queimadas por incendios forestais.
– Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os servizos forestais, elaborar protocolos de actuación en áreas onde sexa frecuente e reiterativa a presenza destes vehículos así como as concentracións de motorizados ou vehículos todoterreo.
– A todo inculpado, tanto xudicialmente como administrativamente se lle deben esixir os gastos de danos.
– Denuncia de tódalas neglixencias e infracións que poidan provocar segundo as normativas ambientais.
– Restrinxir, penalizar e vixiar os usos do monte queimado e poñer medios materiais e humanos para aplicala norma.
– Regular o emprego por este tipo de vehículos por parte de gandeiros ou veciños de áreas de montaña onde estes sexan empregados nas tarefas das distintas explotacións, sobre todo a gandería de montaña.
– Fomentar, entre as poboacións locais, o voluntariado social co único obxectivo de defender o monte e participar na realización de campañas informativas e de sensibilización en centros escolares, universidades e público en xeral.
NECESIDADES DOS AXENTES FORESTAIS
Creemos urxente a modernización e equipamento adecuado dos Axentes Forestais e propoñemos:
– Dotación ós Axentes Forestais de medios indispensables para un correcto desenvolvemento das súas funcións, tal como hoxe demanda a sociedade, así como adaptación dos vehículos á profesión. Somos un colectivo que debe ser actualizado en moitas facetas.
– Os Axentes Forestais deben de dotarse de sinalización acústica e luminosa nos vehículos do Servizo, ademáis de que a normativa debe facultalos para identificar o motorizado e o vehículo.
– Informar sobre situacións de risco, para as persoas, para o monte, áreas protexidas, bosques ou masas forestais, localizar as zonas de conflicto.
– Debería divulgarse entre os usuarios destes vehículos e da poboación en xeral a dispoñibilidade dos Distritos Forestais para recibir e estudar as propostas de uso.
– Implicar as Consellerías de Industria, Deporte e administracións locais.
Esperando que todas estas propostas nos axuden a acadar un uso respetuoso e civilizado co Medio Rural e o Medio Ambiente galego quedamos á súa enteira disposición.
Maio de 2006.
O Presidente de APRAFOGA.-