Detidos dous homes acusados de prender lumes en montes de Boiro e Teo
Cando aínda fumea a terra nos montes de Boiro, onde arderon 450 hectáreas de monte raso e arbolado, ou de Teo, onde se calcinaron 26, xa se practicaron as primeiras detencións vinculadas a estes incendios. Os imputados son dous homes, ambos de 63 anos de idade, cuxas iniciais son C. L. L., no caso do de Boiro, e A. N. S., no de Teo.
O primeiro, que ao parecer carece de antecedentes, foi arrestado pola Garda Civil boirense durante a mañá de onte. Os tripulantes dun helicóptero de recoñecemento que sobrevoaba a zona de Cures -onde ás 21.30 horas do sábado pasado comezaron as chamas- viron ao individuo prendendo lume nunhas matogueiras que se achaban a escasos metros dunha zona que estes días sucumbiu á acción devoradora do lume.
Natural de Muxía, C. L. L. reside no núcleo de Pomar do Río, no municipio boirense, e todo apunta a que non moi lonxe do lugar no que foi pillado in fraganti cando, presuntamente, tentaba que as chamas volvesen a reinar. O imputado permaneceu no cuartel da Garda Civil de Boiro até as tres da tarde e, posteriormente, foi trasladado pola Policía Autonómica, que se fixo cargo do detido, á súa base central de Fontiñas, en Compostela.
Vivendas próximas
Polo que respecta a A. N. S., natural de Val do Dubra, foi arrestado pola Policía Autonómica e está acusado do incendio que se produciu no lugar de Santa María de Lucí, no municipio coruñés de Teo. Nas proximidades da zona afectada hai vivendas e, nalgúns momentos, mentres se desenvolvían as tarefas de extinción, pensouse en desaloxar as casas máis próximas ás chamas. Con todo, a rápida actuación das brigadas impediu que persoas ou bens se viran afectados.
Os acusados serán postos hoxe a disposición xudicial para que presten declaración.
Transcorridas máis de 72 horas desde que comezou o incendio na parroquia de Cures, en Boiro, o último informe oficial emitido onte pola Consellería do Medio Rural cifra en 370 hectáreas a superficie de monte raso afectada e en 80 a de arbolado. Con todo, a Xunta tamén indica que estas estimacións son “moi provisionais”.
Controlado
O lume dáse por controlado, pero aínda non se considera extinguido. De feito, durante a xornada de onte, e pese a que houbo helicópteros sobrevoando a zona e regando o terreo desde primeira hora da mañá, non deixaron de rexistrarse rebrotes, que, afortunadamente, foron sofocados con rapidez.
Dáse a circunstancia de que non é a primeira vez que a masa forestal da parroquia de Cures e doutras áreas limítrofes de Boiro vese afectada polo lume. De feito, foron varias as ocasións nas que se queimou este territorio. Durante a vaga de lumes de 2006, que golpeou de cheo a comarca de Barbanza, Cures non se librou da acción devastadora das chamas e perdeu parte do seu arbolado.
Con todo, todo indica, a falta dos datos concretos, que este é o incendio de maiores dimensións que tivo lugar na zona, tanto polo número de xornadas nas que se tardou en controlalo como pola cantidade de hectáreas que se viron afectadas.
{xtypo_feed}A Voz{/xtypo_feed}