Dispoñibilidade pola cicloxénese do 27 de febreiro
Fernando García Fernández, secretario nacional da CIG-Autonómica, con enderezo a efectos de notificación no soto da Consellería de Educación, edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela,
EXPÓN:
O venres 26 de febreiro comunícase por teléfono ós funcionarios e funcionarias das escalas de Axentes forestais e Axentes facultativos medioambientais adscritos tanto ó Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais coma ao de Conservación da Natureza, que teñen que estar dispoñibles durante a xornada do 27 de febreiro por mor da emerxencia meteorolóxia que supón a chegada dunha cicloxénese á nosa xeografía. Esta dispoñibilidade afecta tamén ao persoal que está de libranza.
O Regulamento da escala de Axentes forestais (Decreto 293/1997, do 01 de outubro) no seu artigo 19 regula a obrigación do persoal a prestación dos servizos necesarios ata o cese da situación de emerxencia.
A Cofederación Intersindical Galega entende que nas situacións de emerxencia excepcional os Axentes forestais teñen que ser mobilizados si é preciso, pero plantéxanse as seguintes cuestións con respecto á seguridade, organización, cobertura do persoal e o desenvolvemento normativo do funcionamento do servizo destas escalas:
A dispoñibilidade non ven recollida no Regulamento dos AXentes forestais, nin no caduco Acordo de condicións de traballo dos Axentes forestais, polo que a orde é interpretada con criterios diferentes segundo a zona e o servizo: Cómo e onde se realiza esta dispoñibilidade?, cánto vai durar?, qué seguridade ten un traballador/a que vai en solitario polo monte?, cáles son as funcións que se teñen que realizar?.
O persoal das escalas de Axentes forestais e Axentes facultativos medioambientais non teñen bases habilitadas onde realizar esta “dispoñibilidade” e o deber de residencia xa non se aplica, se a esto lle sumamos a mala xestión do persoal por mor das provisións de postos (concursos, oposicións…) que fai que moita xente traballe alonxada do seu domicilio… reiteramos a pregunta: Un/unha Axente forestal nunha cicloxénese ten que permanecer nun vehículo no monte á espera de ser chamado/a?.
DENUNCIA:
A improvisación e a deixadez desta administración con estes traballadores e traballadoras xa que:
- Os Axentes facultativos medioambientais non teñen Regulamento nin Acordo que regule o seu funcionamento e actividades.
- O Acordo de condicións de traballo dos Axentes forestais atópase caducado dende hai tres anos e do que a Admón. é incapaz de negociar a súa renovación coas organizacións sindicais co gallo de que estas situacións queden cubertas e compensadas.
- A falta de avaliación de prevención de riscos, a falta de organización do traballo.
- A falta de bases e lugares axeitados onde realizar unha garda.
- A non cobertura de vacantes nin baixas por IT, vacacións, maternidade/paternidade, suspensións por risco no embarazo.
SOLICITA:
- A xuntanza inmediata da Comisión Paritaria de Seguimento do Acordo de condicións de traballo da escala de Axentes forestais para tratar as compensacións por esta dispoñibilidade e a aprobación dun novo Acordo.
- A realización negociada coa representación legal dos traballadores do Regulamento da escala de Axentes facultativos medioambientais.
- A Avaliación de Riscos Laborais e aplicación do Plan de Acción. Formación e información axeitada e a aplicación de fórmulas organizativas (protocolos de traballo e seguridade) de xeito que os traballadores e traballadoras non asuman riscos da súa saúde no seu traballo en emerxencias ambientais.
- Convocatoria dun concurso de traslados de xeito inmediato.
- A cobertura de tódalas baixas e vacantes.
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2010
Asdo.: Fernando García Fernández
Secretario Nacional CIG-Autonómica
{xtypo_feed}CIG{/xtypo_feed}
{jcomments on}